DIARIO DE PRECAMPAÑA: Por unha mocidade dona do seu futuro.

DIARIO DE PRECAMPAÑA: Por unha mocidade dona do seu futuro.

Desde LiGanDo pensamos que á mocidade ferrolana non se lle pode mentir con paxariñas preñadas e con un futuro de coches voadores cando o devalo das enerxías fósiles e dos recursos mineiros van ser o elemento fundamental que van marcar as súas vidas. Coa información da realidade enerxética mundial e tendo claro o primeiro principio da termodinámica a mocidade ten que ter a oportunidade de debater e comezar a construír o mundo do futuro e deberá poder decidir se a súa aposta pasa por coches eléctricos para unha elite económica ou se pola contra quere que os desprazamentos do futuro sexa en transporte público -trens de proximidade, carrís-bici, a pé, …) para que todxs teñamos os mesmos dereitos. En LiGanDo sabemos que a mocidade precisa que as persoas adultas lles deixemos un planeta minimamente habitable. Que os adultos deixemos de actuar como axentes activos a prol da mudanza climática.

O modo de vida das persoas adultas que ignora os límites físicos do planeta, a contaminación, a mudanza climática, o espolio do sur polo norte, a discriminación das mulleres, … etc, pon en perigo non só futuro dos mozos e mozas senón que pon en perigo a mesma supervivencia da humanidade.

Pensamos desde LGD que dotar a nosa cidade de puntos de encontro, para a mocidade, con recursos e servizos é algo fundamental para que o conxunto da sociedade de Ferrol se poida beneficiar da creatividade e empuxe que sempre representa a sangue nova. O Foro da Mocidade e as organización xuvenís, teñen que poder elevar propostas que sexan vinculantes para o Concello. A mocidade debe poder decidir sobre parte do orzamento municipal e sobre todo debe saír do esquecemento ao que estivo sometida estes 4 anos do goberno de FeC. Que Ferrol teña unha Casa da Xuventude, funcionando, viva e non manipulada desde o poder municipal é fundamental.

En LGD sabemos que a Mocidade non precisa que lles organicen o mundo virtual o que precisan e capacidade de decisión e o dereito a cometer erros no mundo real.

Desde LiGanDo estamos seguros que a mocidade quere un Ferrol real e non virtual e que exixen a autoxestión dos seus espazos, tempos, cartos, … lonxe do desprezo e do paternalismo que tanto caracteriza as políticas da escala de valores dos BBVA (brancos, burgueses, varóns, adultos) que rexe a nosa cidade.

En LiGanDo-LGD non queremos entreter á Mocidade. Pola contra queremos darlles ferramentas para que eles mesmos autoxestionen a súa vida académica, laboral, social…Porque a Mocidade Ferrolana ten que ser a que decida se quere innovacións 4.0, torneos virtuais, business angel ou se pola contra quere unha ría saneada para poder traballar en cultivos mariños respectuosos como medio natural ou unha Universidade pensada para descubrir as posibilidades do territorio que habita e pegada á realidade socio-laboral da comarca.

As propostas que os xornais da cidade sacan un día si e outro tamén como as 100 ideas de Rey Varela para a cidade de Ferrol están empezando a ser as 100 ocorrencias dunha mala película de ciencia ficción. Desde LGD non sabemos se dentro destas propostas fantasiosas están incluído a construción de túneles submarinos que conecten a Ferrol coa Coruña, o Reino Unido e con Nova York, mais non é descartable. Toda esta propaganda grotesca parecese mais a unha inocentada do 1 de Abril que un conxunto de propostas reais para o futuro da nosa cidade.

Todos sabemos que o goberno de FeC foi un goberno froxo en ideas, nula capacidade negociadora e falto de palabra. Este comportamento foi, tamén, o que tivo coa mocidade. Por desgraza a mocidade e xunto coa infancia, as mulleres, os desempregados e precarios, as persoas maiores, os inmigrantes e as persoas de diversidade funcional a que engrosa esa maioría social que conforman xs esquecidxs da política. Que conforman xs esquecidxs de FeC.

Os partidos políticos tenden a tratar a mocidade con desprezo e paternalismo e Rey Varela (o rei da prensa ferrolana) coas súas propostas non concibe máis política para a Mocidade que mantela entretida con programas de ocio alternativo dun Ferrol virtual paralelo a este outro Ferrol real onde a mocidade emigra por desidia de todas administracións, tamén da local. Unha Mocidade á que se segue a formar dentro dun sistema educativo para que a profesión sexa o único elemento que conforme a súa personalidade e o seu futuro. Formar persoas desde o sistema educativo pensando só na vertente laboral e a mellor forma de formar emigrantes pois un territorio como o galego -grazas ao minifundismo e a súa articulación social e económica na pequena escala- non se adecúa facilmente aos caprichos das multinacionais que son os fornecedoras dos postos de traballo para os que se forman axs mozxs no sistema educativo. Precisamos un sistema educativo e unha sociedade que axude a conformar a personalidade das crianzas e dos mozos en muito mais que na profesión que van ter que exercer. Ademais, formar persoas en falsas expectativas fai que estas ao saír ao agresivo mundo laboral e fracasar inicien un proceso de auto-desprezo e/ou se somen a engrosar a emigración masiva ás grandes cidades de España ou do estranxeiro en busca dese posto de traballo para o que tantos anos se estiveron formando e sacrificando.

Iolanda Teixeiro Rei.

Candidata á alcaldía de Ferrol

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará