ANÁLISE ELECTORAL 12-X

Desde a organización política LiGanDo queremos felicitar a toda a veciñanza de Galiza polo comportamento exemplar que mantivo e mantén durante a situación atípica que estamos vivindo. Por atípica non debemos entender como inesperada, xa que as pandemias entran dentro dos prognósticos posibles feitos desde o mundo da ciencia que poden ser causados polas prácticas capitalistas depredadoras dos ecosistemas que tanto abundan. Nesta situación atípica o comportamento que a sociedade galega mantivo no proceso electoral non fai mais que reafirmar a nosa visión positiva para con o futuro de Galiza.
Felicitar tamén ao gran gañador do proceso electoral ao Presidente Alberto Nuñez Feijoo que unha vez mais á fronte do PPdG foi quen de facer unha campaña gañadora. Obter, na situación actual, unha maioría absoluta reforzada evidencia a fortaleza que o PPdG ten na sociedade galega o que lle permite conservar o poder por outros 4 anos.
Facemos extensibles as nosas felicitación ao BNG pola súa capacidade de concentrar a maior parte do voto de oposición ao PPdG. A capacidade de ilusionar a millares de persoas que nos últimos anos optaron por opción varias e variantes confirma que a populación galega demanda proxectos estables e lideres referencias duradeiros.
As eleccións do 12 de Xullo foron para LGD -incluso non presentando candidaturas- un exame para corroborar ou non o acertado da nosa análise da situación política de Galiza. Ter acertado na análise permitiunos prognosticar en boa medida os resultados saídos das furnas e o acerto indícanos que de ter actuado como un elemento activo no proceso electoral a nosa diagnose acertada axudaríanos a conectar coa maioría da veciñanza de Galiza.
LiGanDo é unha organización que de momento sigue en fase embrionaria mais que evoluciona favorablemente facendo un discurso que se está anticipando aos acontecementos. Resulta paradoxo que destacados políticos da cidade de Ferrol que nas eleccións municipais fixeron chanza do noso discurso e lemas de campañas, se apropiasen sen vergoña ningunha de parte da nosa mensaxe para estas eleccións galegas. Somos coñecedoras das nosas debilidades organizativas mais tamén somos conscientes do medre en simpatías que os postulados Decrecentistas teñen entre a mocidade galega dun xeito totalmente transversal o que nos permite chegar a amplas porcentaxes de mocidade consciente do futuro que lle espera a este planeta e a sociedade galega.
Se o Decrecemento é piar importante de LiGanDo; o arredismo non o é menos. Estamos seguros e seguras que o noso traballo con visión arredista vai dar unha pequena sacudida política a sociedade galega en breve. Apostamos, desde o arredismo, por un traballo político e social a prol do carácter nacional de Galiza fuxindo do maximalismo do nacionalismo.
Isto estanos permitindo que a nosa mensaxe sexa moito mais aceptada socialmente. Está aceptación -unha vez que superemos os problemas de ocultación do noso proxecto- vai facer que avancemos de xeito firme e decidido como organización.
Co fracaso das distintas aventuras políticas que se deron nestes últimos anos no coñecido como espazo de rotura desde LGD facemos un chamamento a todas as persoas comprometidas co futuro en Paz e Prosperidade que Galiza precisa para que se somen ao noso proxecto no traballo local. O traballo municipal ten que ser o verdadeiro motor do cambio que Galiza precisa. As portas de LGD están abertas a todas as persoas activistas da Galiza incluídos os territorios estremeiros do Eo-Navia, O Bierzo, As Portelas e Calabor que acepten a necesidade de articular un futuro baseado no Decrecemento e no Arredismo.
Compostela, 19 de Xullo de 2020.