DIARIO DE PRECAMPAÑA: FERROL E O SEU MEDIO AMBIENTE

DIARIO DE PRECAMPAÑA: FERROL E O SEU MEDIO AMBIENTE

Hoxe quero reflexionar sobre o meirande desafío ao que nos enfrontamos como especie, a conservación do Medio Ambiente. Meirande desafío, digo, porque somos seres dependentes do Medio, evidencia que é necesario lembrar na era virtual do mundo tecnolóxico.

Antes da globalización, no mundo dos nosos avós, a nosa capacidade de destrución era moitísimo máis cativa e achegada. Non existían a maquinaria que tanto traballo nos quita pero que todo o estraga. No mundo a granel non precisabamos estar concienciados da nosa pegada ecolóxica. Mais hoxe é un segredo a voces que ao Crecemento continuo é inviábel nun planeta finito de recursos esgotábeis.

E mentres os políticos ao uso, sempre crecentistas -aínda os nomeados de esquerdas- e dóciles fillos dun sistema neoliberal e curtopracista seguen cegos e mudos ao meirande desafío, os grandes problemas de hoxe e das vindeiras xeracións seguen afondando:

-a perda de biodiversidade

-a mudanza climática

-a perda de chan e desertización

-a contaminación xeral…

Para atallar estes grandes retos necesitamos con urxencia, políticas eficaces para a conservación dos ecosistemas fronte a proxectos de cultivo intensivo e gandería industrial, fronte á adicción de fertilizantes químicos e biocidas que aceleran a perda de chan fértil e contaminan as augas, fronte aos proxectos enerxéticos intensivos, aos proxectos de infraestruturas de transporte e urbanización de ecosistemas naturais e seminaturais, á sobreexplotación de recursos, fronte á introdución de especies exóticas invasores, o comercio ilegal e maltrato animal, fronte á sobreexplotación dos recursos mariños e ao extractivismo da minería contaminante. Fronte aos monocultivos (eucalipto, leite palma…).

Necesitamos tamén dunha política específica para protexer a auga non contaminada e da apropiación polos grandes grupos de poder que especulan cun recurso esencial esgotábel cuxos acceso universal hai que garantir fronte ao lucro.

As persoas de LiGanDo traballamos por un Ferrol Diferente e dicimos que precisamos remunicipalizar os servizos básicos como a auga para garantila como un dereito humano universal.

Precisamos un saneamento integral da ría de Ferrol por motivos de Saúde Pública non só por motivos ecolóxicos.

Precisamos unha política municipal que non comungue cos vertedoiros incontrolados e co feísmo urbanístico que tanto abunda no noso concello.

Precisamos defender o Medio Ambiente non só elixindo o Decrecemento como emenda á totalidade das prácticas capitalistas voraces senón tamén vivindo con conciencia no día a día para reducir a nosa pegada ecolóxica. Apostando por unha política local cun plan de actuación contra a Mudanza Climática, cun plan de mobilidade onde os desprazamentos a pé, en bici, no transporte público e no tren non se convertan nunha heroicidade cotiá.

En LiGanDo queremos un Ferrol diferente: sostíbel cun plan enerxético de redución de consumos e de aposta polas Renovábeis. Un Ferrol onde fagamos unha política de implantación dos 9 R do Decrecemento coa participación da veciñanza. Un Ferrol con menos infraestruturas faraónicas e menos scalextris para elites. Un goberno que aposte pola Soberanía Alimentar, a Economía de Proximidade, a Dinamización do tecido comunitario, …

Iolanda Teixeiro Rei. Candidata á alcaldía de Ferrol.

2 comentarios en «DIARIO DE PRECAMPAÑA: FERROL E O SEU MEDIO AMBIENTE»

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *