Remunicipalizar os servizos básicos de Ferrol.

Remunicipalizar os servizos básicos de Ferrol.

 

 

AO ILMO. ALCALDE DO CONCELLO DE FERROL

Proposta de LiGanDo.:

1º.-Que o goberno local asuma un posicionamento claro a favor da Remunicipalización destes servizos básicos esenciais, comezando pola información á cidadanía e a creación dunha Oficina Técnica Municipal sobre estes asuntos

2º.-Que encargue á Oficina Técnica Municipal o inicio de estudos lexislativos e técnicos, transparentes de cara ao inicio dos procesos de remunicipalización dos servizos básicos.

3º.-Que, sen ningunha demora, se fagan os trámites necesarios para reverter a xestión pública e de calidade o servizo de auga, saneamento e recollida de lixo, evitando os actuais prexuízos aos usuarios produto de deficientes prestacións de servizo e o seu maior deterioro e encarecemento -como no caso da subida de tarifa polo bombeo á estación depuradora e o cobro da obsoleta rede separativa de saneamento, do que se debería facer cargo o ministerio de Fomento.

Motivos de LiGAnDo.

Desde a chamada “crise da auga” do verán pasado, na que a empresa mixta Emafesa, o Concello de Ferrol e maila Xunta incumpriron a legalidade vixente no que ten á xestión, transparencia e Saúde Pública, así como diante da fraude por parte da empresa concesionada de cobrar unha taxa de saneamento a parte da veciñanza sen prestar ese servizo, a cidadanía organizouse nunha Plataforma na Defensa dos Servizos Básicos, pola Remunicipalización (Auga, Saneamento, Recollida de lixo…) levando incluso a un Pleno a súa postura. Un Pleno onde o actual alcalde de FeC non amosou vontade política de Remunicipalizar estes servizos alegando unha imposibilidade que non é real como se evidencia en moitos concellos galegos, españois e do resto do mundo (Arteixo, León, Zaragoza, París, Munich…), incluso aqueles de corte neoliberal que remunicipalizaron ou están no proceso de o facer.

Pola contra, o goberno local vén de prorrogar o convenio entre o propio concello e Augas de Galicia que exime de responsabilidade ao Estado pola construción dunha EDAR defectuosa que non funciona, e asumindo así a xestión desta infraestrutura cuxos custes de reparación deberían corresponder ao Estado. A proposta deste convenio implica a xestión da EDAR por conta de Emafesa a pesar da fraude de esta polo cobro dun servizo de saneamento inexistente e a pésima xestión da “crise da auga”.

En semellante situación atópase o servizo de recollida de lixo, en mans de Urbaser, unha das grandes adxudicatarias de servizos públicos de Galiza. Empresa que fai parte da empresa mixta Emafesa e sobre da que preocupa a súa posíbel venda a un grupo chinés.

As privatizacións foron “vendidas” polos gobernos dos distintos partidos como modelos máis eficientes na xestión económica sen merma do servizo. Mais a realidade é que co tempo demostrou ser un modelo corrupto que creou entramados mafiosos que rouban á veciñanza para conseguir as coñecidas comisións. Como di o economista e interventor municipal, especialista na materia, Fernando Urriticoechea: “En todos os concellos que teñen contratos de servizos importantes como auga, lixo ou xardinería, atoparemos seguramente perante unha trama mafiosa”. Desde facturas ilegais até contratacións clientelares ou sectarias pasando pola sobre-facturación dos servizos. Como din os expertos, o 90% da xestión da auga das cidades do mundo é pública. Algúns incluso prohiben privatizala. Os sectores estratéxicos como a auga teñen que ser públicos e non se lles poden aplicar as taxas no mercado porque non hai competencia, a xuízo do experto Fernando Colomer. Incluso o modelo neoliberal alemán ten un modelo 97% público. Stuggart, Hamburgo ou Berlín, que privatizaran o servizo, volven remunicipalizar. Ao igual que outras moitas cidades como París, Bos Aires, Atlanta, Budapest…

A concesión da auga nos concellos é o máis cobizado polos oligopolios porque poden poñer o prezo do servizo fóra do control municipal. Poden autocontratarse os servizos a si mesmos en inversións, substitucións… Teñen laboratorios propios e auditorías concertadas. Empresas propias de suministros de tuberías, contadores…Todo é lucro para o grupo de empresas e expolio para a cidadanía, e iso coa auga que é un ben común e un dereito humano básico esencial.

As empresas mixtas, que en realidade son privadas, levan ademais a un sub-desenvolvemento local, sumetido ás condicións de lucro das multinacionais que acaparan o mercado. Non só se trata do aforro na xestión pública do servizo senón que os beneficios económicos, na xestión directa, invístense no mantenimento das infraestructuras da rede e non van a engrosar ás grandes corporacións.

Privatizar un servizo esencial da cidadanía tamén conleva os desafiuzamentos hídricos, isto é, o corte de auga por impago incluso dun só recibo, incumprindo o dereito ao acceso a un ben común esencial para levar unha vida digna.

Privatizar un servizo esencial leva a entregar á cidadanía en mans das tramas corruptas da auga. Temos aínda aberto o caso Pokemon onde xa hai implicados 46 concellos de Galiza e Asturies.

Privatizar atranca o que debería ser o control municipal do servizo, incumprindo tamén a lei de transparencia. A día de hoxe, a cidadanía de Ferrol aínda non sabe de analíticas transparentes e auditorías externas e fiábeis, estando expostos a que bacterias perigosas ou sustancias canceríxenas como o glifosato estean presentes na auga de consumo humano co evidente risco de Saúde Pública. A non-potabilidade da auga é motivo suficiente para rescindir o contrato por incumprimento grave. E a ocultación deste sucedido por Emafesa durante dúas semanas é moito máis grave aínda.

Concellos como Teo, Cangas, Ames, Compostela…comezaron o proceso de control que é o primeiro paso para rescatar a concesión do servizo.

Só é preciso ter a vontade política de levalo a cabo. Como di Colomer: Os beneficios económicos (redución tarifaria) pola eliminación dos sobrecustes estimados (30% na auga, 27% nos refugallos e 70% no lixo), así como na calidade do servizo (30%-40% de incumprimento privado) e na Transparencia están á vista nos informes técnicos que se están a facer naqueles concellos con vontade de cambio de modelo de xestión.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará