As persoas maiores, tamén nos preocupan en LiGanDo.
As nosas demandas:
1.-Elaborar un Censo Municipal de persoas Maiores que viven soas na súa vivenda, con escasos recursos económicos.
Diagnosticar as necesidades asistenciais e determinar o nível de alerta de cada persoa e poder aplicar, así, as políticas sociais pertinentes mediante un protocolo para as persoas maiores.
2.-Reforzar a política de vivendas sociais de xestión municipal. Así como pór en marcha Vivendas Colaborativas Municipais seguindo o modelo co-housing ou co-vivenda,adaptándoo ás nosas posibilidades.
As vivendas colectivas públicas, cunha renda accesibel a cada nível de ingresos son un modelo preventivo de moitas problemáticas sociais. Desde o potenciamento da axuda mutua e o encontro interxeracional ate un xeito de combatir a soedade e a depresión.
3.-Aumentar os investimentos na Axuda a domicilio para Maiores non só para garantir unha vida digna, senón tamén para fixar emprego local en traballo socialmente necesario, como é o traballo nos Coidados.
4.-Seguir creando comedores sociais distribuidos por todos os barrios, abertos non só a senior senón a veciños con baixo nível de rendas ou carente delas. Pois os comedores sociais son un importantes centros de integración comunitaria e de fomento de hábitos saudabeis.
5.-Crear albergues para persoas sen recursos.
6.-Volver a dotar á cidade de cabinas telefónicas e urinarios públicos en puntos estratéxicos que satisfagan as necesidades dos maiores e do resto da poboación.
7.-Mellorar o servizo de transporte público no que ten a prezo, frecuencia e calidade, para que, cando menos, hospitais, centros de saúde e oferta cultural así como mercados locais queden suficientemente comunicados.
Os nosos argumentos:
Malia que o noso plantexamento fuxe das políticas centradas na guetización da sociedade, a situación dos Maiores en Ferrol reclama dunha planificación específica sen obviar a necesaria política interxeracional.
Ao avellentamento poboacional temos que lle engadir as altas taxas de emigración xuvenil e a pexa de termos os galegos unha das rendas máis baixas dentro do Estado español.
As consecuencias sociais do devandito, neste colectivo, non deben ser esquecidas da administración local. Malia que as políticas sociais deben exercerse transversalmente, a situación dos Maiores require unha actuación local específica.
Hai moitos Maiores que viven sós, mais non se sabe até que ponto isto sucede por non existir un censo municipal.
Por iso é imprescindibel diagnosticar as necesidades asistenciais e determinar o nível de alerta de cada persoa para poder aplicar así, as políticas sociais pertinentes mediante un protocolo para as persoas maiores.
Existen experiencias bastante satisfactorias de centros ou pisos onde se dá a axuda mutua entre persoas maiores xa que así é máis doado levar os problemas propios da idade avanzada.
As vivendas colaborativas e unha aposta forte polos alugueiros sociais xunto cunha rede asistencial municipal de coidados e acompañamento, amais de seguir dotando todos os barrios de comedores sociais contribuiría a aumentar sustancialmente a calidade de vida dos maiores.
Por outra banda, as persoas maiores teñen preguiza e/ou medo á hora de conducir. A falta de transporte público axeitado, obrígaos a tirar de familiares ou amizades para se poder desprazar aos centros de saúde ou a actividades sociais ou de lecer.
Un bo servizo municipal de transporte público será fundamental dentro dun plan de mobilidade urbana máis cobizoso, onde a peonalización, as zonas verdes e de lecer e a dotación en mobiliario urbano permitan disfrutar dunha cidade máis humana.