Estatutos

Estatutos

ESTATUTOS PARTIDO LIGANDO (LGD)

CAPÍTULO PRIMEIRO. DENOMINACIÓN, PROPÓSITO, DOMICILIO.

Artº1: Designación.

De conformidade co artigo 6 ° da Constitución española e 1 da Lei Orgánica 6/2002, de 27 de xuño, de partidos políticos, constitúese o partido político chamado Ligando, cuxas iniciais son LGD, sendo o símbolo do partido un trisquel a modo de folla de trevo puntiaguda formado por unha cinta en branco con bordes verdes entrelazada entre si, asimesmo, polo interior das follas de trevo entra e sae unha cinta azul en forma de circunferencia con bordes verdes. Debaixo da figura de orixe celta pode lerse a palabra ligando en vermello estando as letras L, G e D en maiúsculas e as restantes en minúsculas.

Figura do símbolo:

logo-ligando-partido-150x150

Ligando usará as redes sociais como a ferramenta preferente de comunicación, a tal fin dotarase de xeito oficial e formal da seguinte páxina www.ligando.org , do facebook https://www.facebook.com/Ligando-LGD-234801856897110/ e https://twitter.com/LiGanDo_LGD. O seu correo electrónico é contato@ligando.org e provisoriamente ligando.lgd@gmail.com

Art2º: Ámbito e propósito.

Ligando, é un partido político concebido para traballar na Galiza histórica (actual Comunidade Autónoma de Galicia e os territorios comprendidos na Galiza Irredenta/estremeira: comarca Eo-Navia de Asturias, As Portelas e Calabor na provincial actual de Zamora e o Bierzo Occidental de la actual provincia de León) e, polo tanto a súa legalización formal é para a actual Comunidade Autónoma de Galicia, Comunidade Autónoma de Asturias e a Comunidade Autónoma de Castilla y León. LGD é un partido democraticamente constituído para contribuír á determinación da política nacional galega e estatal e da formación da vontade política dos cidadáns de cara á creación dun Estado Galego propio de carácter asembleario por métodos democráticos e pacíficos. Promoverá a participación da xente en modelos sociais de auto-organización e auto-xestión así como nas institucións políticas representativas a través da presentación e apoio de candidaturas nas eleccións correspondentes, segundo os seguintes obxectivos específicos:

  • LGD é un partido arredista e polo tanto defende a causa nacional dos territorios galegos desde unha perspectiva nacionalista e adapta á realidade galega os discursos e os movementos sociais e políticos a prol da igualdade das persoas, a xustiza social, o reparto da riqueza, a garantía universal dos mínimos materiais para a supervivencia digna, o dereito universal a educación, a sanidade, a teito, o vestiario, a cultura e alimentación sen distinción por sexo, relixión, etnia, cultura, procedencia, orientación sexual… O arredismo, tamén, está comprometido coa protección do medio ambiente a nível local e global e defende o decrecemento voluntario individual e colectivo planificado como o xeito de practicar a solidariedade norte-sur e asumir, no teórico e no práctico, os límites físicos do noso planeta e do territorio no que nos tocou vivir.
  • LGD declárase eco-feminista e, polo tanto, introduce os postulados e reivindicacións deste movemento no seu discurso e proceder dun xeito transversal.
  • LGD é unha organización política que ten como prioridade traballar nos movementos sociais conxuntamente con outras persoas que compartan principios e obxectivos similares. Entende as eleccións ás institucións legalmente recoñecidas como un aspecto secundario á hora de desenvolver as súas prioridades de traballo.
  • LGD ten o idioma galego como o seu único idioma e, polo tanto, usará este nas distintas variantes e normativas como o idioma de comunicación e divulgación sempre e cando non existan impedimentos legais. LGD recoñece como normativas do galego de uso común, interno e externo, a da RAG e a normativa do Acordo da lingua galego-portuguesa.
  • LGD defende para o conxunto das persoas que viven na Galiza histórica, o dereito á constitución por métodos democráticos e pacíficos dun estado propio de carácter asembleario, por ser o mellor xeito de nos gobernar.
  • LGD sente como seu o inxente traballo teórico e práctico realizado por millóns de persoas desde o ámbito da esquerda a nivel mundial e, polo tanto, bebe dos seus teóricos/as/xs históricos. O mesmo sucede coas persoas precursoras do nacionalismo galego en calquera das súas variantes históricas. LGD aposta e defende os proxectos de autoxestión e auto-organización do pobo galego e, polo tanto, apoia decididamente este modelo de emancipación social e económico como o mellor xeito de superar o modelo capitalista da sociedade actual.
  • LGD entende que Galiza comparte idioma, cultura, historia, paisaxe, intereses sociais, económicos, … co pobo portugués e polo tanto defende unha maior ligazón entre os dous pobos en todos os ámbitos. LGD terá dentro das súas prioridades políticas traballar para que a realidade social, cultural, económica, … de Portugal estea máis presente na sociedade galega e viceversa.

Artº3: Domicilio.

O domicilio social radica en Lugar de Pousadoira 4, Parroquia de Callobre, Concello de Miño (15635) de A Coruña. O domicilio poderá ser modificado por acordo da Coordinadora de Asembleas.

CAPÍTULO SEGUNDO. AFILIADOS/AS/XS. DEREITOS E DEBERES.

Artº4: Afiliados/as/xs

Poderán ser afiliados/as/xs de Ligando as persoas físicas, maiores de idade, que non teñan limitada nin restrinxida a súa capacidade de obrar e teñan unha orixe galega, así como os cidadáns estranxeiros residentes no territorio histórico de Galiza cando a normativa vixente o permita.

Artº5: Admisión.

A calidade de membro del partido adquírese a solicitude da persoa interesada e por acordo maioritario da Asemblea de parroquia/Bairro que corresponda. No caso de non estar constituída a asemblea de base que corresponda territorialmente será a inmediatamente superior formalmente constituída a que decida sobre a solicitude de admisión.

Existirá no partido o Libro de Rexistro de Afiliados/as/xs, onde constarán os datos de altas e baixas definitivas.

