Iniciativa para impulsar eco-hortas comunitarias en Ferrol

Iniciativa para impulsar eco-hortas comunitarias en Ferrol

AS NOSAS PROPOSTAS:

1.-Pór en marcha políticas decrecentistas de desenvolvimento sostibel onde as Ecohortas Comunitarias xoguen un papel vertebrador.

2.-Conservar superficie agrícola de parcelas municipais para uso comunitario adicándoas a Ecohortas Comunitarias para cesión, en réxime de autoxestión, de usos agroecolóxicos á veciñanza.

3.-Dotar municipalmente esas parcelas de todo o material, persoal de asesoramento científico-técnico (en canto a tipos de cultivo axeitados, prevención e tratamento ecolóxico das pragas, compostaxe…) e instrumental (ferramentas, aperos, mesas…), así como casetas pechadas con rexistro sanitario para, de ser o caso, os neolabregos poidan vender os excedentes e xenerar un posto de traballo no mercado local.

A dotación, formación e asesoramento non será por medio de concesións senón de xeito direto ou con convenios coa universidade e/ou centros de formación agraria.

4.-Habilitar, próximo ás Ecohortas, se posibel for, un campeiro con arboredo e un espazo cuberto onde se poidan desenvolver todo tipo de actividade lúdico-culturais organizadas pola comunidade. (Debates, fórums, charlas, cursiños, obradoiros, xogos, técnicas…relacionados co tema).

5.-Elaborar unha proposta de mapa colectivo de ubicacións das Ecohortas Comunitarias así como Ecohortos escolares (Ex: As hortas existentes aínda no centro urbano como as hortas que fican aínda entre as rúas do Hospital e da Terra para as protexer da especulación urbanística. Hortas e terrenos repartidos por todos os barrios e parroquias: Canido, Catabois, Esteiro, Ferrol Vello, Santa Mariña, San Xoán…).

6.-Elaborar un programa educativo municipal de usos culturais e pedagóxicos das Ecohortas entre os Centros de Ensino, as Residencias de Maiores, os grupos ecoloxistas, grupos de consumo, horticultores ecolóxicos, e demais tecido asociativo dentro do marco das políticas decrecentistas.

7.-Abastecer, alomenos na medida das posibilidades, os Comedores Escolares, as Residencias de Maiores e os Comedores Sociais dos alimentos de proximidade como son os destas Ecohortas.

OS NOSOS ARGUMENTOS:

O goberno municipal, nun pleno recente, vén de comemorar o centenario da chamada Revolta das Pedradas ou das Mulleres, na que se algo se evidenciou foi un panorama de miseria extrema por falla de soberanía alimentar no marco da apropiación do territorio e do traballo labrego e proletario en beneficio da especulación dos mercados, agudizado pola neutralidade especulativa do Estado Español nunha Guerra Mundial.

Estes mal chamados conflictos das subsistencias foron unha constante na nosa historia. Conflictos derivados, en última instancia, da falla de soberanía alimentar e territorial. Na actual situación de crise sistémica por mor do esgotamento das enerxías fósiles, faise máis acuciante ca nunca un programa municipal que aposte nidiamente polas políticas decrecentistas do que se vén en chamar cidades en transición, onde se reduza ao máximo a pegada ecolóxica coa Relocalización, a economía de proximidade, apoiando os grupos de consumo e de transición, promocionando a permacultura, a agricultura sinérxica, a silvicultura social, os bancos de sementes… en resume, afondando na resiliencia da comunidade.

Todo goberno de esquerdas que se preze ten de apostar pola Relocalización como xeito de combater non só a fame global senón tamén de protexer á súa comunidade dos intereses especulativos usureiros das grandes empresas transnacionais da alimentación que arrasan as agriculturas de subsistencia por todo o planeta para introducir os monocultivos e especular cos prezos, causando os criminosos movimentos migratorios actuais. Porque para pensar globalmente hai que actuar localmente e o Concello é quen administra o local.

Irónicamente, o suposto atraso da Galiza -entendido como supervivencia dun modelo de vida apegado á ruralidade tradicional- é envexado agora por pensadores e activistas doutros lugares como Catalunya, Reino Unido, EUA… porque nos sitúa a unha menor distancia da volta a unha sociedade básicamente agraria e local. Pois que, como di a Asociación Véspera de Nada na súa Guía para o descenso enerxético, aínda temos unha conciencia da terra a nível familiar, social e cultural que nos sitúa con avantaxe na necesaria construción-recuperación dunha sociedade máis local e autosuficiente, ou sexa, viabel. Mais para iso, estamos nun intre histórico no que lle poder transmitir ás novas xeracións, máis arredadas da terra, a súa cultura-cultivo de supervivencia.

Como ben di a tese de AEIPRO nas súas Estratexias para a implantación de hortos urbanos, nas nosas cidades se está a perder para sempre unha significativa superficie agrícola ao tempo que existe unha necesidade de espazos recreativos.

A falla dunha planificación a longo prazo do deseño integral e sostibel de cidade leva a que a especulación urbanística do solo e o deleixo administrativo, fagan de Ferrol unha cidade inhabitabel. Nunha soa xeración están a se perder as hortas urbanas en pleno centro, e as terras que por todos os barrios se adicaban a cultivos familiares e de venda nos mercados locais.

Desde LiGanDo-LGD instamos a este goberno a pór en marcha unha Rede de Ecohortas comunitarias urbanas.

Estas Ecohortas comunitarias terían unha multifuncionalidade económica, pedagóxica e sociocomunitaria garantindo:

– o acceso comunitario á terra

-unha economía básica de autosubsistencia

-autoxestión comunitaria do espazo

-aprendizaxe colectivo da permacultura e o cultivo ecolóxico

-estratexias innovadoras para enfrontar as necesidades alimentarias e de saúde.

-a adquisición de coñecimentos sobre o funcionamento dos sistemas socionaturais e a a participación activa na mellora do medio.

-o aproveitamento comunitario de solares baldíos, fincas abandonadas, patios ou xardíns de vivendas…

-un comercio agroecolóxico próximo entre a veciñanza achegándose o máis posibel á máxima de consumir o que se produce e producir o que se consume, dentro das políticas de redución da pegada ecolóxica e da solidariedade norde-sul.

-a inserción da escola na comunidade e o vencello cos hortos escolares no vieiro da educación ambiental.

-unha alternativa de lecer e tecido asociativo de cohesión social e ponte de relación interxeracional, resgatando a etimoloxía de cultura como cultivo da terra.

-políticas de saúde alimentar integradas nos contidos curriculares dos centros de ensino.

-cultivo da cultura tradicional agraria e antropolóxica (xogos agrarios ligados aos cultivos e ao ciclo anual, lendas, contos, mitos…) ligados ao imaxinario tradional galego que está a esmorecer polo abandono forzado do rural. Actividades culturais que recuperen os sinais de identidade histórico-agrícolas alén da identidade sumetida aos dictados da moda.

-unha actividade de lecer cun ritmo non-productivista nen competitivo que axude a reducir o estrés, a relacionarse cos outros cun ritmo natural e arrequecedor e desde valores cooperativos e de autoorganización, fomentando a participación na toma de decisións así como actividades a prol da integración étnica e socioeconómica.

-unha agricutura alternativa co emprego dos recursos locais, a través dos refugallos orgánicos e o uso de enerxías renovabeis.

-Empoderamento da comunidade no que ten á democracia directa participativa e á educación política en canto á capacidade de se autoxestionar.

Moitos destes obxectivos entrarían, amais, no Programa Axenda 21 no que se refire a planos de acción ambiental e planos de participación social.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *