Quen somos

Quen somos

(Dos estatutos do partido político LiGanDo.)

logo-ligando-partido-150x150Ligando, é un partido político concebido para traballar na Galiza histórica (actual Comunidade Autónoma de Galicia e os territorios comprendidos na Galiza Irredenta/estremeira: comarca Eo-Navia de Asturias, As Portelas e Calabor na provincial actual de Zamora e o Bierzo Occidental de la actual provincia de León) e, polo tanto a súa legalización formal é para a actual Comunidade Autónoma de Galicia, Comunidade Autónoma de Asturias e a Comunidade Autónoma de Castilla y León. LGD é un partido democraticamente constituído para contribuír á determinación da política nacional galega e estatal e da formación da vontade política dos cidadáns de cara á creación dun Estado Galego propio de carácter asembleario por métodos democráticos e pacíficos. Promoverá a participación da xente en modelos sociais de auto-organización e auto-xestión así como nas institucións políticas representativas a través da presentación e apoio de candidaturas nas eleccións correspondentes, segundo os seguintes obxectivos específicos:

  • LGD é un partido arredista e polo tanto defende a causa nacional dos territorios galegos desde unha perspectiva nacionalista e adapta á realidade galega os discursos e os movementos sociais e políticos a prol da igualdade das persoas, a xustiza social, o reparto da riqueza, a garantía universal dos mínimos materiais para a supervivencia digna, o dereito universal a educación, a sanidade, a teito, o vestiario, a cultura e alimentación sen distinción por sexo, relixión, etnia, cultura, procedencia, orientación sexual… O arredismo, tamén, está comprometido coa protección do medio ambiente a nível local e global e defende o decrecemento voluntario individual e colectivo planificado como o xeito de practicar a solidariedade norte-sur e asumir, no teórico e no práctico, os límites físicos do noso planeta e do territorio no que nos tocou vivir.
  • LGD declárase eco-feminista e, polo tanto, introduce os postulados e reivindicacións deste movemento no seu discurso e proceder dun xeito transversal.
  • LGD é unha organización política que ten como prioridade traballar nos movementos sociais conxuntamente con outras persoas que compartan principios e obxectivos similares. Entende as eleccións ás institucións legalmente recoñecidas como un aspecto secundario á hora de desenvolver as súas prioridades de traballo.
  • LGD ten o idioma galego como o seu único idioma e, polo tanto, usará este nas distintas variantes e normativas como o idioma de comunicación e divulgación sempre e cando non existan impedimentos legais. LGD recoñece como normativas do galego de uso común, interno e externo, a da RAG e a normativa do Acordo da lingua galego-portuguesa.
  • LGD defende para o conxunto das persoas que viven na Galiza histórica, o dereito á constitución por métodos democráticos e pacíficos dun estado propio de carácter asembleario, por ser o mellor xeito de nos gobernar.
  • LGD sente como seu o inxente traballo teórico e práctico realizado por millóns de persoas desde o ámbito da esquerda a nível mundial e, polo tanto, bebe dos seus teóricos/as/xs históricos. O mesmo sucede coas persoas precursoras do nacionalismo galego en calquera das súas variantes históricas. LGD aposta e defende os proxectos de autoxestión e auto-organización do pobo galego e, polo tanto, apoia decididamente este modelo de emancipación social e económico como o mellor xeito de superar o modelo capitalista da sociedade actual.
  • LGD entende que Galiza comparte idioma, cultura, historia, paisaxe, intereses sociais, económicos, … co pobo portugués e polo tanto defende unha maior ligazón entre os dous pobos en todos os ámbitos. LGD terá dentro das súas prioridades políticas traballar para que a realidade social, cultural, económica, … de Portugal estea máis presente na sociedade galega e viceversa.