Diario de precampaña: coidados

Diario de precampaña: coidados

Hoxe vouvos falar dun dos eixos do noso programa: a sociedade dos Coidados. Parece que os políticos sempre estiveran na forza da vida. Porque sempre gobernan para os fortes, para os que gozan de saúde, para os que están no máximo das súas capacidades vitais. Gobernan precisamente para aqueles que non os necesitan. Cun concepto productivista da política municipal. Fan de nós, dos cidadáns, unha mercadoría máis que cando non funciona, se desbota ou se esquece.

Pero quen se acorda dos que non temos comodidades, nin moitas posibilidades económicas, nin automóbil para nos desprazar, nin transporte público axeitado, nin unha cidade pola que se poida pasear en cadeira de rodas ou cun carro de crianza sen arriscar a nosa seguridade?. Quen se acorda dos que teñen problemas de visión? Quen dos nenos que non teñen espazos tranquilos no barrio para poder xogar, lonxe das pantallas?. Quen se acorda de facer accesos seguros a pé ás instalacións deportivas municipais? E, tamén pregunto, quen se acorda dos desempregados?

A política está chea de persoas que só ven os problemas que lles afectan a eles e a súa entorna de relación profesional, e eses problemas non adoitan ser os da maioría. Os políticos non viaxan en bus nin saben o duro que é agardar nunha parada infradotada como a de enfronte o hospital Marcide por poñer un exemplo), sen información de horarios nin sequera cunha marquesiña protexida contra a chuvia e o vento. Ou ter problemas de mobilidade e ter que subir ao único bus que en Caranza nos leva ao hospital e xusto esa liña non ter bus adaptado á mobilidade reducida.

Mesmo haberá alcaldes que ao deixar seu cargo, andando os anos, cando chegan a maiores ou sofren dalgunha doenza, decataranse desde a súa vulnerabilidade, do mal deseñadas que foron as súas propias políticas municipais.

Nefastas políticas que se agravan para as persoas con escasos ou nulos recursos vitais.

Desde LiGanDo defendemos unha política municipal centrada nos Coidados das persoas e dos colectivos máis vulnerábeis. Queremos ter un Ferrol diferente, unha cidade habitable, con transporte de calidade para poder ir dun hospital a outro, dun barrio a outro, do rural á cidade…con normalidade. Un Ferrol no que os desprazamentos a pé, en bici, en bus ou en tren sexan prioritarios. Un Ferrol con parques ben dotados repartidos polos barrios, con zonas arboradas de sombra onde novos e vellos poidan desfrutar do lecer sen necesidade de entrar nun centro comercial. Un Ferrol cunha boa rede municipal asistencial e sociocultural descentralizada (axuda a domicilio, comedores sociais de calidade, acompañamento e socialización, casas de acollida, albergues, banco de vivendas colaborativas e sociais…).

Queremos un Ferrol pensado para as persoas, non para os automóbiles. Porque a mellor cidade é aquela onde poida camiñar un neno só con seguridade.

Un Ferrol onde todos nos sintamos acollidos polas políticas municipais porque todos somos ou seremos vulnerábeis e para atender á vulnerabilidade é para o que se necesitan as administracións públicas.

Iolanda Teixeiro Rei. Candidata á alcaldía de Ferrol.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *