TABARNIA E CORUVEDRA, DO TABERNÁCULO Á TABERNIA

TABARNIA E CORUVEDRA, DO TABERNÁCULO Á TABERNIA

Iolanda Teijeiro (Secretaria de Organización – LIGANDO)

Hai tempo dabondo que o bardo Ferreiro cualificou como Ananos a aquela caste de emigrantes desarraigados e orgullosos da súa ignorancia. A demagoxia daqueles anos de franquismo e folklorismo fascista quixo ver nelo unha xeralización ao colectivo emigrante. No en tanto ao entrar naquel local aclimatado en busca dos irmaus da emigración, axiña albiscavamos a que xorne de emigrante aludía o poeta daquel  Viaxe ao País dos Ananos.

Trala victoria do independentismo catalán nas elecións forneadas pola dereita centralista do 155, agroman, outravolta, aqueles ananos de Caracas, dados ao merca vendo, okey pago ao contado. Os alpabardas de dobre palleta e monotourada.

Tabarnia era o as que gardavan na manga por se a pesares da campaña mediática do terror á secesión e o isolacionismo, a chantaxe da fuga de transnacionais e perda de empregos  mailo boicot aos productos cataláns, seguía erguéndose en Catalunya una maioría soberanista.

Tabarnia, si, esa rara mestura do españolismo costeiro e urbanícola que, ao abeiro da emigración, pretende afogar ao interior rural e catalanista que conserva, por lóxica antropolóxica, as raigames do ser nacional catalán. Esa tabernia de beodos de prepotencia meseteira que afincan o dereito de secesión nas bandeiriñas avinagradas dos barrios obreiros e desposuídos aos que as propias empresas de explotación e escravatura, fornecidas de man de obra de todos os recunchos de España, América e Africa, pretenden armar de cosmopolitismo cívico de Cidadáns. E non lles dan máis que a cultura dos ananos da cocacolonización.

A provocación dos tábanos tabarnios ten como caudillo popular a Jaume Vives, que vivía no anonimato até que viu de armar a contrarevolución rendibilizando o seu balcón paterno para apagar as caceroladas de protesta independentista con aquela tonada cutre do franquismo cuxo retrouso era Que viva España, a todo volume.

Os tabarnios preséntanse como os plurais, tolerantes e abertos ao progreso cosmopolita, fronte a eses singulares, intolerantes e fechados payeses que viven nas montañas do interior facendo butifarra e bailando sardanas na súa ignorancia alén de falar só ese idioma que impoñen, disque, a todos os inmersos no territorio.

Ninguén se explica cómo con tanta imposición aínda haxa tabernios benpensantes que teñan a afouteza e o caletre de falar en castelán.

Tabarnia é un formoso mundo de oportunidades liderado por dous milagres políticos sen pasado que medraron raudamente de familias emigradas: Albert Rivera e Inés Arrimadas.  Ambolosdous teñen en común, alén de ser bos Cidadáns (non como o resto) a esa fundación de estudos sociais que preside Aznar, o gran privatizador dos oligarcas, a Faes. A á máis ultra do Partido Popular. Así que, cando Rajoy levou ao acorazado piolín a atracar ao porto de Barcelona, e o machado do 155 caiu a decapitar democráticas cabezas, Faes decatouse que era o intre de que Rivera, o neto de Lucas, empezara a quentar a cadeira do governo central. E foi así que a nena emigrada de Xerez de la Frontera, que o mesmo se declarava salmantina que catalá de pura cepa, esa asesora de petroquímicas, consultora de Aleph e cantaora por bulerías de Parlament, esa pequena esfera tornasolada de case intoleravel fulgor que da noite para a mañá chegara ao cumio do poder, retirando incluso a un nacionalista, rascuñava xa a cadeira de Puigdemont, refuxiado en Bruxelas.

Segundo Borges, o diámetro do Aleph é de dous ou tres centímetros, mais o espazo cósmico estaba alí, sen mingua de tamaño. A sabiduría cabalística da Arrimadas estivo a rentes de tanxelar o milagre, mais ficou ás portas, a pesares do ecoar do universo dos medios de comunicación do grupo Prisa e do Deprisa.

O sentimento catalán de ser unha nazón está tan arraigado na historia deste povo que nen a oratoria de Arrimadas, ou a teima de Remott por facer de Rivera un orador, foron quen  de cantar Que viva España no Parlament e tiveron que se conformar cun Mi carro me lo robaron.

Na outra banda do que eses Cidadáns chaman periferia, onde o imperio Román tiña un terror reverencial ao mar Atlante, os coruvedros, tan mesturados como os tabernios, tamén sentiron azos de independencia das escuras Terras de Peperia, no ermo do interior. Alí, como raros endesmismos kalaicos, ainda habitaban xeracións de petrucios alimentados polo lume dos caciques aliados coas transnacionais. Eran rurais, e dábanse a falar a lingua propia sen conciencia nengunha, non como os marxinais nacionalistas e independentistas da beirmar, amoreados nas vilas e cidades de Coruvedra. O único elemento segregador dos coruvedros era a retransmisión dos partidos do Celta-Deportivo que erguía sempre un atranco insuperavel para a secesión de Coruvedra.

As Mareas de Coruvedra foron perdendo bravura a golpe de pecados, intereses creados, débedas de clase media abaixada pola crise e outras innomeaveis tentacións. Os nacionalistas puros vivían isolados en cidades-estado. E o cavaleiro da oliva tabernaria xa tiña dabondo coa fouce dos seus propios siareiros.

E anque Catalunya non era Galiza, o conflicto urbe-rural, beiramar-interior, industria-agroforestal, concentración-dispersión, globalizador-localizador, estado oligárquico-comunidade rural…latexava no máis fundo destas dúas nazóns. Circunstancia aproveitada polo imperio colonial central para dominar xogando coas manipulacións máis suxas e tabernarias.

E así como o Tabernáculo, a mishkán ou morada foi construídas polos hebreos no deserto de Sinaí logo de terlles sido dada a Lei Mosaica amosando o Santo dos Santos. Así tamén a Faes de Aznar e os oligarcas edificaron Tabarnia como un santuario móvil da dereita máis intransixente da transición e ao igual que deus lle deu as táboas a Moisés da Lei Mosaica no monte Sinaí, así tamén Rivera deulle as táboas a Inés Arrimadas, esquecendo a Albiol polo rexo ermo da nada.

Na Curota, polas moradas de Coruvedra, porén só agallopavan os bravos garañóns, coas súas guedellas aos ventos da serra.

Agora fica o veo rachado que arreda o Lugar Santo do altar onde se queiman os inciensos e se prende o candelabro Menorá do Sanctadanctórum onde durme a Arca da Alianza onde se custodian as reliquias do Éxodo: as táboas da Lei, a vara de Puigdemont e o maná.

Nas tabernas do Condado, do Espadeiro, do Ribeiro e do Godello, fronte á porta do Tabernáculo de Coruvedra, véntanse aires de retranca envolveitos nun fedor a macho cabrío para o sacrificio no Altar dos holocaustos.

IOLANDA TEIJEIRO REY

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *