Diario de precampaña. Estimado/a votante do Partido Popular de Galicia:

Hoxe voume dirixir as persoas que habitualmente votan ao Partido Popular de Galicia. Penso que unha organización como a nosa que pretende recoller apoios que van desde as persoas que participan nos movementos asociativos e de auto-organización, pasando polas persoas traballadoras autónomos, micro-empresas e traballadores/as en xeral ate chegar as persoas mais convencionais da sociedade ten que poder dirixirse aberta e sinceramente a eses sectores mais moderados e galeguistas que habitualmente votan ao Partido Popular.
Diríxome as persoas que habitualmente votan PP, pero que non só están descontentas con este partido senón, tamén, fartas das continuas corrupcións nas que se ve envoltos os seus dirixentes, a súa radicalización cara a estrema-dereita e o seu renegar e mesmo colaborar en destruír o carácter identitario de Galicia. Penso que a actual dirección do PP de G ten unha operación en marcha para fuxir da centralidade social e esta obedece á vontade dos seus dirixentes de seguir as consignas de grupos minoritarios e radicalizados que para nada representan a maioría da nosa sociedade. Serva como exemplo a actuación do PP de G no tema lingüístico, ao aceitar o discurso e as consignas da dirixente radical Gloria Lago. Persoa esta que é descendente directa dos culpables da morte por envelenamento de varias persoas pola adulteración alimentaria acontecida no ano 1963 (intoxicación por metílico). Outro tanto sucede, no tema dos dereitos das mulleres ao facer o Sr. Feijoo e o PP de G seguidismo desa minoría radical que representa o partido ultra-nacionalista español co que pactou o Sr. Casado en Andalucía.
O principal problema que xurde ao facer caso das minorías radicalizadas, polas que o PP ten debilidade, é que introduce nos seus posicionamentos consignas contrarias á igualdade, á nosa cultura e idioma e mesmo a aceptación da violencia física como a maneira de dirimir as diferencias no ámbito político. A ninguén se lle escapa que o PP e Rey Varela non condenaron a brutal agresión que a extrema-dereita ferrolana lle deu a un home en pleno centro da nosa cidade, provocándolle feridas graves que o levaron a estar hospitalizado varios días polo simple feito de ser (en palabras dos agresores) un “rojo de mierda”.
Desde LiGanDo sabemos que dirixir mensaxes a base electoral dun partido político ten que ir acompañado coa predisposición ao dialogo cos seus dirixentes. En LGD temos dito en mais dunha ocasión que somos de esquerda pero que non nos sentimos identificados cos anti-PP políticos que tanto abundan na nosa sociedade e, polo tanto, temos claro que a nosa posición está aberta ao dialogo co Partido Popular de Galicia e cos seus dirixentes, co fin de intentar chegar a acordos puntuais. O que tamén temos claro é que o candidato do PP en Ferrol puxo difícil calquera entendemento con nós; non porque sexa do PP de G, senón porque está levando unha campaña que nos definimos como: “campaña de gasolina a vena”. A súa campaña centrase en facer propostas e mais propostas que precisarían de somar varias veces o orzamento municipal de Ferrol para poder realizalas. Ademais, esquece por completo as persoas e os problemas sinxelos que requiren mais de vontade política que de cartos.
Somos unha organización pequena e atípica. Sabémolo. Mais tamén sabemos que somos unha organización que pon sentido ao discurso político nun momento histórico como o que se está vivindo actualmente, que non é outro que a desaparición do crecemento económico como a forma de solucionar os problemas. LiGanDo non só defende o Decrecemento desde unha visión filosófica para así ter en conta os desfavorecidos e esquecidos. Defendemos o Decrecemento porque sabemos que é a única alternativa para un planeta abocado a vivir na incerteza climática e na falta de recursos ambientais, mineiros e enerxéticos.
Queremos facer de LiGanDo unha alternativa que recolla as persoas incomodas con un PP de G que cada día é mais ante-galego, machista e que aceita con normalidade a convivencia co nacionalismo español mais ultra e radical. Que o electorado moderado e galeguista do Partido Popular o abandone, deixando de votalo, depende en boa medida da existencia dunha alternativa que recolla as inquedanzas que estes sectores teñen. LiGanDo ten a porta aberta para recoller todo este descontento e, ademais, coa nosa postura de porta aberta queremos forzar a Rey Varela, a Feijoo e a Miguel Tellado a que teñan presente que escorar cara a extrema-dereita vai significar a fuxida do apoio das persoas moderadas que sempre os apoiaron cara a nosa organización.
Iolanda Teixeiro Rei.
Candidata á alcaldía de Ferrol.