Diario de precampaña: DEVOLUCIÓN Á VECIÑANZA DOS MONTES EN MAN COMÚN DE DONIÑOS-BRIÓN (MONTES VECIÑAIS DO CHA)

Diario de precampaña: DEVOLUCIÓN Á VECIÑANZA DOS MONTES EN MAN COMÚN DE DONIÑOS-BRIÓN (MONTES VECIÑAIS DO CHA)



Hoxe quero recoller as xustas e históricas demandas pola recuperación dos Montes en Man Común de Doniños-Brión. Precisamente porque este xoves, 28 de marzo, a Asociación Montes Veciñais do Cha ten a ollada posta no que se decida no Pleno de Ferrol que tratará as súas reclamacións.

Para quen descoñeza a problemática, dicirlles que foi no ano 1939 que o concello de Serantes foi anexionado á forza ao concello de Ferrol e a consecuencia, todas as parroquias rurais como Doniños-Brión foron abandonadas e desposuídas dos seus montes veciñais. Algúns foron devoltos, mais non así os da Cha, a pesar da loita que a Asociación Montes Veciñais do Cha veñen de facer dende o 2011 para recuperar a titularidade.

Como ben di a Asociación:

A pesar de ser comunais son de titularidade municipal do concello de Ferrol dende que foron usurpados en 1964 pola ditadura.

Esta Asociación continúa coas reivindicacións veciñais que se fixeron dende os 80 onde se leva presionando ao concello e ao Xurado Provincial de Montes para conseguir a súa clasificación como Monte Comunal en Man Común. Pero ante a pasividade de ámbolosdous organismos, dende o 2016 vimos ocupando o monte con plantacións de árbores autóctonas. O concello, titular actual do monte, leva sen facer un cortalumes dende hai máis de 7 anos. Prometeu que ía sacar unha ordenanza e aprobala no pleno para recoñecer formalmente o uso lexítimo dos veciños, o que vai esta semana a pleno. Pero dubidamos que poida ser efectiva porque co plazo de alegacións e posterior ratificación en pleno, caerá fóra desta lexislatura. O concello encargou un proxecto de ordenación a Entyl no que gastou a redor de 10.000 euros, e agora demora meses en responder ás nosas demandas de modificación deste proxecto que non inclúe moitas das nosas propostas. Comprometeuse tamén, a elaborar un convenio de colaboración coa nosa asociación para que nós poidamos mellorar as pistas e sendas, axeitar e marcar as mámoas e repoboemos con especies autóctonas. Pero todo anda de despacho en despacho.

Por último, tamén se demora ata o infinito na solicitude de permisos de plantación, a pesar de lerlles nós feito o proxecto. Co que non nos deixa máis opción que levar a cabo as novas plantacións de xeito ilegal.

Nós vemos como dende a dictadura este lugar foi escenario de diversos proxecto especulativos, plantacións de piñeiros e queimas sucesivas para voltar a replantar, imposibilitar que os veciños levasen o gando a este monte de 230 has. Planes de campos de golf, polígonos industriais, escombreiras de obras…que, afortunadamente, non se levaron a cabo, pero que, dun xeito ou outro, interromperon a clasificación do monte como Monte Veciñal en Man Común. Isto levou ao monte a un estado de abandono que vimos denunciando.

Agora estamos pendentes de que o vindeiro xoves 28 de marzo se trate no pleno do concello, pero unha das moitas apreciacións que facemos dende a asociación é que estas promesas que se nos veñen facendo nesta lexislatura son moi vistosas pero non se rematan de concretar e materializar por falla de persoal e un seguimento rigoroso por parte do goberno.”

Desde LiGanDo-LGD, como organización política decrecentista e a prol da autoxestión, apoiamos totalmente a devolución dos Montes en Man Común do Cha aos veciños de Doniños-Brión. E criticamos duramente a un goberno que non foi quen de restituir a titularidade histórica destes montes cando se gaba de defender a participación cidadá.

Iolanda Teixeiro Rei. Candidata á alcaldía de Ferrol.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *