LiGanDo co rural de Ferrol

LiGanDo co rural de Ferrol

SOLICITAMOS:

Que o concello faga os trámites necesarios para que a administración competente leve a cabo:

1.-A mellora e mantemento do firme da estrada de Ferrol a Covas por ser unha estrada estreita e con curvas que ten durante todo o ano moito tráfico, maiormente no verao.

2.- Reforzar a seguridade desta estrada naqueles puntos de meirande perigo como poden ser a zona de Xoane onde se sitúan dous centros de ensino (Lángara e Valle-Inclán) así como no tramo da rotonda de A Bailadora á Cocheira, onde hai máis accidentes con saída de pista. Modificar os pasos de peóns con altura e iluminación para obrigar a reducir a velocidade dos vehículos nos núcleos de poboación que atravesa a estrada, especialmente nos arredores dos centros de ensino.

3.-Cumprir as ordenanzas municipais no relativo ás distancias entre as marxes da estrada e a plantación de árbores. Principalmente, como no caso da estrada que nos ocupa, onde as plantacións son monocultivo de eucalipto, unha especie pirófila e feble no caso de treboadas que poden pór en risco a vida das persoas por incendio ou caída de árbores.

4.-Mellorar a sinalización, se é preciso incorporando sinais de aviso naqueles tramos de maior número de accidentes.

5.-Proceder á limpeza e mantemento de camiños e pistas para disfrute da veciñanza, sendeiristas e turistas, así como para evitar as inundacións polo amoreamento de refugallos nas gavias cando arrecien as chuvias.

6.-Reclamar da Deputación o financiamento necesario.

OS MOTIVOS:

O abandono das parroquias rurais deste concello é un feito constante na política das sucesivas corporacións municipais. É un mal xeralizado destinar a meirande parte dos recursos e investimentos ás zonas urbanas e ao centro da cidade e marxinar á veciñanza rural como se foran cidadáns de segunda. De tal xeito que, contribuíndo por igual ás arcas públicas, non reciben igualdade de trato, servizos e dereitos. Non hai máis que lembrar a recente polémica polos recurtes no xa minguado transporte colectivo, con grave prexuízo na vida laboral, académica, sanitaria…que isto supón.

O bo estado e a seguridade das infraestructuras viarias é un servizo esencial que a veciñanza vén reclamando entre as necesidades prioritarias.

A pesar destas reclamacións constantes das parroquias, incluso á Valedora, para que a Deputación tomase as medidas pertinentes, e anque as denuncias foron admitidas a trámite, non houbo resposta por parte das distintas administracións.

En concreto, a entidade veciñal de Santa Comba de Covas, denunciou o mal estado de conservación das estradas máis frecuentadas como é a estrada que une Ferrol e Covas, onde son constantes os accidentes con saídas de pista que, no que vai de ano, xa superaron os corenta no tramo da rotonda de A Bailadora á Cocheira.

A perigosidade desta estrada é ben coñecida da veciñanza do rural e de quen visitamos as fermosas praias de Covas. Perigosidade que aumenta no verao coa afluencia de turistas.

A entidade veciñal solicita que se cumpran as ordenanzas municipais e se eleve ás autoridades competentes a reclamación no relativo ás distancias que é preciso manter entre a marxe das estradas ou demais vías de circulación e a plantación de árbores, así como tamén a limpeza de maleza e mantemento do firme, ademais dunha correcta sinalización.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *