LIGANDO CO ACUARTELAMENTO SÁNCHEZ AGUILERA

LIGANDO CO ACUARTELAMENTO SÁNCHEZ AGUILERA

En calidade de Delegada da organización política LiGanDo-LGD Ferrolterra, presentei unha iniciativa para a parcela do acuartelamento Sánchez Aguilera o pasado 13 de setembro no Concello de Ferrol.

Iolanda Teijeiro (Secretaria de Organización - LIGANDO)
Iolanda Teijeiro (Secretaria de Organización – LIGANDO)

A proposta de LiGanDo-LGD vén solicitar do governo local que faga os trámites necesarios para converter a parcela nun amplo espazo de Ecolecer Aberto ao conxunto do povo, no que se contemple o uso e disfrute dunha ampla zona verde con algúns edificios para actividades socioculturais en réxime de autoxestión e cooperativismo por parte da veciñanza.
Demandamos deste governo que faga os trámites administrativos para anular o convenio con Defensa e reclame a devolución dos 145.000 € xa pagados por ser un agravio con esta cidade que tanto lle deu ao Estado.
Asimismo, solicitamos a suspensión do PERI (Plan Especial de Reforma Interior) e o rexeitamento da proposta de reparcelación incluída no convenio que contempla a construción de case 500 vivendas e un centro comercial nunha cidade onde se pechan cada día comercios locais e que bate récords en vivendas deshabitadas.
Lembremos que xa no ano 2002, en resposta a unha pregunta do entón deputado Francisco Rodríguez, o governo central comunicava a súa decisión de manter a titularidade de parte dos inmoveis desafectados. Mais houvo que agardar ao 2004 para que Defensa asinara o primeiro convenio onde aquel governo do popular Juan Juncal lle permitía ao governo central dispor dunha superficie de máis de 50.000 metros cadrados para beneficio de Defensa e dos “señores do tixolo”.Deixando só unha ridícula parcela de 20.000 metros cadrados para espazos livres e zonas verdes que non chega ao 20% do total. Con razón os xornais falavan dunha macrooperación urbanística de
755.000 metros cadrados de terreo repartido en propiedades valoradas en 4,5 millón de euros.

E pasaron os anos e case a década até que en 2013, sendo alcalde o popular Rey Varela, perante unha pregunta parlamentaria dos nacionalistas, Defensa sostén que carece de información municipal sobre a situación do acuartelamento, que luze un evidente estado ruinoso e non paga IBI como o resto das 50 instalacións que posúe Defensa na bisbarra porque prefire que os bens desafectados se veñan abaixo antes que cederllos ao patrimonio de Ferrol.
Este verao, o BNG presentou ao pleno unha moción a prol da suspensión do convenio que non apoiou ningún grupo.
O 6 de setembro o alcalde de FeC esperava asinar o mesmo convenio que o dos populares aos que cansaba de criticar antes de sentar na alcaldía. E entón foi que estourou o Caso Lemos, casualmente por diferencias no que ten á política urbanística da cidade.
Así, a creba do pacto de governo entre FeC e Psoe (sen desbotar as causas persoais e estratéxicas a níveis estatal e autonómico) destapa un iceberg de asolagados intereses urbanísticos que nos tememos nos priven outra década deste céntrico espazo.
Por iso, desde LiGanDo preguntamonos por que o Psoe e FeC non apoiaron a moción do BNG para suspender ese lesivo convenio con Defensa que promete converter un parque, nun parking con máis vivendas e comercios.
Esperamos unha resposta nidia do governo local.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *