VALORACIÓN DOS RESULTADOS ELECTORAIS
O
LGD fai unha valoración negativa dos resultados obtidos na cidade de Ferrol así como os da coalición electoral Xuntos por Miño. Entendemos que na cidade de Ferrol non fomos capaces de converter a simpatía pola nosa organización en votos e sendo certo que parte da prensa ocultou a nosa existencia, tamén o é que esa ocultación foi amplamente contrarrestada nos debates, charlas, mitins e no porta a porta. A pesar dos resultados non pensamos que a nosa participación teña sido un erro, mais ben todo o contrario, xa que foron centos, cicais varios miles de persoas os que por primeira vez souberon da existencia da nosa organización así como dos principios ideolóxicos polos que nos movemos no nos traballo diario: Decrecemento e Arredismo.
En Miño pagamos con creces o desexo manifesto da maioría de electores de mandar á oposición ao PP. O acordo de goberno con este partido non foi entendido ainda que durante estes 4 anos se fixo unha moi boa xestión desde a alcaldía. Este desexo de mandar á oposición ao PP non foi exclusivo de Miño senón que é un fenómeno de ámbito galego do que se está beneficiando de xeito moi importante o PSOE. A negativa do PSOE a falar de acordos en pé de igualdade con outras candidaturas deulle en Miño os seus mellores resultados da democracia. Este fenómeno que empezou nas últimas eleccións xerais indica un cambio de goberno na Xunta, mais non debemos esquecer o comportamento cambiante do electorado neste momento histórico.
Outro elemento que xogou a nosa contra en Ferrol foi basear a centralidade do noso discurso en aspectos (medio-ambiente -cambio climático e contaminación-, política dos coidados, crise enerxética mundial, feminismo, R do Decrecemento …) que non forman parte do discurso dos grandes partidos porque as liñas do seu pensamento e discurso (o crecemento e a solución) seguen a ser as mesmas que as do século XX. Este feito de ter axendas de debate diferente ás dos grandes partidos ocultou as nosas propostas nos debates que participamos e nas entrevistas que nos realizaron.
Estamos seguros que todas as persoas que repararon en nós e que non chegaron a comprender os fundamentos da nosa mensaxe se van atopar nos próximos meses, como moito anos cunha realidade climática (mudanza climática) e enerxética (prezo da electricidade e o petróleo) mundial que os vai facer despertar da falsa realidade na que se vive que non é outra que a falacia do crecemento continuo nun planeta de recursos limitados como o xeito de solucionar os problemas.
Con respecto ao futuro dicir que a campaña nos permitiu fortalecer a nosa organización, o cal valoramos moi positivamente. Imos seguir traballando en Ferrolterra con mais forza que o viñemos facendo ate o de agora con propostas, comunicados, conferencias, … O noso obxectivo non son, estritamente as eleccións, mais entendemos que son un bo campo de xogo para facer chegar a nosa mensaxe a un número moi importante de persoas. É por isto que para dentro de catro anos a nosa pretensión, actual, non é só repetir nos concellos que participamos neste proceso electoral, senón incrementar o número de candidaturas, xa que entendemos que a situación política, enerxética e medio ambiental global que se vai producir durante os 4 anos desta lexislatura vai facilitar a comprensión do noso discurso.
Miguel Anxo Abraira
Voceiro Nacional de LiGanDo.
Un comentario en «VALORACIÓN DOS RESULTADOS ELECTORAIS»
Hay que seguir loitando,pouquiño a pouquiño faise o camiño