Construíndo futuro
Aproveitando a data do día da Patria do 2016, queremos facer público que xa está operativa a organización política LiGanDo. Organización arredista que pretende facerse entender pola maioría da xente, para que deste xeito todas as persoas que acreditan que é necesario recuperar a propiedade do noso territorio para ser donos do que é noso e así ser donos do noso futuro teñan unha casa común na que debater, comprometerse, traballar, crear, …
O día 26 de Abril deste ano decidimos constituír formalmente a organización política LiGanDo-LGD. Ligando defínese como unha organización arredista e inda que comparte ideario con organizacións do nacionalismo, do galeguismo e do independentismo galego tamén o fai con sectores sociais que nunca participaron ou deron o apoio a organizacións que se moveron nestes abanos ideolóxicos.
O que se ven definido como volatilidade política do momento actual non é mais que o reflexo da aparición dun sector social que carece dun referente político estable co que se identificar. Esta maioría social esta composta por xente moza que acaba de chegar á maioría de idade e persoas adultas que se senten profundamente decepcionadas cos partidos políticos tradicionais. A decepción política non ven dada só por actitudes elitistas e pouco dialogantes, senón que, tamén, se debe a que entenden que as propostas para solucionar os problemas baseadas nas vellas receitas, para nada se adecúan a realidade social, económica, ambiental, …. da sociedade actual. Ao dito hai que sumar a percepción que a xente ten do comportamento dos dirixentes políticos que se din alternativos; que non é outra que o desexo de tomar o poder por riba do traballo de base e mesmo do desexo de cambiar as cousas.
A sociedade occidental e por tanto a galega é unha sociedade en crise produto do modo dun modo de vida que precisa inxentes cantidades de enerxía. Enerxía que precisa roubar por todo o planeta, xa que os recursos propios son insuficientes e a maior parte deles foron esgotados hai varios anos. Ademais outra característica da nosa sociedade é a loucura do crecemento continuo na que se instalou e que forma parte do seu ADN; polo tanto resultalle imprescindible para seguir existindo como tal. Vivimos nun mundo onde existen límites físicos e, ademais, vivimos nun mundo onde os seus límites físicos foron superados.
Galiza é un territorio que ten características propias (culturais, sociais, xeográficas, económicas, ..) que se conformaron, principalmente, antes da revolución industrial e lle confiren identidade de nación, mais as característica de nación non puideron ser desenvolvidas por formar parte dun estado que nace nun tempo e dun proceso de colonización a nivel planetario. Galiza ao ser absorbida neste proceso de colonización pasando a pertencer ao principal estado na inauguración da idade moderna e da creación dun novo status quo mundial, xogou e xoga desde hai séculos un papel de centro-periferia. O mellor exemplo deste papel de centro-periferia é a realidade documentada que os galegos fomos vendidos como escravos a vez que na Galiza se consolidaron e naceron familias adiñeiradas participando directa e activamente no mercado internacional da compra-venda de escravos.
Se o “descubrimento do continente americano”, o descubrimento do máquina de vapor ou o motor de combustión interna deron lugar a cambios de paradigma, é dicir, do modelo organizativo mundial, nos estamos fondamente convencidos que agora novamente esta sucedendo o mesmo. O feito de que a humanidade teña superados os límites físicos dos recursos do planeta, pero principalmente empece a contar cada día con menos enerxía que o día anterior, supón un cambio de paradigma que vai obrigar a mudar a percepción e o modo de relacionarse e organizarse a nivel mundial.
LiGanDo-LGT é e ten que ser a organización que traballe para que a Galiza histórica aproveite este momento histórico para renacer con forza nun contesto internacional que ten que estar baseado na colaboración e a solidariedade norte-sur e non na dominación e esquilmación de pobos, recursos e natureza.
Desde LiGanDo-LGT convidámoste a que te sumes á nosa organización porque este feito vai favorecer o debate e, ademais, vai axudar a espallar a necesidade de que compre repensar o noso futuro en común. Non nacemos para intentar coller votos nin para intentar xestionar o presente por ilo non está nas nosas pretensións participar a curto prazo en ningún proceso electoral.
Afíliate mándanos os teus datos e axúdanos a construír a Galiza do futuro, porque precisamos aproveitar como pobo este momento histórico, porque precisamos repensar o futuro en común e porque en LiGanDo-LGD precisamos de ti.
Afíliate aquí http://www.ligando.org/afiliacion/