Artº6: Dereitos dos/as/xs afiliados/as/xs

  1. A participar nas actividades do partido, nos órganos de goberno e representación, a exercer o dereito de voto, así como asistir ás Asembleas, de acordo cos estatutos.
  2. A ser electores e elixibles para os cargos do partido.
  3. A ser informados acerca da composición dos órganos directivos e de administración e/ou sobre as decisións adoptadas polos órganos directivos, sobre as actividades realizadas e sobre a situación económica.
  4. A impugnar os acordos dos órganos do partido que estimen contrarios á Lei ou aos estatutos.
  5. Formar parte dalgunha das Asembleas Comarcais constituídas e en funcionamento. No caso de que a Asemblea Comarcal territorial que lle corresponda non estea constituída, poderá libremente adherirse á que considere pertinente.
  6. Expresar libremente as súas opinións políticas nos debates internos.
  7. Discrepar publicamente das posicións maioritarias, sempre que na práctica non supoña unha contradición operativa que leve ao bloqueo ou boicot da decisión maioritaria.
  8. Elevar propostas aos órganos de LGD para a súa toma en consideración.
  9. Ser previamente oídos/as no caso de se propor sancións disciplinarias contra eles/elas/elxs e recorrer as sancións perante os órganos superiores (Asemblea de Asembleas).
  10. Recibir apoio solidario da organización ante os problemas derivados da súa militancia política.
  11. Acudir ao órgano (Comisión de Garantías) encargado da defensa dos dereitos dos/as/xs afiliados/as/xs.

Artº7: Obrigacións dos afiliados/as/xs.

  1. Compartir as finalidades do partido e colaborar para a consecución das mesmas.
  2. Respectar o disposto nos estatutos.
  3. Acatar e cumprir os acordos validamente adoptados polos órganos directivos do partido.
  4. Formar parte de, cando menos, unha organización non partidaria de carácter social.
  5. Contribuír, na medida das súas posibilidades, á definición e aplicación da liña política da organización.
  6. Irradiar no seu ámbito social as posicións do arredismo e o ideario de LGD.
  7. Defender a auto-organización e a auto-xestión do pobo galego a todos os níveis.
  8. Acatar e respectar as decisións maioritarias aínda no caso de discrepar con elas.
  9. Aboar a cota estipulada e asumir solidariamente os compromisos económicos que se derivaren do desenvolvemento da actividade política de LGD.
  10. Respectar nas manifestacións internas e externas e nos foros de internet aos compañeiros e compañeiras.

Artº8: Baixa de afiliado/a/x

Calquera afiliado/a/x do partido poderá cesar no mesmo libremente mediante a oportuna comunicación por escrito.

Artº9: Réxime disciplinario

Ligando establece a suspensión cautelar de afiliación aos/as/xs afiliados/as/xs incursos nun proceso penal respecto aos cales se teña ditado auto de apertura de xuízo oral ou por delito relacionados coa corrupción así como a sanción de expulsión do partido de aqueles que teñan sido condenados por algúns destes delitos. Correspóndelle a toma de decisións e a comunicación das medidas acordadas á Comisión de Garantías.

O afiliado/a/x que incumprise cos seus deberes para co partido ou que coa súa conduta pública ou privada menoscabe ou atente contra os principios do partido, será obxecto do correspondente expediente disciplinario do que se lle dará audiencia, con base ao seguinte procedemento:

  1. Calquera afiliado/a/x pode elevar, á asemblea comarcal que pertenza, proposta de inicio de investigación contra calquera membro do partido por incumprimento ou infrinximento dos estatutos.
  2. A proposta do punto 1 terá que ser tratada no prazo máximo dun mes na Asemblea Comarcal que poderá acordar dar traslado da mesma ao Comisión de Garantías ou non.
  3. No caso de que a Asemblea Comarcal decidise non dar traslado á Comisión de Garantías, o afiliado/a/xs ou grupo de afiliados/as/xs que iniciaron o proceso poderá recorrer, nun prazo de 15 días desde a toma do acordo, a decisión á Comisión de Garantías. A Comisión de Garantías, nun prazo máximo de 2 meses desde a recepción do recurso, deberá decidir se corresponde o inicio dun expediente de investigación ou o arquivo definitivo da causa.
  4. Se a Asemblea Comarcal ou a Comisión de Garantías acordan o inicio de expediente poñerase en coñecemento das partes interesadas e comunicándolles o inicio do proceso e a data de remate da mesma que non poderá superar os dous meses.
  5. A persoa ou persoas afiliadas ás que se lles abra un proceso de investigación por parte da comisión de garantías poderán aportar todas cantas probas documentais e testemuñais que consideren pertinente até 5 días antes do remate do proceso.
  6. A Comisión de Garantías, no prazo establecido, como período de tramitación do expediente dará audiencia presencial á persoa ou persoas afiliadas para que aporten probas na súa defensa.
  7. A persoa ou persoas afiliadas que solicitaron a apertura do expediente terán os mesmos dereitos que a persoa ou persoas afiliadas sobre as que recae a investigación á hora de aportar probas e polo tanto tamén poderán facer entrega de documentación e de probas testemuñais até 5 días antes do remate do proceso.
  8. Unha vez transcorrido o prazo establecido para o trámite do expediente, a Comisión de Garantías tomará unha decisión sobre a inocencia ou culpabilidade. A resolución do expediente farase no prazo máximo de 10 días naturais ao remate do proceso de investigación. No caso de acordarse culpabilidade por infrinxir os Estatutos de Ligando, a Comisión de Garantías acordará unha sanción que será efectiva desde o intre de toma da mesma. A decisión será comunicada nun prazo de 15 días ás distintas partes.
  9. A Decisión da Comisión de Garantías poderá ser recorrida diante da Asemblea de Asembleas Comarcais nun prazo de 30 días desde a recepción da comunicación.
  10. De producirse un recurso diante da Asemblea de Asembleas Comarcais, esta, no prazo máximo de 60 días poderá tomar o acordo de ratificar ou non a decisión da Comisión de Garantías. No caso de ser ratificado o acordo, á persoa ou persoas afiliadas aplicaráselles a sanción prevista e, no caso de non ser así, esta quedará derrogada. Para que a Asemblea de Asembleas Comarcais poida tomar a súa decisión, o expediente completo poderá ser revisado polo conxunto da afiliación desde o intre da presentación do recurso e até a toma, ou non, do acordo de ratificación. A votación de ratificación ou non do acordo será nominativa e secreta.

