Pola recuperación do público.

Pola recuperación do público.

Nas últimas décadas vimos de asistir a unha perda de servizos públicos básicos e, por tanto, a un empobrecemento progresivo daqueles sectores da poboación con escasos recursos económicos. Ao mesmo tempo, asistimos a unha privatización preocupante do espazo público, ben sexa coa privatización de zonas verdes pola concesión de aparcadoiros ou a apropiación de prazas e beirarrúas por parte de terrazas do sector servizos. Todo elo sen ir acompañado de aumento de zonas verdes, parques ou zonas de ocio que non sexan centros comerciais.
Nesta Iniciativa, centrarémonos en tres reclamacións básicas onde o espazo público foi privatizado e a cidadanía perdeu uns dereitos esenciais que non só necesitan transeúntes, persoas sen teito, vendedores ambulantes, desempregados… senón tamén que reclaman os propios turistas cando chegan á nosa cidade provintes de cidades onde estes servizos ou non se perderon ou foron recuperados. Referímonos principalmente a:
1.-Fontes públicas
2.-Teléfonos públicos e Locutorios
3.-Urinarios públicos
Non sen salientar a necesidade de non limitarse a estas tres reclamacións básicas e pór en marcha unha política de Recuperación do Espazo Público que vaia dotando gradualmente, tanto á cidade de Ferrol como á súa zona rural, daqueles servizos que beneficien a toda a cidadanía, independentemente do nível de rendas ou do acceso ás novas tecnoloxías. Polo que a construción de Albergues Municipais, Comedores de barrio, Puntos con Desfibriladores, Estacións de bicis e dotación de carrís-bici, humanización dos barrios… entrarían tamén nesta demanda.

1.-Fontes Públicas
Como din nun documento deste mesmo concello, ata que se instalou a traída de augas en 1923, a poboación abastecíase nas fontes públicas que abundaban en Ferrol (aínda que moitas casas tiñan pozo propio). Ademais estaban as augadoras que acudían coas sellas sobre as súas cabezas…indo desde a fonte ás casas e ata o piso (sen ascensor)… De tal xeito que a auga era o mundo das mulleres e a redor dela entreveraba un xeito de relacións sociais que abranguía incluso a axuda que prestaban as augadoras participando activamente na extinción de incendios.
Mais cando o concello deixou, pasiva e incluso activamente, que desaparecera a meirande parte das fontes públicas, non só perdimos unha parte da memoria histórica local senón tamén un servizo que é un dereito básico humano como é o acceso á auga de xeito gratuito. No último medio século, podemos case certificar a desaparición de case todas as fontes de Ferrol. Algunhas conservan só o lembro ou teñen a penas unha foto en branco e negro como testemuña. Eis a fonte que daba a auga no monumento a Churruca na praza de Armas ou a de San Francisco, ligada ás orixes mariñeiras da cidade e, en tempos, limíte dela. E o mesmo se pode dicir das dos barrios de Esteiro, Canido ou Xoane. Consérvase a dos Mouros acornellada polo acceso norde, mais foi deturpado todo o entorno que era unha fermosa paraxe natural no barrio de Santa Mariña. O mesmo acceso ao Porto destruíu a fonte de Xoane sen que ningunha autoridade municipal movera un dedo.
Incluso nas instalacións municipais onde se ubica o pavillón de A Malata, a pequena fonte limítase a unha billa case que agochada, favorecendo así, institucionalmente, o negocio da auga embotellada, provinte dos nosos propios mananciais tamén privatizados. Mais privando á cidadanía e aos seus animais de compañía de fontes públicas estamos conculcando un dereito básico universal e marxinando aínda máis a aqueles colectivos xa desfavorecidos, como son as persoas con poucos ou ningún recurso económico.

2.-Teléfonos públicos e Locutorios
Desde a xeralización do uso da telefonía móbil, asistimos á desaparición gradual das cabinas de teléfono público e dos locutorios. Como adoita acontecer, as empresas privadas de telefonía invisten onde hai grandes ganancias e abandonan aqueles servizos onde xa non hai lucro. Mais isto só acontece cando os gobernos consinten esta situación.
Incluso faise difícil atopar información sobre a situación e o número de cabinas. Información de interese público que o concello debería colocar nas rúas, por exemplo nas marquesinas do bus, en vez de cartaces que fomentan a comida rápida. Parece ser que no ano 2016 só ficaban en Ferrol 23 cabinas de teléfono público e Telefónica tiña a obriga de mantelas un ano máis.
Desde LiGanDo-LGD consideramos que malia ter moitas persoas teléfono móbil, é importante que se manteñan as cabinas para que calquera poida chamar en caso de necesidade como ocorre de non ter teléfono celular, perdelo, esquecelo, ficar sen batería ou calquera outra circunstancia. Sen esquecer que existe o RD 424/2005, de 15 de abril polo que se aproba o Regulamento sobre as condicións de prestación de servizos de comunicacións electrónicas que garante uns servizos mínimos, tanto no centro urbano como no rural, con independencia da localización xeográfica, cunha calidade determinada e un servizo asequibel.
En Ferrol, cazar unha cabina de teléfono público ou un locutorio é máis difícil que cazar pokémons, no que fumos pioneiros. A cousa agrávase no caso dos parques infantís que deben ter un teléfono público para cubrir unha emerxencia. Incluso cos escasos parques que temos, o concello non é quen de cubrir estes espazos dotándoos de cabinas públicas que, no caso de parques infantís, deberían ser gratuítas e cun bo mantemento.
Tomemos como exemplo o parque infantil de Xoane. Como di o cartaz do propio concello, o teléfono público máis próximo está na Estrada de Castela, 240. Nin na estrada de Xoane nin na de Catabois, as máis cercanas. Se temos unha emerxencia e non podemos usar teléfono móbil nin temos automóbil, tardariamos aproximadamente media hora a pé, moito máis que se levamos ao neno andando ao propio hospital de Marcide. É posibel que o teléfono público máis cercano estea a case 3 km de distancia?.

3.- Urinarios públicos
En Ferrol, o urinario público da alameda perdeuse para abrir un parking privado sen aseos. E desde aquela non se abriu ningún aseo público máis. No parque Raíña Sofía, os baños públicos foron pechados para deixar só os de pago da hostelería. Ao mesmo tempo, as ordenanzas municipais de limpeza sancionan a quen realice as súas necesidades na rúa. Nin sequera aos supermercados se lles esixe dispor de aseos para os clientes. Como sempre, as persoas con escasos recursos son as máis prexudicadas. Así como as zonas menos céntricas. Hai poucas semanas anunciabase a recollida de sinaturas para que se mantiveran abertos todo o ano os aseos do areal de Doniños para ofrecer ese servizo aos surfistas.
Por outra banda, as grandes cidades europeas como París conservan os aseos públicos, gratuitos ou de pago. Parece que Ferrol chegará antes á aplicación móbil do que á prestación do servizo como vén de acontecer coa app do transporte público. De feito, a aplicación Next Toilet permite xa a localización de baños públicos en distintos países do mundo. Entrementres en Salamanca sae adiante unha moción para o estabrecemento dunha rede de aseos públicos as 24 horas e unha rede de hostelería que permite o uso do aseo sen consumir, en Ferrol seguimos a lucrar a empresas de baños químicos portátiles.

Por todo o devandito, LiGanDo-LGD

SOLICITA:

1.-Que se recuperen e instalen fontes públicas en prazas, rúas, zonas verdes e espazos municipais (polideportivos, centros sociais…) que garantan o acceso gratuito e universal a un dereito básico como é a auga.
2.-Que se instalen aseos públicos fixos en cada barrio da cidade ao igual que en zonas de praia e áreas recreativas e se manteñan abertos e coidados todo o ano.
Que en determinados puntos estratéxicos estean abertos as 24 horas. Que contemplen a instalación dun cambiador de cueiros para as crianzas.
Que se habilite unha rede de cafeterías que permitan o uso do aseo sen necesidade de consumir.
3.-A elaboración dunha ordenanza pola que todas as empresas de telefonía teñan a obriga de ofertar uns servizos telefónicos mínimos que:
A.-Permitan cubrir as situacións de emerxencias cun servizo de chamadas de acceso gratuíto.
B.-Que garanta uns servizos mínimos de cabinas telefónicas públicas debidamente repartidas polo territorio municipal, en lugares estratéxicos como son hospitais, centros educativos, deportivos, sociais, xeriátricos, espazos de lecer, prazas públicas… esixíndolle á empresa de telefonía o seu correcto funcionamento.
C.-Que as cabinas ofrezan, amais das chamadas, o acceso a internet.
D.-Que se garantan os servizos mínimos de teléfonos públicos nas zonas rurais.
E.-Que prevean a instalación de paneis informativos co listado de cabinas e a súa ubicación, tanto nas cabinas como nas paradas de buses.
F.-Que inclúa a existencia de locutorios públicos para facilitar a comunicación ás persoas desprazadas (inmigrantes, estudantes, traballadores doutros concellos…) ou ás persoas sen fogar.

4.-Que se instalen áreas cardiorespiratorias en puntos estratéxicos da cidade e do rural como son os centros educativos, sociais, transportes, centros de traballo… e se faciliten cursiños gratuitos para o seu correcto uso.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *