Na defensa do transporte público para Ferrol.

Na defensa do transporte público para Ferrol.

Iniciativa de LiGanDo na defensa do  transporte público para a cidade de Ferrol.

Propostas:

1º.- Rescindir o contrato de concesión de xestión do transporte público ás dúas empresas concesionadas.

2º.-Crear unha Empresa Municipal de Transporte como paso fundamental para a peonalización da Madalena na liña do Plan MOB (Plano de Mobilidade e Espazo Público Sostible de Ferrol), demandándolle á Xunta a impliación económica necesaria para xestionar este servizo de maneira directa. Demanda esta reclamada e aprobada en moción do BNG en marzo de 2016, para rematar morrendo no esquecemento.

3º.-Adicar máis investimento público a este transporte colectivo, pois somos a cidade galega máis deficitaria.

4º.- Mellorar a accesibilidade da rede de transporte mudando todos aqueles parámetros necesarios para que a cidadanía poida desenvolver a súa vida cotiá (traballo, saúde, lecer…) sen ter que usar o vehículo privado. Isto inclúe desde os itinerarios circulares ate o aumento ou creación de liñas e frecuencia horaria, sobre todo os fins de semana, onde a carencia é meirande, garantindo a accesibilidade, cobertura e frecuencias en todas as liñas de transporte.

5º.- Dotar de transporte público a todas as zonas rurais do concello, pois o transporte público é unha competencia municipal.

6º.- Abaratamento das tarifas e gratuidade para os grupos de poboación máis desfavorecidos como son os parados, a mocidade, as persoas sque non superen os ingresos mínimos (SMI)…

7º.- Reclamar do Estado en Galiza, un aumento do investimento no tren de cercanías, carecendo como estamos de infraestruturas públicas como o metro ou o tranvía. Comboios que poden sustituir a liñas de autobuses como medio de comunicación do máis seguro e ecolóxico.

Argumentario:

A vella demanda histórica do transporte público encaixa hoxe no que vén sendo o movimiento de Cidades en Transición cara un novo modelo social decrescentista para a Biosfera finita na que habitamos. Modelo que se tería efectivizado racionalmente se un modelo especulativo de crescimento ilimitado non crebara as comunidades de base e a súa cultura solidaria.

Aínda que descarbonizar (tendo en conta o peaK oil co esgotamento das enerxías fósiles) pareza o principal obxectivo na política de potenciación do transporte público, non é obxectivo menor, reconstruir a cidade como espazo comunitario.

Xa na década do pasado século, hai case que tres décadas, estudábase na Facultade de CC. da Educación da USC o proxecto de Cidade Educativa de Milán e a pedagoxía de Francesco Tonucci e a súa cidade dos nenos.

Hai pouco tempo que Tonucci estivo en Compostela para nos lembrar que a mellor cidade é aquela na que os nenos poden andar sós sen perigo.

Tamén nesa década dos 80, xurdía o movimiento slow como Slow Food fronte á globalización da Grande Industria Alimentaria e Agrícola, na defensa dunha filosofía e economía do que hoxe vimos en chamar Economía de Proximidade. A calidade alimentaria e vital na defensa da biodiversidade. Ou o que é o mesmo, artellar a cidade a redor das persoas e da natureza no canto de o facer a redor das infraestruturas.

Pois ben, o transporte público encaixa neste enfoque integral, facendo parte dunha outra política local de mobilidade sostibel.

Porén, Ferrol, viviu de costas ao futuro ate o presente século no que, obrigado pola Axenda 21, no ano 2006, comezou a se mover temesiñamente e só no plano teórico e máis de vagar do que o proprio movimiento slow.

Así, non é ate o 2009 que se dota dun Plan de Mobilidade cuxas políticas efetivas aínda non catamos na rúa. No 2011 un Estudo de Viabilidade do Transporte a demanda. No 2013 un proxeto de Supermazás do barrio da Madalena así como un Estudo para a implantación dunha nova rede de bus.

Mais toda esta política teórica de estudos municipais foi acompañada de recurtes e empobrecemento xeralizado do servizo (liñas, horarios, cobertura…) sen fiscalizar as concesións ás dúas empresas que o xestionan: Monbús e Tranvías de Ferrol.

