LGD demanda a recuperación das baterias da Costa Ártabra.

LGD demanda a recuperación das baterias da Costa Ártabra.

SOLICITAMOS:

1.-Que, como xa hai anos vén de solicitar a asociación cultural Columba de Covas, o concello de Ferrol reclame a aquelas administracións responsabeis, a recuperación das baterías e túneles militares da Costa Ártabra, non só polo potencial turístico que supón nunha das paisaxes senlleiras da costa galega, senón tamén por motivos medioambientais, ao se situar dentro do territorio da Rede Natura, así como por seguridade, polo perigo que supón a afluencia constante de turistas, sendeiristas e veciños que se achegan ás baterías e visitan os edificios ruinosos e os túneles ou galerías.

2.-Que a concellalía de cultura xunto con medio ambiente, elabore un programa de conservación coa colaboración da asociación cultural Columba e a veciñanza aproveitando tamén o potencial da Ruta dos Faros (Faro do cabo Prior) e a existencia da mina de Covarradeiras e Sta. Comba, na ruta do estaño das navegacións prehistóricas. Asimesmo que se leve a cabo unha xestión desde a base, contando coa mocidade formada en patrimonio ambiental, recursos paisaxísticos e históricos, etc.

3.-Que se adiquen as edificacións a un pequeno Museo das Navegacións desde a prehistoria até os nosos días aproveitando a cercanía da valiosa ermida de Sta. Comba e a súa relación coas rutas marítimas atlánticas.

Os nosos argumentos:

É responsabilidade do Estado, a través das súas diversas administracións, a xestión e ordenamento ambiental e paisaxístico dos espazos naturais militares e das súas instalacións.

Na actualidade, máis da cuarta parte da superficie deses espazos están adscritos á Rede Natura 2000, co que as redes de espazos naturais están agora superpostas, en parte, baixo o contido da Directiva Europea sobre a Conservación dos Hábitats.

Como din os expertos na materia, socioeconómicamente, o uso recreativo e turístico demanda a xestión, usos e mantemento da propiedade pública civil, na constatación dunha desamortización continuada e máis ou menos planificada das propiedades desafectadas de interese para a defensa nacional”. Atopámonos nun momento histórico clave que determinará o destino futuro deste patrimonio natural común, na súa cualidade de conservación, no seu tipo de propiedade, no seu maior ou menor uso público e no seu valor socioeconómico.

Nesta situación áchanse as baterías militares da Costa Ártabra, que abranxen desde o cabo Prioriño até o cabo Prior, no que ten a ver co concello de Ferrol.

No século XIX fortificáronse os principais portos do Estado levantando defensas de baterías de costas na Galiza, A Coruña, Ferrol, Vigo ou en Catalunya, tamén.

Estas baterías abandonadas foron un importante complexo artilleiro destinado á defensa da Base Naval e Estaleiros militares de Ferrol desde o plan de defensa na dictadura de Primo de Rivera, continuando a tradición marítima da cidade departamental como base da flota naval do norde do Estado.

O complexo defensivo do Golfo Ártabro, coñecido como as Baterías do Golfo Ártabro, estaba formado por catro emprazamentos principais artillados e outros catro para baterías de catro canóns de menor calibre. Así como outras baterías de apoio antiaéreo. Defendían o Arsenal de Ferrol, de importancia estratéxica crítica, posto que nas súas radas recalaba gran parte da Armada Española. Dispúñanse sempre en zonas elevadas con un gran ángulo de visión. De aí, o grande valor paisaxístico e turístico actual destes emprazamentos que hoxe fican no deleixo de todas as administracións responsabeis.

As baterías constan tamén de abondosas galerías sotarregas e túneles onde se almacenaban os polvoríns.

Actualmente, gárdase un importantísimo arquivo gráfico ben conservado no Museo Militar Rexional de A Coruña.

Das baterías fortificadas, só se conservaron algúns exemplos de batería de costa nun curto número de países.

Na súa gran maioría comezaron a ser desclasificadas de interese para Defensa (desafectadas) e postas á venda, posto que se ubican nas mellores áreas costeiras conservadas, para xerar recursos para os presupostos do Ministerio de Defensa, sen que a sociedade civil reciba ningún beneficio.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *