8 M: POLA DESMERCANTILIZACIÓN DA SOCIEDADE!!!

8 M: POLA DESMERCANTILIZACIÓN DA SOCIEDADE!!!

Estamos diante dun novo 8 de Marzo e toca falar de igualdade, mais este 8 de Marzo de 2019 é diferente porque o ano pasado fixemos historia con mobilizacións sen precedentes. Grazas a nós, a todas NOSOUTRAS avanzamos de xeito importante. Grazas ás mobilizacións e a greve do 2018 o feminismo forma parte do debate político do momento actual e, ademais, conseguimos que o de agocharse no termo “feminino” de moitas mulleres para fuxir do feminismo soe ridículo. Hoxe, 8 de Marzo de 2019 case todas nos dicimos feministas e isto é o marabilloso do momento que estamos vivindo.

No pasado, tamén houbo avances grazas as loitas doutros movementos sociais, mais estes avances moitas das veces teñen sido absorbidos por prácticas capitalistas que desvirtuaron o conseguido ate converter o avance nunha pata mais sobre as que se apoian as inxustizas do capitalismo.

Desde LiGanDo-LGD sabemos que ás mulleres nunca nada nos deron, que todo o conseguimos co noso esforzo, a axuda-mutua e a colaboración entre nosoutras. Tamén, sabemos que a igualdade non pode ser unha palabra baleira de contido e que ten que asentarse en muito mais que na paridade de xénero. Como mulleres que participamos activamente no mundo da política sabemos do desprezo que moitos sectores da sociedade ten para coas nosas propostas Decrecentista, por estar estas asentadas nunha visión ecofeminista do mundo. Chega con reparar do trato que lle dan á nosa candidatura á alcaldía de Ferrol desde os ambientes politizados da sociedade de Ferrol, de moitos dos movementos sociais e dos medios de comunicación. Se a nosa fora unha candidatura composta maioritariamente por homes, cunha cara visible masculina estamos seguras que non seriamos tratadas con tan pouca “profesionalidade” e sobre todo non seriamos tratadas con tanta condescendencia e desprezo.

Somos conscientes que o Decrescimento -principio fundamental de LGD- pon no centro do debate o discurso ecofeminista e iso incomoda aos poderosos desta sociedade que teñen como guía os valores BBVA (brancos, burgueses, varóns e adultos). Desde LiGanDo non defendemos simplemente a paridade de xénero e por iso non compartimos o discurso capitalista que parte da solución pasa porque haxa mais mulleres nos consellos de administración das grandes empresas e cousas similares. Para nosoutras as multinacionais son parte do problema e polo tanto o que precisamos e combater como mulleres feministas a economía da globalización coa economía de proximidade e do necesario.

Desde LiGanDo sabemos que é preciso DESMERCANTILIZAR A SOCIEDADE

Desmercantilizar os coidados. Desmercantilizar o tempo secuestrado polas Multinacionais que escorrega polo sumidoiros do PIB a economía neoliberal. Desmercantilizar o corpo do imperio criminoso da moda e da represión. Desmercantilizar os afectos, a familia, o sexo, a amizade e o amor. Precisamos repensar o mundo das relacións interpersoais. Desmercantilizar a crianza e a reprodución, a saúde, a eucación, a produción e o reparto. Tirar as mans do lucro das que se apropiou o PIB. Recuperar as redes comunitarias, os valores da axuda-mutua e a autoxestión. Desmercantilizar lecer, a palabra e o pensamento. En LiGanDo-LGD non nos contentamos con crebar o teito de cristal para nos igualar aos homes nos mesmos valores patriarcais. En LGD traballamos para recuperar aos homes e a moitas mulleres na defensa dos valores da Comunidade do territorio roubado e na posta en valores dos coidados mutuos. Porque a mercatilización capitalista é sinónimo de DESIGUALDADE e INXUSTIZA. Como mulleres Eco-Feministas que somos, non queremos empoderarnos subidas ao lombo doutras mulleres ou homes marxinados queremos DESMERCANTILIZAR AS NOSAS VIDAS para superar as prácticas capitalistas da explotación das persoas por persoas, dos territorios e dos seres vivos que nel habitan.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *