VIVEIRO DE EMPRESAS LOCAIS PARA FERROL
AS NOSAS PROPOSTAS:
1º.-Que o concello de Ferrol faga os trámites necesarios para a creación dun Viveiro de Empresas Locais (VEL) que sirva de fixación de emprego, maiormente na mocidade.
2º.-Que o VEL apoie abertamente actividades económicas que teñan unha maior repercusión favoravel no socialaboral, no medioambientalmente e na localidade. Incentive empresas, pequenos negocios e cooperativas agrarias, industriais, artesanais, … cunha clara liña de economía de proximidade.
3º.-Que o VEL beneficie prioritariamente a aqueles colectivos máis desfavorecidos que reúnan un mínimo de requisitos (mocidade, mulleres, rendas baixas…).
4º.-Que o VEL se instale nalgún espazo perto dun centro educativo, criando unha liña de traballo municipal que vencelle o sistema educativo co viveiro de empresas locais tal e como se está a facer en Portugal con notable éxito, onde se adica tempo e espazo ao desenvolvemento de ideias de negocio local por parte da mocidade escolarizada, con medios e equipamentos proprios, favorecendo deste xeito un fío de continuidade entre o mundo escolar e laboral.
OS NOSOS ARGUMENTOS:
Hai un par de anos, a Xunta financiou un estudo demográfico da povoación galega no que ten a ver cos níveis de avellentamento que foi presentado ao XIV Congreso Nacional de Povoación co título de Crónica de un avellentamento anunciado: Galiza 2015-2030. Nas conclusións salientábase a consolidación da brecha existente entre unha Galiza occidental, urbana e costeira (eixo ou corredor norde sul entre Ferrol e a limia con Portugal, o chamado eixo atlántico costeiro), onde se concentra boa parte da povoación mantendo uns indicadores de dinamismo e xuventude maiores; e outra Galiza oriental, rural e interior, onde o avellentamento terá de se ir agrandando respecto das elevadas taxas de povoación anciá xa existentes na actualidade. Esta situación de excesivo avellentamento traduciráse, din, nunha complicada situación en canto aos grupos dependentes respecto da povoación activa. Concluíndo no recoñecemento de falla de accións concretas a nível político e a necesidade de adicar investimentos e recursos alén da miope visión eleitoralista. Situando a acción nunha política de longo percorrido que sobarde o estreito panorama eleitoral.
Neste estudo, Ferrol e a súa comarca, sitúanse na Galiza privilexiada, nese corredor norde sul de máxima concentración povoacional e indicadores de dinamismo e xuventude maiores. Porén, os datos macroeconómicos das últimas décadas – dende a década dos noventa a acó debido ás consecuencias da política europea coa nosa industria naval e maila crise sistémica- sitúa a Ferrol entre as taxas de paro máis altas de Galiza. A taxa de paro rexistrada (que sempre é menor do que a real pois é a porcentaxe de desempregados sobre a povoación activa) chegou a se situar na cuarta parte da povoación activa no ano 2012. E iso tendo en conta a sangría no descenso povoacional. Actualmente, as circunstancias non melloraron se temos en conta que en agosto deste ano 2016 (cando ainda duran os contratos estacionais do verao) a taxa de paro rexistrada foi do 20,64%.
O ritmo de perda povoacional en febreiro deste mesmo ano situábase entre os 600 e 700 habitantes por ano. O que quere dizer que cada mes marcharon de Ferrol 50 persoas, maiormente mocidade. Case 2 ferrol@ns por día!. E por iso, temos a triste honra de sermos os primeiros no ranking de paro de concellos de máis de 40.000 habitantes e ter o meirande descenso povoacional cun 0,85% seguido incluso de Ourense cun 0,43% e moi lonxe dese 0,03% da cidade con menor perda. Amais de ser a cidade con menor número de residentes dos 7 grandes concellos galegos.
A cousa é moi grave se temos en conta a comparanza entre Ferrol en Ourense na porcentaxe de descenso povoacional. O feito de que Ferrol duplique en porcentaxe a Ourense cando, segundo os expertos, se sitúa na Galiza privilexiada do eixo atlántico, dános máis argumentos para a alarma. Porque non se trata só de Ferrol e o posivel movimento de residentes entre concellos lindeiros por motivos políticas diversas de impostos e vivendas, senón que o feito de que toda Ferrolterra e comarcas do Ortegal e o Eume, por ex, se sitúen pouco mellor, fainos pensar que estas comarcas do norte, ainda pertencendo ao “privilexiado” eixo atlántico, van ser marxinadas tamén a medio e longo prazo.
Á crise anunciada do Naval e a dependencia absoluta de todos os sectores ao que leva o monocultivo industrial, temos de lle engadir o avellentamento e a emigración xuvenil. Cos a redor de 69.452 habitantes e en devalo, hai tempo que Ferrol perdeu a categoría de Gran Cidade, co que iso significa en falla de ingresos municipais. A menos habitantes é evidente que contamos con cada vez menos recursos municipais. Se a iso lle sumamos a falla de ingresos derivados dos impagos do IBI polas abondosas propiedades que o ministerio de Defensa ten no concello e outras exencións fiscais, vemos que estamos en unha das peores situacións para o noso futuro.
Polo devandito, Ferrol debería ser avangarda de políticas activas de emprego a nível municipal. Non entanto os cidadáns non vemos tales políticas por ningures. Cidades con menos problemática sociolaboral e menos recursos naturais son a pór en marcha viveiros de empresas locais que xeran emprego en economía de proximidade, o que axuda a fixar postos de traballo á marxe da volatilidade do emprego das transnacionais e livre de dependencias de capital alleo e de contaminación ambiental.
Os viveiros de empresas locais facilitan a incorporación ao mercado de persoas que sen a axuda e seguimento e apoio municipal, non sairían adiante. Son espazos dotados de infraestructuras de apoio técnico, material e de acompañamento para o desenvolvemento de planos de negocios e servizos varios (salas de reunión, locais compartidos, conexión a internet…) cedidos polo concello para formación, asesoramento, e criación de empresas locais. Ademais os viveiros ao se conformar como entornos nos cales se comparten recursos e experiencias son xeradores de valores que teñen máis a ver coa colaboración que coa competitividade individual o que xenera mudanzas favorables no comportamento económico a medio e longo prazo.
Os viveiros de empresas contribúen a potenciar e diversificar o tecido empresarial da localidade xerando riqueza e emprego nela. As sinerxias que se crean ao compartir un mesmo espazo multiplican a efectividade e a innovación en novos campos de emprendemento ou no desenvolvemento dos xa existentes. Abarata custes ao ter áreas e servizos comúns (arquivo, fotocopiadora, salas de reunións e usos múltiples, servizos de asesoramento e formación, apoio na busca de financiamento e na consolidación da empresa…Incluso serve de apoio a emprendedores que precisan dun espazo axeitado para estudar e preparar o seu proxecto.
A chegada dun governo que se proclama alternativo no que ten ás políticas lesivas para os intereses de Ferrol e que se propón como prioridade fixar povoación na cidade, facianos ter expectativas nas políticas activas de emprego que, polo de agora, se viron defraudadas.