AOS GRUPOS PARLAMENTARIOS GALEGOS

AOS GRUPOS PARLAMENTARIOS GALEGOS

Dirixímonos a vostedes con fin de manifestar a nosa perplexidade diante do silencio que os seus grupos están tendo no referido aos ataques  que recentemente esta tendo o idioma galego. Reside en vostedes a vontade electoral da cidadanía galega e este feito obrígaos, ao noso entender, a defender o cumprimento do marco lexislativo galego.

Entendemos que a deturpación dos nomes dos concellos e parroquias galegas é un acto deplorable sobre todo cando ten como fin a provocación mediante a humillación das persoas galegofalantes e /ou das que senten o noso idioma como un símbolo de identidade común. Se o ataque a nosa toponimia ven acompañado do apoio institucional de estamentos da Xunta de Galicia o silencio dos grupos políticos é intolerable. Estamos a referir a publicidade de Es Radio co patrocinio do Xacobeo Galicia 21-22 onde se nomea o concello de Sanxenxo como *Sangenjo.

“Federico vuelve a Galicia el 18 de febrero con ‘Es la Mañana’

El viernes 18 de febrero, Es la mañana de Federico se tarslada de los estudios de esRadioal Club Náutico de Sangenjo. Los oyentes están invitados.”

E noutro eixo, cómpre que á persoa do Xacobeo 21-22 que autorizou dita publicidade, incumprindo a Lei de Normalización Lingüística e o regulamento da toponimia galega, sexa cesada de súpeto ou que retire dito patrocinio e pida desculpas públicas.

Igualmente resulta intolerable que estamentos galegos como a Real Academia Galega teñan sido abandonadas polo Parlamento Galego nas súas declaracións públicas a prol do noso idioma e das persoas que o falan. Estamos a referirnos ao debate suscitado polo comunicado feito público pola RAG a respecto da reforma do Estatuto de Autonomía do Principado de Asturias. Non valen desculpas que este é un debate que se circunscribe ao ámbito asturiano. Non é certo. O debate sobre a non discriminación do galego nos territorios de Asturias e Castela e León é e debe ser de especial interese para o Parlamento Galego, sobre todo cando representantes dos tres Grupos Parlamentarios e o mesmo Presidente da Xunta, teñen falando sen recato ningún sobre a reforma doutros estatutos como o de Euskadi e o Catalá.

Desde LIGANDO reclamámoslles que procurando  o maior acordo posible o Parlamento Galego faga:

1º.-Unha declaración formal e por unanimidade, na que o posicionamento público desta institución sexa o respaldo unánime as declaracións  feitas pola Real Academia Galega no referido a status que se lle debe dar ao Galego na reforma do Estatuto do Principado.

2º.-Outra declaración formal e por unanimidade do Parlamento Galego chamando a todas as institucións do estado, medios de comunicación públicos e privados para que estes respecten o marco xurídico galego e designen os concellos, cidades, provincias, parroquias e lugares coa toponimia legal que non é outra que a galega.

Galicia, 12 de Febreiro de 2022.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará