Futuro enerxético de Galiza
As persoas que viven nun territorio deberían ser as que se aproveiten dos seus recursos adecuando o modo de vida as características do entorno e construíndo unha sociedade sostible e xusta. Se isto fose así, en Galiza non teriamos porque ter fogares que padecesen de pobreza enerxética -eléctrica- xa que somos un territorio cunha gran produtividade de electricidade a partir de fontes renovables o que quere dicir que os custes de produción (excluíndo amortizacións de infraestruturas, mantemento das mesmas, distribución e administración) son cero.
Galiza, ao igual que a maioría dos países occidentais, a día de hoxe, é fondamente deficitaria no seu balance enerxético global e o seu modo de vida tende a homologarse coa cultura dominante baseada no uso masivo do petróleo para infinidade de usos e solucións sobre todo no entorno das urbes. Así é que hoxe empregamos os derivados do petróleo para vestirnos, como menciñas, para obter alimentos e axudar na educación e cultura, para conseguir calor e frío, …ao igual que o fan en calquera outra latitude do planeta no cal teñan o mesmo acceso aos derivados do petróleo que o temos nós.
Todos sabemos que a humanidade xa superou ou está a piques de superar o consumo do 50% das reservas petrolíferas totais do planeta e este feito esta poñendo en xaque o modo petrolífero de vida occidental xa que cos consumos actuais de petróleo o 50% de reservas restantes van dar para moi poucos anos. Galiza, polo tanto, vai ter que enfrontarse a súa pobreza enerxética e remodelar a súa sociedade e economía tendo en conta os recursos dispoñibles do seu territorio porque nada fai pensar que humanidade estea a tempo de descubrir unha fonte de enerxía alternativa que poida substituír o petróleo.
A situación de pobreza enerxética da sociedade galega non é peor que outras sociedade do seu entorno, incluso podemos dicir que temos a vantaxe comparativa de contar cunhas condicións naturais que facilitan a produción de electricidade. A electricidade despois dos combustibles líquidos son a outra peza fundamental para o mantemento das sociedades modernas actuais e proba disto é que unha boa parte da enerxía obtida dos derivados das enerxías fósiles se empregan para producir electricidade.
No “Balance enerxético de Galicia para 2012 “os datos verquidos neste informe polos técnicos do INEGA deixan ver claramente o profundo déficit enerxético de Galiza. Só somo capaces de compensar produción e consumo no tocante á electricidade. Así é que no 2012 Galiza ten un saldo negativo de máis de 5.000 Ktep (5.000.000 tons equivalentes de petróleo) sobre unhas necesidades de consumo de 6.561 Ktep. A maior parte dos consumos enerxéticos que producen o déficit son motivados polo transporte por estrada e a industria, polo tanto bastante imprescindibles para o modo de vida actual. Nos datos dos distintos informes do INEGA non se inclúen balances sobre a enerxía producida e consumida na alimentación animal e humana, mais é preciso sinalar que antes da revolución industrial Galiza contaba aproximadamente con 1.500.000 habitantes e que os mesmos se alimentaban cun modelo de aproveitamento dos recursos naturais fondamente eficiente e inda así dábanse épocas importantes de fame. Tendo en conta a realidade do déficit enerxético de Galiza, ou mellor dito a nosa dependencia enerxética externa e que camiñamos cara unha época na cal a humanidade vai contar cada vez con menos enerxía dispoñible cumpriría empezar a deseñar a nosa estratexia enerxética de futuro que irremediablemente debe pasar:
primeiro por recuperar a soberanía sobre as nosas fontes enerxéticas, porque do contrario as nosas capacidades produtivas van ir en beneficio doutras sociedades.
Segundo paso compre asumir a necesidade de reducir os consumos enerxéticos de xeito importante, sobre todo os empregados para o transporte por estrada.
Terceira medida debemos recuperar a capacidade produtiva de alimentos en base aos propios recursos, xa que neste ámbito a dependencia externa é cada vez maior e a produción depende moito de aportes enerxéticos externos.
Cuarta incrementar a capacidade produtiva de electricidade apostando pola auto-produción a pequena escala mediante a posta en funcionamento para este fin os milleiros de muíños espallados polos nosos rios.
Quinta establecer como prioritario o transporte colectivo nas cidades e nas súas áreas de influencia potenciando os trens de proximidade e recuperando os trolebuses (autobuses que funcionan coa electricidade directa da rede) que no seu día circularon polas cidades de Coruña e Vigo como xeito de usar unha enerxía propia nos desprazamentos.
Sexta modificar a lexislación urbanística para o conxunto de Galiza de xeito que introduza como obrigatorio medidas enerxéticas baseadas na bio-construción e vilas e núcleos rurais adaptados a realidade socio-cultural dun modo de vida mais rural.
Sétima a aposta pola creación da tecnoloxía e a infraestrutura necesaria que permita o aproveitamento enerxético dos nosos montes para a produción directa de calor.
Oitava o inicio inmediato das investigacións necesarias para a introdución nas explotacións familiares cultivos que non compitan coa produción de alimentos e permitan a produción de alcol e/ou aceite para a produción de bio-combustibles co fin de conseguir un mínimo de combustible líquido para empregar nos desprazamentos no rural e na maquinaria pesada.