Creación do museo galego da nosa emigración.
SR. ALCALDE DO CONCELLO DE FERROL
Iolanda Teijeiro Rey, e en calidade de Delegada da organización política LiGanDo-LGD en FerroL insta ao alcade de Ferrol a crear o museo galego da nosa emigración.
A PROPOSTA
1.-Que o concello de Ferrol consiga a propiedade do edificio Chalet de Canido, tendo en conta a disposición a vender manifestada públicamente por un dos herdeiros, para evitar a perda desta xoia arquitectóncia.
2.-Que rehabilite este magnífico edificio modernista de Rodolfo Ucha protexéndoo da especulación urbanística.
3.-Que instale no edificio un Museo Interactivo da Emigración Galega, motivando á cidadanía a participar activamente na súa elaboración co aporte de ideas e materiais documentais de todo tipo, co asesoramento de ténicos e especialistas na materia.
4.-Que se aproveite a superficie verde que pertence á parcela do Chalet para recuperar o xardín exótico que noutro tempo existiu alí e sirva de zona de lecer e relaxación.
5.-Que o concello aproveite o potencial educativo e turístico deste Museo da Emigración para organizar rutas turíticas polas inmediacións das Casas de Indianos de Ferrolterra e a súa arquitectura modernista, así como proxectos educativos sobre a historia da emigración e as súas pegadas na cidade. Incluindo unha ruta dos Galegos Escravos, recuperando parte da historia silenciada daquela expedición da fragata Villa de Neda que partiu con galegos enganados para traballar de escravos nas plantacións de azucre de Cuba. Dando as duas visións da emigración nos personaxes de Urbano Feijóo e Ramón de la Sagra.
6.-Que o Museo sirva de arquivo documental para futuras investigacións sobre a verquente política, sociocultural e económica da emigración galega ligando dixitalmente todos aqueles museos da mesma temática como é o MEGA, o Museo da Emigración Galega na Arxentina, que conta xa con máis de 6500 activos históricos no seu arquivo e que supón unha proba evidente da nosa desmemoria.
OS MOTIVOS:
Malia o peso da emigración en Galiza e do grande número de galegos que actualmente residen no estranxeiro, somos das poucas comunidades con emigrantes que non posuimos un Museo da Emigración. E iso é máis grave nun goberno que se orgulla de recuperar a memoria histórica.
Desde LiGanDo defendemos que sexa Ferrol a sede dese Museo, ao estar as comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal entre as de máis emigración. A proba deste pasado migratorio témola evidenciada na abondosa arquitectura indiana en vivendas particulares e nas numerosas escolas de emigrantes. Como exemplo significativo temos a Alianza Aresana, construída no ano 1904 por emigrados en Cuba e pioneira en toda a Galiza.
A especial situación da cidade desde a instalación da base naval e dos estaleiros, cun monocultivo industrial xerado desde os intereses dunha política centralista e colonial, levounos a un constante fluxo migratorio ao longo da nosa historia. Fluxo de inmigración e emigración que lle dan á nosa historia local un carácter senlleiro.
A presenza estranxeira durante o século XVIII carece de relevancia se a comparamos coas dimensións dos séculos seguintes.
Os franceses tiveron un papel importante en certas actividades comerciais como era a provisión de cereais. Os italianos e o portugueses, a meirande parte do norde do país, da contorna de Braga, integraban os rexementos de terra e a Real Armada. A carreira de armas era a principal vía de chegada. A colonia británica, ainda que minoritaria, foi un caso singular de inmigración baixo contrata da Coroa na política de recuperación naval do Marqués de la Ensenada. Mais a Coroa tería de intervir tamén nun caso de emigración bastante máis deshonroso como foi a primeira expedición de escravos galegos a La Habana a mediados do XIX nunha fragata construída nos estaleiros de A Graña, en Ferrol. Ilegalidade que só foi denunciada no Parlamento Español polo deputado coruñés Ramón de la Sagra, tamén inxustamente esquecido.
Por outra banda, na poboación ferrolana sempre se deu grande mobilidada laboral acrecentada en tempos de guerra. Houbo unha emigración institucional, a dos intercambios de mandos e incluso traballadores especializados entre os distintos arsenais da Coroa. Os destinos eran dispares: Cádiz, Cartaxena, Rías Baixas, Franza, Italia, Gran Bretaña, Dinamarca, Portugal, Rusia, Arxel, Golfo de Guinea, Filipinas, China, Cuba, Porto Rico, Arxentina, Uruguai… Por suposto era unha emigración ben distinta a dos destinos profesionais á política (exilio) e, por suposto, á emigración que, masivamente, emprendía o pobo empurrado pola miseria e a falla de oportunidades laborais.
A emigración é un fenómeno social característico das nazóns empobrecidas e colonizadas, motivada pola acumulación da riqueza en poucas mans, as da oligarquía allea, e por unha carente reforma agraria que fixera un reparto equitativo das terras xunto co abuso de foros, levas e demais abusos de poder.
Poucos triunfaban no país de destino mais ainda así, a solidariedade de moitos traballadores emigrados coa súa terra levou a mellorar a educación dos nenos galegos coa construción de escolas, moitas delas laicas.
Poucos foron os emigrante que triunfaron economicamente como o controvertido Ramón Pla, o marqués de Amboaxe ou Adriano de Fene.
Outros como Fidel Vilasuso de Ortigueira ou Domingo Troche de Ares, organizaron ao colectivo emigrante creando sociedades para potenciar a cultura, a sanidade, o sindicalismo. Benito Cupeiro de Fene ou Fontenla Leal de Ferrol loitaron desde a emigración, por unha cultura galega. Este último foi promotor desde a Haban do Imno Galego e da Academia Galega.
Antonio Soto foi un ferrolán arriscado defensor dos traballadores da Patagonia, tentando dignificar a vida na emigración.
O exilio ou emigración política, tralo golpe fascista do 36 podemolo personificar no tristemente esquecido intelectual ferrolán, defensor de nos integrar no mundo da Lusofonía, Ernesto Guerra da Cal. Tamén en Leandro Pita Romero, ministro da República española e natural de Ortigueira. Ou en Lino Novás das Grañas do Sor, que representa ao emigrante desterrado dúas veces. E de tantos anónimos que un Museo tería de recuperar para patrimonio cultural do pobo.
Por outra banda, ás portas do século de vida, o coñecido como Chalet de Canido, unha das obras máis importantes do arquitecto modernista Roberto Ucha (obra de tránsito do Modernismo ao Neoeclecticismo) segue a se deteriorar no máis absoluto deleixo. A magnífica casa de indiano, coa súa fermosa e ampla finca que foi xardín de flora exótica e coidadas árbores, é un voluminoso edificio de planta cadrada e tres alturas dotado de elegantes galerías acristaladas, apoiadas sobre ménsulas de granito e pés industriais de ferro. Dotada dunha torre-mirador que domina a paisaxe urbana, con fiestras adornadas e pináculos torneados. Un feo muro fire esta xoia ferrolana que, en pleno centro da rúa Alegre, no outo e céntrico barrio de Canido, periga perante a cobiza especulativa nunha zona tan revalorizada nos últimos tempos.
Estudada en diversas publicacións por Bernardo Castelo, José R. Soraluce, Alfredo Vigo e Fernando Bores, porén ningún goberno municipal foi quen de negociar cos herdeiros a súa compra e rehabilitación. A pesares de que algún deles incluso amosou a súa vontade a prol nos xornais.
No entanto, das arcas municipais investíronse nada menos que 900.000 euros nun horrendo edificio novo, hoxe sede do Centro Cívico do barrio.
Coa adquisición deste inmobel, o concello de Ferrol non só protexería o seu patrimonio histórico nun barrio que como os de Ferrol Vello e Esteiro se está deixando perder senón que tamén contribuiría á memoria histórica da emigración ferrolana e galega. Amais de gañar unha ampla zona verde para disfrute público.
Desde LiGanDo-LGD consideramos que o mellor xeito de conservalo sería adicalo a un Museo da Emigración Galega.
Un Museo que partira do local ao comarcal e do comarcal a toda Galiza.
Do local coa memoria do propietario orixinario do Chalet de Canido, Juan Sixto Vázquez, aquel emigrante do Seixo que fixo fortuna en Cuba. Que traballou recollendo aos pasaxeiros dos trasatlánticos que non se podían achegar ao porto por falta de calado. Dun bote inicial pasou a ter varios barcos de pesca. Ate que deu en artellar unha técnica para levar o peixe vivo a terra. Coa ganancia construiu os Grande Almacenes de La Habana Fin de Siglo e acumulou unha fortuna. Finou no ano 1963 xa retornado á súa terra. Non moi lonxe deste chalet temos a casa natal de Xosé Fontenla Leal, no número 6 da rúa da Estrela. Casa tan humilde como abandonada, onde medran as herbas no tellado e fica pechada ao público. Só unha placa da Asociación Medulio nos lembra que existe. O barrio de Canido ten tamén o Cristo da Tafona, o monumento máis antigo de Ferrol, datado no século XV e celebra os Maios e unha actividade como a arte da Meninas polas rúas que atrai a numeroso turismo. Polo que a conservación das casas tradicionais que fican en pé e o Museo da Emigración serían claves na política cultural e urbanística deste concello.