As faltas serán tipificadas como leves, graves e moi graves.

  1. Son faltas leves:
    1. As faltas reiteradas de asistencia, até un número de tres (3), ás reunións convocadas polo Partido, sen causa lexítima que o xustifique.
    2. A reiterada neglixencia ou impericia no cumprimento das funcións encomendadas polo Partido.
    3. O insulto ou menosprezo a afiliados/as/sx do partido.
  2. Son faltas graves:
    1. O incumprimento inxustificado das xornadas de traballo nos asuntos políticos e funcións do Partido.
    2. A participación en greves, reunións e manifestacións públicas, organizadas en contra da filosofía política do Partido.
    3. O abuso de autoridade e desviación de poder nos postos de responsabilidade do Partido ou outros postos públicos que se ocupen no seu nome.
    4. A emisión, en nome do Partido, de informes e a adopción de acordos que poidan causar dano ou menoscabo á ideoloxía política de LGD.
    5. A desobediencia das instrucións e directrices dos órganos do Partido.
    6. O insulto ou menosprezo reiterado a afiliados/as/xs do partido.
  3. Son faltas moi graves:
    1. A aceptación de subornos.
    2. As inxurias e ameazas públicas a afiliados/as/xs e órganos do Partido.
    3. O atentar contra a integridade física de persoas.
    4. O invadir e realizar actos de violencia e intimidación nos locais do Partido.
    5. O privar de liberdade persoal e secuestro a membros do partido.
    6. O difamar con acusacións infundadas a outro membro do Partido.
    7. O publicar e utilizar indebidamente os secretos do Partido en foros non recomendados polo mesmo.
    8. O violar os acordos e secretos políticos do Partido.
    9. A falsificación de firmas e documentos do Partido.
    10. A malversación dos fondos do Partido e outras fraudes.

Artº10:Sancións.

  1. As faltas leves serán obxecto das seguintes sancións:
    1. Amoestación,
    2. Apercibimento,
  2. As faltas graves sancionaranse con:
    A suspensión de militancia por tempo limitado e a/ou inhabilitación temporal para desempeñar cargo algún do Partido.
  3. As faltas moi graves sancionaranse con:
    1. A suspensión da militancia por un período de tempo determinado non inferior a un ano.
    2. A expulsión do Partido.

Artº 11:Responsabilidade civil e penal.

O réxime disciplinario establecido por estes Estatutos aplicarase estritamente, sen perxuízo da responsabilidade civil ou penal en que poida incorrer a militancia. As medidas disciplinarias e penais serán efectivas nas formas que determinan as leis, e con independencia das funcións políticas ou administrativas que ostente o/a militante afectado/a.

CAPITULO TERCEIRO. ÓRGANOS DE REPRESENTACIÓN, GOBERNO E ADMINISTRACIÓN.

Artº12: Órganos do partido.

  • A Asemblea Xeral.
  • A Conferencia Nacional.
  • A Asemblea de Asembleas Comarcais.
  • A Coordinadora das Asembleas Comarcais.
  • A Asemblea da Comarca.
  • A Executiva Comarcal.
  • A Asemblea de Concello.
  • A Asemblea de Parroquia ou Barrio.
  • A Comisión de Garantías.

1.-A Asemblea Xeral.

A Asemblea Xeral está constituída pola totalidade dos membros de LGD de xeito individual e intransferible.

Celebrarase de xeito ordinario cada 3 anos e de xeito extraordinario cando o decida un 40 por cento ou máis dos afiliados/as/xs, mediante sinatura recollida para tal fin en documento no que se especifique os asuntos a tratar, orde do día, documentos a debater e votacións previstas. Tamén quedará convocada, dita asemblea extraordinaria, cando un mínimo do 50% de Asembleas de Comarca constituídas e funcionando, así o decidan e teñan como nexo de unión os mesmos asuntos a tratar, orde do día, documentos a debater e votación previstas.

A Asemblea ordinaria será convocada cunha antelación mínima de 6 meses á súa celebración e a extraordinaria cun mínimo de 2 meses, estando encargada a Coordinadora de Asembleas Comarcais da súa convocatoria, do establecemento da Orde do Día e dos preparativos necesarios para a seu correcto desenvolvemento.

A Asemblea Xeral tomará os acordos por maioría simple, agás o referido á modificación de estatutos que terá que ser por un mínimo do 60% dos asistentes.

Antes de dar inicio a Asemblea Xeral ordinaria ou extraordinaria, o conxunto dos asistentes con dereito a voto deberán ratificar a proposta da Coordinadora de Asembleas Comarcais, a proposta de Regulamento da Asemblea, se a houber, e a proposta de Mesa da Asemblea. O debate e votación do regulamento da asemblea e da conformación da Mesa da Asemblea será moderado pola Presidencia, Secretaría e Tesoureiro de Ligando.

O regulamento recollerá os distintos aspectos, orde do día, e procedementos para o normal desenvolvemento da asemblea. O mesmo non poderá entrar en contradición cos presente estatutos. A Mesa encargarase de que a Asemblea discorra e tome os acordos dun xeito fluído, democrático e acorde cos presentes Estatutos.

O proceso de debate será en asemblea de todos os membros e da seguinte forma:

  1. A Mesa da Asemblea Xeral dará unha explicación do punto da orde do día que se vai tratar.
  2. Calquera persoa afiliada poderá apuntarse ao debate do punto.
  3. Abrirase un turno de debate acoutado no tempo.
  4. A mesa poderá decidir sobre a apertura dun segundo turno de debate de menor tempo que o primeiro.
  5. Unha vez pechados os turnos de debate procederase á votación.

Para poder participar no debate será imprescindible apuntarse ao debate do punto a tratar.

As Funcións da Asemblea Xeral Ordinaria e Extraordinaria son:

  • Acordar as liñas políticas básicas entre asembleas e as tácticas para levalas adiante.
  • Elixir de 3 a 7 persoas para formar parte da Coordinadora de Asembleas Comarcais.

Corresponden a estas persoas elixidas funcións executivas e representativas. A elección farase por 3 anos de xeito ordinario ou de xeito extraordinario para cubrir postos vacantes, por revogación e dimisión de cargos. Neste caso poderá delegarse na Asemblea de Asembleas. Os 3 cargos executivos mínimos a cubrir serán o de Tesourería, Secretaría de Organización e Portavoz. As funcións de cada posto son as seguintes:

Tesourería: Levar a contabilidade do partido e velar polo estrito cumprimento da lexislación vixente no tocante ao financiamento do partido. Elevar ao máximo órgano do partido unha proposta de orzamento anual e render contas diante do mesmo.
A Tesourería Nacional, dentro do rendemento de contas, cumprirá escrupulosamente coa remisión de contas anuais ao Tribunal de Contas dentro do prazo legalmente establecido, tal e como indica o art 3.2 ou a Ley Orgánica 6/2002.

Secretaría de Organización: Levantar acta de todas as xuntas e/ou acordos da Asemblea Xeral, da Coordinadora das Asembleas Comarcais, das Conferencias Nacionais, da Asemblea de Asembleas Comarcais; mediar nos conflitos internos; facer cumprir os estatutos e traballar na implantación orgánica do partido en todos os territorios da Galiza histórica. Presidir e moderar a Coordinadora de Asembleas Comarcais.

Portavoz: Facer de portavoz da organización diante da sociedade manifestando en todo momento o parecer do partido. Cumprir escrupulosamente cos mandatos dos distintos órganos de dirección política e organizativa. Representar legalmente ao partido diante de todas as administracións salvo delegación expresa, se as circunstancias o requiren. Substituír á Secretaria de Organización na moderación da Coordinadora de Asembleas Comarcais.

Os restantes postos executivos, no caso de existir, serán aprobados en Asemblea Xeral ou, no seu defecto, pola Asemblea de Asembleas. Ditos postos poderán ser renovados ou non na seguinte Asemblea Xeral na que se elixan novamente os cargos executivos. Todos os cargos executivos crearanse con competencias definidas.

Ningunha persoa poderá cumprir unha mesma función executiva por un período superior a 9 anos consecutivos.

  • Elixir os membros da Comisión de Garantías e dos seus suplentes. Serán suplentes, en orde de preferencia, aquelas persoas que se presente e non acaden os suficientes votos para forma parte dos 5 membros elixidos.

A orde do día das Asembleas Xerais será acordada pola Coordinadora de Asembleas Comarcais por maioría absoluta. Todos os membros da Coordinadora de Asembleas Comarcais poderán propoñer a inclusión de puntos na orde do día, mais estes só serán incluídos se obteñen a maioría absoluta dos asistentes á xunta na que se trate este asunto. A Coordinadora de Asembleas Comarcais non poderá convocar Asembleas Xerais extraordinarias.

2.-Conferencia Nacional.

A Conferencia Nacional está composta por toda a afiliación. Será convocada pola Coordinadora de Asembleas Comarcais para debater e acordar sobre asuntos sectoriais incluídos os de índole electoral, entre os que están os pactos pre-electorais e post-electorais. A convocatoria farase pola Coordinadora de Asembleas Comarcais cun prazo non inferior a unha semana e na mesma constará lugar e data da mesma, asuntos a debater e votacións previstas. Os acordos das Conferencias Nacionais serán de obrigado cumprimento para todos órganos de dirección e a afiliación do Partido. O funcionamento interno da Conferencia Nacional será o mesmo có previsto para a Asemblea Xeral e os acordos serán tomados por maioría absoluta dos seus asistentes. Todos os membros da Coordinadora de Asembleas Comarcais poderán propoñer a inclusión de puntos na orde do día, mais estes só serán incluídos se obteñen a maioría absoluta dos asistentes á xunta na que se trate este asunto.

O desenvolvemento das Conferencias Nacionais é o mesmo que o previsto para as Asembleas Nacionais.

3.-A Asemblea de Asembleas Comarcais.

É o máximo órgano de dirección política entre Asembleas Xerais e as súas funcións son as de levar adiante as accións necesarias para desenvolver as liñas políticas e as tácticas que permitan executar os acordos das Asembleas Xerais ordinarias e extraordinarias, así como das Conferencias Nacionais. Está composta por toda a afiliación que de xeito periódico se xunte para debater, propoñer e tomar decisións por medio das Asembleas Comarcais formalmente constituídas. As súas reunións ordinarias serán mensuais. Reunirase un mínimo de unha vez ao mes.

A Asemblea de Asembleas Comarcais recibirá da Coordinadora de Asembleas Comarcais, todos os meses, un plano cun calendario de obrigado cumprimento con todos os debates e decisións que se deben dar e tomar no mes seguinte á recepción da documentación.

A toma de decisións por parte da Asemblea de Asembleas comarcais será por maioría absoluta dos membros que participen en cada unha das votacións. As votacións faranse nas Asembleas Comarcais de xeito presencial e/ou telemático. Os votos dunha comarca serán tidos en conta no cómputo global para a toma de decisión de LGD , sempre e cando a participación da afiliación no proceso de votación non sexa inferior ao 25%.

A Asemblea de Asembleas Comarcais ten a obriga de debater e votar sobre os distintos temas que propoña a Coordinadora de Asembleas Comarcais a debate e/ou votación xa que é o órgano encargado da súa convocatoria e da conformación da súa orde do día. Os acordos será tomados por maioría absoluta e será a Coordinadora de Asembleas Comarcais a encargada de computar, levantar acta e transmitir os acordos ao conxunto da afiliación.

3 ou máis Asembleas Comarcais poden elevar unha proposta de debate e votación á Asemblea de Asembleas Comarcais. Neste caso a Coordinadora de Asembleas Comarcais velará pola inclusión na primeira orde do día que se elabore desde a recepción da mesma e pola boa execución do debate e toma en consideración ou non da proposta por parte da Asemblea de Asembleas Comarcais.

