Terceira entrada: é preciso coidar os coidados!!

Asistimos ao fin de catro anos do goberno de Jorge Suárez. Catro anos perdidos dunha esquerda clásica que segue a rezar o mantra do imposibel crecemento continuo. E coa farsa do crecemento continuo, FeC afondou nese continuismo político de poñer os intereses duns poucos por riba dos da maioría.
Non imos lembrar aquí todo o que non se fixo. Todos temos memoria e fresca.
Desde o decrecemento temos claro que necesitamos urxentemente políticas locais centradas nas persoas e na conservación do territorio. Temos que COIDAR OS COIDADOS. Investir nos coidados das crianzas, maiores, enfermos, dependentes… Nunha rede de servizos sociais e preventivos forte, porque todos somos vulnerabeis. E estar coidados non pode supoñer un luxo nin unha explotación dos colectivos máis desfavorecidos.
Necesitamos unha política e un facer nas Administracións que poñan no centro das xestións todas aquelas cuestións que teñen que ver co mantemento da vida. Deixar de despilfarrar os cartos públicos na realización de obras tan fastuosas como inútiles. Obras que só serven para encher o peto duns poucos, e para disfrute das persoas que teñen resolta a súa vida, que teñen resoltos os seus problemas económicos e que se valen por si mesmas.
Necesitamos Administracións máis humanizadas. Necesitamos políticos máis humanizados.