È tempo de Galeusca.
A organización arredista e decrescentista LiGanDo-LGD vén de iniciar contactos con outras forzas políticas galegas e de Euskadi co fin de constituir en ambalasdúas nazóns, plataformas de apoio ao proceso democrático constituínte de Catalunya. LiGanDo xa iniciou contactos con PNV, EHBildu, BNG, Anova, Cerna, C×G e Causa Galiza. Tamén comunicou o inicio da súa iniciativa a ERC, Pde CAT, CUP e ANC.(http://www.ligando.org/2017/09/08/votar-democracia)
Desde LiGanDo entendemos que é preciso movilizar aos povos de Galiza e Euskadi en sendas manifestacións o vindeiro día 1 de outubro en solidariedade co povo irmán catalán no exercicio democrático da súa liberdade básica de dereito á autodeterminación.
É tempo de Galeusca.
Nesta Diada histórica cómo non lembrar aquel Pacto da Triple Alianza asinado en Barcelona o 11 de setembro de 1923 polos embaixadores das tres nazóns soberanas, aquel xermolo de Galeusca, a alianza das nazóns sumetidas contra o Estado dominador, da luita do mar contra o ermo, como algúns apontavan.
Mais só dous días após, o 13 de setembro, as polainas militares restalavan nas rúas barcelonesas o eco fachendoso de quen impón a súa lei pola forza. En palavras certeiras dese especialista galeuscano que é o historiador Xosé Estévez.
Que tería sido das tres nazóns galeuscanas ou incluso do resto da Península se o golpe de Primo de Rivera non viñera a coutar os nosos lexítimos anseios?.
Pola contra, neste setembro reseso que ás veces semella un eco do pasado inmovilizado, os polainas militares volven ás rúas para reprimir e penalizar un dereito inalienavel amedrentando, ameazando, cacheando, vixilando…funcionarios, políticos, imprentas, xornais…como naqueles recuados anos 20 da ditadura primoriveirista ou nos corenta do franquismo.
Por iso, é tempo de Galeusca. Catalunya, pioneira nos vincallos trinacionais, pode abrirmonos o camiño da liberdade e a independenza, o o poder de decidirmos o noso destino como povo, hoxe negado. É tempo da confraternización solidaria, de recuperar a lembranza daquel viaxe triangular de Galeusca do ano 1933, tralo Pacto de Compostela do Día da Patria Galega, cando nacía propiamente Galeusca baixo o rebumbio nemigo da prensa madrileña e a rexional domesticada. Alí encetava a longa e desigual colaboración política dos tres povos desposuídos de seu governo polo centralismo ultra dun imperio que viña de perder as súas colonias de ultramar, fazía guerra colonial en Marrocos e oprimía ás colonias da península.
Mais outra dictadura, a de Franco veu crebar, outravolta, o desenvolvimento desta alianza contra a España unitarista levando Galeusca ao exilio de alénmar onde nos anos 40, Castelao, o lehendakari Aguirre, Trueta e tantos sentaron as bases dunha Terceira República que incluía un modelo de Estado baseado no principio de personalidade xurídico-política de cada povo nacional integrante como únicos suxeitos de dereito público constituinte, o dereito de determinación política deses povos, o dereito de igualdade para formar a nova organización de Estado, o consentimento multilateral para fixar as relacións con esa República e a representación de Galiza, Euskadi e Catalunya.
A paciencia e a oportunidade histórica fanaron, e a posibilidade desa República federal de nazóns iguais que soñou Castelao e outros, en vía morta polo poder centralista, parece ter só o camiño da independencia.
Voleu que Catalunya sigui un estat independent en forma de república?. Unha consulta electoral nun Estado de Dereito pode constituir delito? É o povo escocés co seu governo un delincuente?.
Entendemos o ruido das polainas militares. Entendemos o silenzo dos unionistas de esquerdas. Mais nunca o silenzo de Galiza e Euskadi. O futuro tampouco o entendería.
Iolanda Teijeiro.