A Asemblea de Asembleas Comarcais, ao tratarse dun órgano que se reúne de xeito territorial mediante as Asembleas Comarcais, funcionará, no tocante ao procedemento das convocatorias e votacións, tal e como se especifica para as Asembleas Comarcais.

Dentro das funcións da Asemblea de Asembleas Comarcais destacan:

  • Definir e acordar campañas políticas específicas para o ámbito nacional ou de calquera das comarcas.
  • Velar pola correcta execución das campañas políticas acordadas.
  • Aprobar a participación e as candidaturas de LIGANDO nos procesos electorais dos organismos existentes no ámbito territorial da Galiza histórica ou dos territorios para os que fique legalizado o Partido.
  • Derrogar cargos unipersoais internos.
  • Ratificar ou non os acordos da Comisión de Garantías.

A Orde do día da Asemblea de Asembleas Comarcais será aprobada pola Coordinadora de Asembleas Comarcais. Será convocada cunha antelación mínima de 5 días e máxima de 30 días desde a toma do acordo da Coordinadora. Correspóndelle a cada un dos Portavoces comarcais facer efectiva a comunicación e velar pola celebración de cada unha das asembleas territoriais. Todos os membros da Coordinadora de Asembleas Comarcais poderán propoñer a inclusión de puntos na orde do día, mais estes só serán incluídos se obteñen a maioría absoluta dos asistentes á xunta na que se trate este asunto.

A Asemblea de Asembleas Comarcais tamén poderá ser convocada de xeito extraordinario cando así o decidan 3 ou máis Asembleas Comarcais. Neste caso a convocatoria será realizada cunha antelación mínima de 10 días e un máximo de 30 días. Na solicitude de convocatoria extraordinaria deberá constar orde do día e votacións previstas. Neste caso será a Coordinadora de Asembleas Comarcais a encargada de cumprir e facer cumprir a proposta de celebración de Asemblea Extraordinaria.

O funcionamento interno da Asemblea de Asembleas Comarcais será por medio das Asembleas Comarcais e, polo tanto, os debates e toma de decisións son os previstos para as Asembleas Comarcais.

4.-Coordinadora de Asembleas Comarcais.

É o órgano executivo e estará composta polos representantes das Asembleas Comarcais (entre 1 e 3 membros dependendo da afiliación) e os membros portavoces e executivos elixidos pola Asemblea Xeral (entre 3 e 7).

Reunirase de xeito ordinario unha vez cada mes e, de xeito extraordinario, cando o decida un mínimo do 40% dos seus membros ou o acorde a Secretaría de Organización.

As funcións son as de levar adiante o traballo do día a día de LGD cumprindo a dirección política da Asemblea de Asembleas Comarcais, dinamizar, controlar e fiscalizar o traballo das Executivas Comarcais e o proceder dos membros Portavoces e Executivos elixidos na Asemblea Xeral e Asembleas Comarcais.

A Coordinadora de Asembleas Comarcais será convocada pola Secretaría de Organización cunha antelación mínima de 5 días naturais, no caso de ser unha reunión ordinaria, e con 48 horas de antelación de tratarse dunha xunta extra-ordinaria. Na convocatoria incluirase data, hora, lugar, orde do día e votacións previstas. No caso de que 2 ou máis membros o propoñan incluiranse puntos na orde do día. A solicitude de inclusión de puntos na orde do día poderá facerse con 24 horas de antelación á celebración da xunta e a mesma será ratificada ou non pola maioría dos membros asistentes á xuntanza nada máis empezar a reunión. Este acordo tomarase por maioría simple.

As reunións serán presididas Moderador/a da Coordinadora que recaerá no/a Portavoz, no caso de non asistir a Secretaría e, no seu defecto, por un membro elixido de entre as persoas que a compoñen. As deliberacións iniciaranse con unha exposición do punto da orde do día a tratar por parte do/a moderador/a e a apertura dun debate, acoutado no tempo, ao que será preciso apuntarse previamente. Compete, á persoa moderadora, decidir se abre ou non un segundo debate. Tras o debate procederase a votación a man alzada (agás de que se trate de elección de persoas – neste caso será secreta-) e o acordo será tomado por maioría absoluta. No caso de existir máis de dúas propostas, pasarán a un segundo turno de votación as dúas propostas que acaden maior número de votos en primeira instancia.

O proceso de debate será da seguinte forma:

  1. A persoa moderadora dará unha explicación do punto da orde do día que se vai tratar e abrirá un turno para apuntarse ao debate.
  2. Calquera persoa asistente poderá apuntarse ao debate.
  3. Abrirase un turno de debate acoutado no tempo.
  4. A mesa poderá decidir sobre a apertura dun segundo turno de debate de menor tempo que o primeiro ao que tamén haberá que se apuntar.
  5. Unha vez pechados os tunos de debate procederase á votación.
  6. O acordo será tomado por maioría absoluta.

5.-A Asemblea de Comarca (Asembleas Comarcais).

Está composta por todos os afiliados/as/xs da comarca e aqueles outros que se sumen por pertencer a unha Asemblea de Parroquia/Barrio que non pertenza a ningunha Asemblea de Comarca, por non estar formalmente constituída á que lles correspondería por territorio.
A Asemblea de Comarca é o máximo órgano de dirección política da Comarca e correspóndelle marcar a liña política na comarca e tomar as decisións relativa ao seu territorio; así como elixir a Executiva Comarcal.

Competencias da Asemblea de Comarca:

  • Definir e decidir campañas políticas específicas para a súa comarca.
  • Executar as campañas políticas acordadas a nível nacional na Comarca.
  • Propoñer á Asemblea de Asembleas Comarcais a presentación de candidaturas municipais e/ou doutra índole por parte de Ligando nos organismos existentes no seu ámbito territorial.
  • Instar á Coordinadora de Asemblea de Asembleas Comarcais á inclusión de puntos da orde do día para o debate e votación por parte da Asemblea de Asembleas Comarcais, xunto con outras Asembleas Comarcais.
  • Instar á Coordinadora de Asembleas Comarcais a convocatoria de Conferencias Nacionais concretas.

A Asemblea de Comarca terá unha Comisión Executiva comarcal conformada por 1 Delegado/a de cada unha das asembleas parroquiais ou de barrio en funcionamento e polo/a/xa Portavoz Comarcal, a Secretaría Comarcal, e a Tesourería Comarcal. Estes tres postos unipersoais serán elixidos pola Asemblea de Comarca e terán só funcións de representación e executivas. Se a complexidade obriga á creación de máis postos executivos unipersoais, estes serán designados, pola Asemblea de Comarca, de entre os representantes de Asemblea de Parroquia ou Barrio.

A Asemblea de Comarca quedará constituída cando existan, cando menos, 5 Asembleas de Parroquia ou Barrio en funcionamento ou cando haxa un mínimo de 15 afiliados/as/xs no seu territorio.

A Asemblea de Comarca é o órgano de traballo máis importante de LGD e será neste ámbito onde a afiliación desenvolva con máis intensidade os debates e traballo político. Reunirase de xeito ordinario unha vez ao mes por medio de convocatoria feita pola Secretaría Comarcal cun prazo non inferior a 3 días na que constará, cando menos, lugar e hora de reunión, asuntos a tratar, e votacións previstas. De xeito extra-ordinario reunirase cando decida a Secretaría Comarcal ou o 20% da afiliación da Comarca en escrito, feito a tal efecto, no que constará lugar e hora de reunión, asuntos a tratar, e votacións previstas. A convocatoria extraordinaria farase con un prazo non inferior a 48 horas.

A orde do día da Asemblea Comarcal será elaborada pola Secretaría Comarcal e incluirá na orde do día os puntos que considere pertinentes e os propostos en tempo e forma por algún dos seus membros. Entenderase que as propostas de inclusión na orde do día chegan en tempo e forma sempre e cando a convocatoria teña sido enviada ao conxunto da afiliación.

A Asemblea Comarcal é máis importante que a Asemblea de Concello e, por ilo, a afiliación dun concello poderá pertencer a Asembleas de Comarca diferentes dependendo da cabeceira de comarca natural e onde desenvolva o seu traballo de acción social.

Os representantes da Asemblea Comarcal na Coordinadora de Asembleas Comarcais será de 1 membro se o número de afiliados na comarca é igual ou inferior a 25, 2 membros se a afiliación está comprendida entre 26 e 75 e de 3 se é igual ou superior a 76.

As responsabilidades dos cargos executivos son as seguintes:

Tesourería Comarcal: Levar a contabilidade do partido a nivel comarcal e velar polo estrito cumprimento da lexislación vixente no tocante ao financiamento do partido. Elevar á Asemblea Comarcal, en coordinación coa Tesourería Nacional, unha proposta de orzamento anual e render contas diante dos órganos nacionais e comarcais.

Secretaría de Organización Comarcal: Levantar acta de todas as xuntas e/ou acordos da Asemblea de Comarca; mediar nos conflitos internos da comarca; facer cumprir os estatutos e traballar na implantación orgánica do partido en todo os territorios da Comarca. Presidir e moderar a Asemblea de Comarca.

Portavoz: Facer de portavoz da organización diante da sociedade manifestando en todo momento o parecer do partido. Cumprir escrupulosamente cos mandatos dos distintos órganos de dirección política e organizativa. Representar legalmente ao partido diante de todas as administracións salvo delegación expresa, se as circunstancias o requiren. Substituír á Secretaría de Organización na moderación da Coordinadora de Asembleas Comarcais.

As reunións serán presididas polo/a moderador/a da Asemblea que recaerá no/a Portavoz Comarcal, no caso de non asistir a Secretaría de Organización Comarcal e, no seu defecto, por un membro elixido de entre as persoas que asistan. As deliberacións iniciaranse con unha exposición do punto da orde do día a tratar por parte do/a moderador/a e a apertura dun debate, acoutado no tempo, ao que será preciso apuntarse previamente. Compete á persoa moderadora decidir se abre ou non un segundo debate. Tralo debate, procederase a votación a man alzada (agás de que se trate de elección de persoas – neste caso será secreta-) e o acordo será tomado por maioría absoluta. No caso de existir máis de dúas propostas, pasarán a un segundo turno de votación as dúas propostas que acaden maior número de votos en primeira instancia.

O proceso de debate será da seguinte forma:

  1. A persoa moderadora dará unha explicación do punto da orde do día que se vai tratar e abrirá un turno para apuntarse ao debate.
  2. Calquera persoa asistente poderá apuntarse ao debate.
  3. Abrirase un turno de debate acoutado no tempo.
  4. A mesa poderá decidir sobre a apertura dun segundo turno de debate de menor tempo que o primeiro ao que tamén haberá que apuntarse.
  5. Unha vez pechados os tunos de debate procederase á votación.
  6. O acordo será tomado por maioría absoluta.

6.-A Executiva Comarcal.

Está formada polos representantes das Asembleas de Parroquia e/ou Bairro e polos 3 cargos unipersoais executivos elixidos na Asemblea Comarcal.

Reunirase de xeito ordinario unha vez cada quincena e de xeito extraordinario cando o decida un mínimo do 40% dos seus membros ou o acorde a Secretaría de Organización Comarcal.
As funcións son as de levar adiante o traballo do día a día de LGD na comarca cumprindo a dirección política dos órganos nacionais e da Asemblea Comarcal, dinamizar, controlar e fiscalizar o traballo das Asembleas de Concello e de Parroquiais/Bairro e o proceder dos membros executivos comarcais.

A Executiva Comarcal será convocada pola Secretaría de Organización Comarcal cunha antelación mínima de 5 días naturais, no caso de ser unha reunión ordinaria e con 48 horas de antelación, de tratarse dunha xunta extra-ordinaria. Na convocatoria incluirase data, hora, lugar, orde do día e votacións previstas.

7.-A Asemblea do Concello.

Ao ser LGD un partido que antepón o traballo na acción social por riba do traballo de representación institucional e ser os concellos estruturas principalmente administrativas, a Asemblea de Concello terá funcións pouco importantes e de mera coordinación do traballo político e social que se decida a nivel comarcal no territorio municipal.