Como usuaria cotiá de transporte público podo acreditar en que as únicas novidades positivas foron as tarxetas moedeiro, a xove e Moovit, unha aplicación móbil que vén sendo a tecnoloxía da barbarie virtual, pois que é un recurso inútil cando o servizo de transporte ten tantas carencias.

A isotropía territorial non é efectiva e o servizo calidade/prezo non é competitivo.

Con este panorama local, non é sorprendente que só o 3,9% dos desprazamentos se realicen en transporte público (enquisa de mobilidade de marzo de 2009). Esta minguada porcentaxe evidencia unha deixadez de funcións do poder municipal. Pois o vehículo privado deixa fóra do dereito universal de mobilidade e comunicación a gran parte da cidadanía, xustamente a máis desfavorecida (menores, amas de casa, persoal sen recursos, maiores, persoas sen licenza de conducir…) facéndoos máis dependentes. Ademais de ocupar un espazo público escaso e limitado que llo rouba ás persoas. O carro ocupa o 70% das rúas da Madalena. Fazendo de Ferrol unha cidade escrava de estes.

Desde LiGanDo, non comprendemos como se pode concienciar á cidadanía a prol da peonalización cando non se fai unha política previa ou, cando menos, paralela de conexidade (posibilidades de intercambio entre medios de transporte maximizando a conexión intermodal) e accesibilidade a todos con tempos de desprazamento competitivos cos do vehículo privado. Así como unha cobertura poboacional (paradas a trescentos metros ou cinco minutos a pé). Actualmente, por ex, para nos desprazar a traballar de Catabois a Caranza necesitamos andar case media hora para acceder a unha parada da liña a ese destino.

Resulta, cando menos obsceno, que nen sequera teñamos unha liña circular que una os hospitais da cidade, Residencias de Maiores e Centros Educativos e outros como o CAMF. Como obsceno é que nas marquesinas teña máis espazo a publicidade comercial do que a informativa. A ausencia ou deterioro da información sobre liñas e horarios é unha constante. Se @s ferrolan@s non temos esa mínima información, malia dos turistas, por moito Fitur que percorra o goberno.

Obsceno é tamén que non haxa un servizo normalizado de transporte público para a zona rural, mantendo aos Ferrol@ns do rural como cidadanía de segunda pois as empresas concesionadas sacrifican sempre a calidade do servizo en aras de seu beneficio económico.

E máis obsceno aínda se comparamos este minguado ou nulo servizo no rural e en determinadas zonas urbanas coa abondosidade de horarios nas liñas dos centros comerciais (parque Ferrol e CC. Odeón) cunha política dirixida ao ocio consumista das grandes corporacións no canto do ocio creativo e a relocalización que implica a economía de proximidade.

Este deterioro e privatización do transporte colectivo non prexudica a toda cidadanía por igual senón que recae sobre a calidade de vida das clases e grupos máis desfavorecidos. A calidade do transporte público tamén ten a ver coa política de Igualdade, xa sexa ou non de xénero, pois somos as mulleres, a mocidade e os maiores quen máis usamos este modo de desprazamento.

Desde LiGanDo-LGD, cremos que as políticas de retallos a salto de mata son caras e fican obsoletas antes de se implantar. Por iso, a política do transporte público ten de estar integrada nun cobizoso programa a medio e longo prazo que implique un modelo de mobilidade que vaia construíndo outro modelo de cidade máis habitabel. Seguindo o esquema da pirámide invertida da mobilidade sostibel que obriga a priorizar nesta orde os modos de desprazamento: a pé, en bici, en transporte público e en vehículo privado a motor.

Nos desprazamentos a pé é necesario mellorar os accesos a colexios, centros de saúde e centros educativos, socioculturais, veciñais e deportivos. Así como avanzar na eliminación de barreiras arquitectónicas para as persoas con mobilidade reducida. E facer efectivo o límite de velocidade legal dos vehículos a motor.

Nos desprazamentos en bici é preciso criar unha infraestrutura de carrís-bici para animar ao seu uso pois é o modo de desprazamento máis eficiente en distancias urbanas de ate 5 km e un gran aliado en políticas preventivas de saúde.

Actualmente o servizo de bicis públicas é tan deficiente que máis que como medio de transporte funciona como ocio deportivo. Nen sequera temos estacións de bicis suficientes!.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *