Resposta á Marea de Ferrol
Ferrol, 9 de Febreiro de 2019.
Estimadas veciñas e veciños da Marea de Ferrol.
Acusamos recibo da vosa carta na que nos convocades a unha reunión para sondar a nosa disposición de converxer nunha única candidatura conxunta das forzas progresistas da nosa cidade para as eleccións municipais de Maio.
Temos que dicir a este respecto que ou ben confundistes o e-mail da organización a cal ía o convite, descoñecedes o noso ideario ou simplemente nos infra-valorades como proposta política. Dicimos isto porque LiGanDo nada ten que ver co mundo e as liortas que caracteriza as Mareas, os partidos que as compoñen e as distintas marcas locais e, ademais, arrepiamos da confrontación brusca entre compañeiras/os que caracteriza a este entorno a hora de facer política. Por outra parte LGD é unha organización Decrecentista e polo tanto defende no só a desmitificación do progreso e da modernidade como a maneira de solucionar os problemas senón que denuncia como claramente negativas as prácticas capitalistas que se esconden detrás destes dous termos. Entendemos que o progreso e a modernidade son eufemismos do crecemento continuo e nós entendemos que o crecemento continuo non só é unha ferramenta inútil para resolver os problemas da maioría da xente senón que é o cerne dos graves problemas cos que nos enfrontamos a nivel global e local. Desde que o mundo asumiu o crecemento como a práctica global de case todos os pobos do planeta os niveis de contaminación mundial activaron a mudanza climática que hoxe todos e todas percibimos como unha ameaza para a nosa supervivencia como especie. Non é para menos xa que os datos científicos avalan que se está a producir a sexta extinción masiva de animais e plantas desde que existe vida no noso planeta. Sendo esta extinción produto das practicas defendidas desde o mito do progreso e a modernidade. O crecemento económico esta intimamente ligado coa emisión de CO2 á atmósfera, xunto con outros moitos contaminantes, o esnaquizo dos territorios e acumulación de riqueza en cada vez menos mans. Chega con dicir que o ano 2018 ao darse un débil incremento da actividade económica trouxo a consecuencia de bater todos os rexistros de emisións de CO2 a atmosfera. No referido a desigualdade social e económica a modernidade e por ende o progreso trouxo aparellado a maior desigualdade social da historia coñecida. A organización Oxfam, entre outras, ten estudos que sinalan que o 82% da riqueza mundial esta en mans do 1% da poboación mundial; sendo as multinacionais e grandes corporacións a ferramenta global coa que o gran capital desposúe dos mínimos necesarios para a supervivencia á maioría dos habitantes da terra sen respectar dereitos históricos territorios, medio ambiente, cultura, pobos, restos arqueolóxicos, defuntos, persoas, xénero, …
As persoas de LiGanDo sabemos que somos unha organización minúscula que esta nacendo pero tamén sabemos co potencial do noso discurso é enorme porque colocamos todos os aspectos que teñen que ver co mantemento da vida no centro do noso discurso. Defendemos o reparto e combatemos o mito da modernidade e do progreso que fai actuar a humanidade coa intelixencia de simples virus: medrar e medrar na célula invadida (planeta terra) ate a súa total degradación e morte para logo buscar outra célula hospede (exploración espacial) na que repetir o proceso. Para LGD e imprescindible situar o reparto no centro do debate para superar as prácticas capitalistas do crecemento continuo, da globalización, da competividade, do individualismo, da exclusión social, do abandono dos coidados, do abandono das relacións sociais en favor do consumismo con prácticas e valores DECRECENTISTAS como a solidariedade, a axuda mutua, a autoxestión colectiva, a economía de proximidade, os coidados, a boa veciñanza, o respecto ao diferente, o respecto ao territorio, o aproveitamento razoable dos recursos, a non contaminación, o trato digno dos animais, …. Os valores do Decrecemento nada teñen que ver co mito do PROGRESO.
En termos de vocabulario político mediático, tamén, entendemos que o termo PROGRESISTAS designa as organizacións políticas que se definen como anti-Partido Popular de Galicia. LGD é unha organización de esquerda mais que busca a centralidade social, é dicir, ter discurso e propostas para a maioría social dos veciños e veciñas de Galiza. Intégrarnos nunha alianza que despreza ao electorado do PP de Galicia sería renunciar a centralidade social (non confundir con centro político ) na que buscamos situarnos como organización política de esquerda, Decrecentista e Arredista.
Desculpade que declinemos o voso convite e non tomedes a mal o rechazo. Estamos abertos a futuras colaboracións con todas as organizacións políticas e sociais que compartan parte dos nosos valores e defendan a transición que Ferrol precisa e se merece neste momento histórico marcado polo cambio de paradigma produto da mudanza climática e do inicio da escaseza de recursos, nomeadamente os enerxéticos.
Atentamente.
Miguel Anxo Abraira
Voceiro Nacional de LGD