A Asemblea do concello está composta por todos os afiliados que viven e están empadroados no concello.

8.-A Asemblea de Parroquia ou de Bairro.

É a estrutura de base para o traballo político dos afiliados/as/xs de LGD . Os seus membros reuniranse periodicamente (mínimo 1 vez ao mes) para asegurar que no seu entorno se efectivice o traballo político e de acción social, mediante a estrutura propia da parroquia/barrio e/ou mediante organizacións de ámbito superior, xa sexan coa presencia do propio partido ou de organizacións de carácter social.

A Asemblea de Parroquia/Barrio elixirá, entre os seus membros, un Delegado/a diante da Comisión Executiva Comarcal por un período máximo de un ano. A persoa elixida como delegada, se completa o período dun ano íntegro neste posto, non poderá volver a ser designada nun prazo mínimo de un ano para ocupar o mesmo posto.

En cada reunión da Asemblea de Parroquia elixirase un moderador e un secretario de actas que se encargarán das funcións propias para o correcto funcionamento da asemblea.

A persoa encargada de convocar as xuntas da Asemblea de Parroquia/Barrio é a persoa delegada diante da Comisión Executiva Comarcal, por vontade propia ou cando algún afiliado/a/x así o demande. Nas convocatorias farase constar lugar e hora de reunión, asuntos a tratar, e votacións previstas. Calquera afiliado poderá incluír puntos na orde do día sempre e cando o comunique con antelación ao envío da convocatoria da xunta prevista.
A Asemblea de Parroquia/Barrio constituirase cando existan, cando menos, 3 afiliados/as/xs no seu territorio de actuación política.

Pertencen a Asemblea de Parroquia ou Barrio todas as persoas afiliadas que vivan ou decidan desenvolver o seu traballo político e ou social máis inmediato nesa parroquia ou barrio.

9.-A Comisión de Garantías.

A Comisión de Garantías é o órgano encargado de velar polo respecto aos dereitos do afiliados/as/xs e o cumprimento dos principios fundamentais e normas de funcionamento de LIGANDO.

A Comisión de Garantías estará conformada por 5 persoas elixidas a tal efecto pola Asemblea Xeral mantendo unha paridade por sexos de 2-3. O proceso de elección recaerá nas 5 persoas máis votadas das que se presenten a cubrir ditos postos. A presidencia da Comisión de Garantías recaerá na persoa que consiga mais respaldos á hora de realizarse a votación de elección. A presidencia terá a responsabilidade do bo funcionamento da Comisión de Garantías.

As persoas que conformen a Comisión de Garantías non poderán formar parte de ningún outro órgano e/ou cargo do partido conformado por elección dos seus membros.

As funcións da Comisión de Garantías son as de resolver os asuntos que se planeen tras procedementos documentados e contraditorios de acordo cos estatutos do Partido, os documentos aprobados polos distintos organismos do partido, a lexislación vixente e os principios xerais de dereito.

No seu caso, a Comisión de Garantías publicará, nas actas resolutorias, os votos particulares dos seus membros.

Son funcións da Comisión de Garantías:

  1. Garantir os dereitos das persoas afiliadas a Ligando recollidas nos presentes estatutos.
  2. Velar polo cumprimento dos estatutos de Ligando.
  3. Ditar informes non vinculantes que sexan solicitados polos distintos órganos do Partido.
  4. Desenvolver protocolos de actuación, plans de cumprimento e de prevención, regulamentos internos e demais normativa interna necesaria para o correcto desenvolvemento das súas funcións.
  5. Resolver sobre conflitos territoriais e de competencias entre órganos do Partido.

A comisión de Garantías poderá recadar de organizacións da sociedade civil -comprendidas nos territorios da Galiza histórica – ou outro ámbito de especial relevancia na materia en litixio, un informe amicus curiae co posicionamento da mesma, a fin de colaborar na resolución de asuntos especialmente complexos ou sensíbeis, que non terá efectos vinculantes pero que se integrará no expediente. Asimesmo, e no caso de necesidade, poderá solicitar a calquera órgano do Partido a asistencia material que precise para levar a cabo as súas funcións.

Os órganos da Comisión de Garantías son: O Pleno e A Presidencia.

O Pleno está formado por todas as persoas integradas na Comisión de Garantías e as súas funcións son:

  • Elixir secretaria
  • Desenvolver o regulamento da Comisión de Garantías, os anexos, os regulamentos ou calquera outro regulamento que regule o seu funcionamento.
  • Tomar acordo, por maioría dos seus membros, sobre os distintos expedientes que tramite.

Artº13: Das votacións, acordos, revogacións, do procedemento de control democrático dos dirixentes elixidos e da reclamación da afiliación fronte aos acordos tomados.

As votacións e acordos ,salvo que se especifique o contrario, poderán ser a man alzada ou secreta. Será secreta sempre e cando corresponda elixir persoas e, nos demais casos, cando un mínimo do 10 % dos asistentes así o demanden. As votacións telemáticas serán secretas só para os casos de elección de persoas. As decisións de todos os órganos do partido procurarase que sexan por unanimidade e, no seu defecto, co maior apoio posible. No caso de existir posturas diversas, por non ser posible o acordo unánime, as decisións tomaranse sometendo a unha segunda votación as dúas posturas que reciban máis apoios na primeira votación. Entenderase que existe maioría absoluta entre dúas propostas, aquela que reciba máis apoios.

Todas as eleccións de cargos unipersoais executivos será mediante lista aberta e o posto será cuberto pola persoa que reciba máis apoios. A votación será secreta. No caso de elixirse máis dun posto, buscarase a paridade de sexos e, para tal fin, deberá ser aprobado previamente, polo órgano impulsor da votación, que postos serán cubertos por homes e cales por mulleres. A porcentaxe de reparto entre xéneros nunca poderá ser inferior ao 40% para un dos xéneros.

Todos os cargos persoais executivos, indistintamente do órgano do partido, poderán recaer na mesma persoa de xeito interrompido por un prazo igual ou inferior a 9 anos, salvo que se indique especificamente un tempo menor. A renovación de todos os cargos unipersoais farase nun prazo máximo de 2 meses desde a celebración da Asemblea Xeral ordinaria ou de 3 meses desde a celebración da Asemblea Xeral extraordinaria se na mesma houbo elección de cargos. As baixas por revogación ou dimisión serán cubertas nun prazo máximo de 3 meses desde a data na que se produce a baixa.

Os cargos unipersoais poderán ser revogados polo conxunto da militancia que o elixiu. O proceso de revogación, ou non, farase convocando por escrito, e con aval de cando menos o 40% de sinaturas do total dos membros correspondentes ao órgano afectado, a unha asemblea extraordinaria a tal efecto. Dita asemblea será convocada no escrito de sinaturas cun prazo non inferior a 30 días desde a entrega do mesmo á Secretaría Comarcal ou Secretaría de Organización segundo proceda. O proceso de revogación tomarase se máis da metade dos asistentes votan de xeito secreto afirmativamente a destitución.

Co fin de garantir a implantación e a boa imaxe pública do Partido Ligando, os cargos executivos nacionais non poderán ser sometidos a un proceso de revogación durante os 6 primeiros anos de implantación do partido e que empezarán a contar desde o memento que LIGANDO conste como partido legalizado diante do Ministerio do Interior.

Todos os cargos internos e externos de LIGANDO están obrigados a render contas diante do partido. Para realizar tal fin farán entrega dun informe cada tres meses do traballo desenvolvido no trimestre anterior á Asemblea de Asembleas Comarcais para que calquera persoa afiliada o poida consultar. A afiliación de xeito individual poderá requirir información sobre o proceder dos cargos institucionais. Este requirimento será contestado por escrito, no prazo máximo de un mes, desde a recepción do escrito por parte do cargo interpelado.

Calquera afiliado/a/x poderá reclamar contra acordos que considere vaian en contra dos principios políticos e estatutos de LIGANDO. Para reclamar contra un acordo, presentará escrito razoado diante do organismo que tomou dito acordo nun prazo de 15 días desde a toma do acordo, ou 3 desde aprobación da acta en que se notifica o acordo. A reclamación será revisada, debatida e votada na primeira xunta ordinaria do organismo correspondente. No caso de desestimarse a reclamación, o afiliado/a/x poderá elevar a súa reclamación á Comisión de Garantías que estará obrigada a abrir o correspondente expediente contraditorio e tomar unha decisión en base ao artigo 12.9 dos presentes estatutos.

Artº14: Da mocidade.

As persoas menores de 25 anos, e en base a lexislación vixente, poderán constituír un referente da mocidade con estatutos, regulamento e funcionamento independente. O referente da mocidade de LGD deberá contar co referendo da Asemblea Xeral ou das Asembleas de Asembleas Comarcais, para ser considerado unha sección propia.

CAPITULO CUARTO. RÉXIME ECONÓMICO E PATRIMONIAL.

Artº15: Financiamento.

O financiamento de Ligando será sempre acorde á lexislación vixente e, polo tanto, no caso de que algún dos artigos dos seus estatutos entre en contradición coa mesma, verase automaticamente derogado.

LGD establece como auto-prohibición o financiamento ordinario ou extraordinario de calquera dos seus órganos, campañas e funcionamento ordinario e extra-ordinario mediante créditos con entidades bancarias ou similares, tanto privadas como públicas.

Recursos económicos:

  1. Os procedentes do financiamento privado
  2. As cotas e doazóns dos seus afiliados, adheridos e simpatizantes.
  3. Os produtos das actividades propias do partido político e os rendementos procedentes da xestión do seu propio patrimonio, os beneficios procedentes das súas actividades de promoción e/ou outros, e os que poidan obterse dos servizos que poidan prestar en relación cos seus fins específicos.
  4. As doazóns en diñeiro o en especie, que perciban nos termos e condiciones previstos na Lei 8/2007 ou a que a substitúa.
  5. Os fondos procedentes dos préstamos dos seus afiliados/as/xs.
  6. As herdanzas ou legados que reciben.
  7. Queda expresamente prohibido o financiamento mediante créditos bancarios.

Artº16º: Procedemento de rendición de contas. Administración, fiscalización e control.

A administración, fiscalización e control de seu réxime económico e patrimonial realizarase acorde ás seguintes normas:

Antes do 31 de decembro de cada ano, a Coordinadora de Asembleas dirixidos pola Tesourería Nacional e, en coordinación coas Tesourerías Comarcais, elaborará unha proposta de orzamento ordinario para o ano vindeiro. Será a Asemblea de Asembleas Comarcais a encargada de rexeitar, modificar ou aprobar dito orzamento.

Tamén poderán presentar á Coordinadora de Asembleas, seguindo o mesmo procedemento que no caso anterior, orzamentos de campañas para sufragar os seus gastos específicos, sendo a Asemblea de Asembleas Comarcais a que dará ou non o visto bo aos mesmos.

A tesourería será a encargada de mirar polo estrito cumprimento da lexislación vixente en cada momento e por unha escrupulosa transparencia interna e externa da contabilidade de LGD.

Calquera afiliado/a/x terá o dereito de ser informado polo miúdo das contas do partido, sempre e cando o solicite por escrito.

Artº17º: Réxime documental. Obrigacións contables.

O partido levará, ademais do Libro de Afiliados/as/xs, os Libros de Actas, de Contabilidade, de Tesourería, e de Inventarios e Balances. O seu contido fixarase regulamentariamente e permitirá, en todo momento, coñecer a súa situación financeira.
A contabilidade de LGD adecuarase aos principios e normas de contabilidade que a lexislación estableza en cada momento.

CAPÍTULO QUINTO. DISOLUCIÓN DO PARTIDO.

Artº18º: Disolución.

O partido disolverase ou extinguirá por acordo maioritario da Asemblea Xeral. Dito acordo terá que ser tomado en Asemblea Xeral Extraordinaria convocada a tal efecto. No caso de existir patrimonio este terá que ser entregado, sen ningunha contraprestación, a unha ou varias organizacións que cumpran cos principios fundacionais de LGD .