COLAPSO

COLAPSO

Miguel Anxo Abraira
Voceiro Nacional de LiGanDo-LGD

 

Cada vez son mais os “estudosos” que defenden que a sociedade occidental non está en crise senón que esta inmersa nun proceso de colapso de modo de vida e polo tanto de civilización. Carlos Taibo no seu libro Colapso cita dous factores  como os principais desencadeamentos do colapso global: a mudanza climática e a escaseza de recursos.

Segundo Dimitri Orlov, outro defensor da teoría do colapso, este consta de 5 fases: colapso financeiro, colapso comercial, colapso de estado, colapso da comunidade e colapso da familia.

Sen dúbida o colapso (colapsos) que vivimos é un proceso que se vai prolongar no tempo e de momento só podemos dicir que pouco mais fixo que empezar. Este comenzo é xa o suficientemente evidente para xenerar unha conciencia colectiva do problema. Sen ir mais lonxe este ano 2017 son moitas as persoas que percibiron como algo verdadeiramente grave a mudanza climática porque lles afectou de xeito directo na súa calidade de vida. A modificación sustancias das precipitacións deu lugar a que na chuviosa Galiza tiveramos que falar de cortes no subministro da auga da traída na cidade mais populosa da nosa nación. Nos últimos anos tamén tivemos que aprender novo vocabulario (cicloxénese explosiva) para pode referirnos a fenómenos meteorolóxicos antes inexistentes e tamén este ano soubemos que a mudanza climática agudiza o problema dos incendios forestais.

A nivel mundial o colapso ten a súa maior evidencia non só nas graves catástrofes naturais que se dan en distintos puntos do planeta, senón tamén na aparición de estados fallidos e estados matóns.

Estes estados fallidos e ou matóns son necesarios e produto das guerras coloniais levadas adiante polos estados imperiais e polas súas multinacionais . Estas situación acentúan o colapso social en numerosos e amplos territorios co correspondente desabastecemento dos recursos básicos (alimentos, auga, …) para o mantemento da vida.
Este 2017, tamén puxo encima da mesa unha nova evidencia do colapso mundial no que estamos inmersos. Estou a referirme á reaparición da venta de persoas como escravos para o desenvolvemento de traballos físicos. No estado fallido da Libia actualmente existe un “importante mercado” de compra-venda de escravos con poxa e compra ao por maior de persoas por uns 400 euros a unidade. Todo isto sucede co silencio cómplice da comunidade internacional.

Centrando a análise no colapso do Estado Español compre ser quen de mirar a situación interna como un proceso conectado coa situación de colapso global que se vive, xa que a economía dos distintos territorios do estado esta fondamente conectada co mercado enerxético internacional.

Hai moitas persoas con formación política que consideran que o que está acontecendo en Cataluña é produto exclusivo de movementos políticos e sociais sen relación algunha co que esta acontecendo noutras partes do mundo mais eu convido a que se profunde sobre o concepto colapso para que poida entender que os movementos políticos actuais de distintas sociedade do mundo teñen como factor desencadéante o colapso climático-alimentación ou o colapso da escaseza de recursos.

Ao mesmo tempo que ollamos os movementos políticos en Cataluña non debemos descartar outros movementos anti-status noutras partes do territorio do Estado, pois a situación de colapso social e propensa a activar estes fenómenos mais como síntoma que como proceso. Nuns recentes comentarios de Antonio Turiel sobre a situación de Cataluña este expresouse dicindo que a el non o collía por sorpresa unha vez que entende que o Estado Español estaría iniciando a terceira das cinco fases do colapso, é dicir, o colapso de estado.
A rebelión que se esta vivindo desde hai un ano no Rif (norte de Marrocos) facilmente pode estenderse por Andalucía/Murcia ou estenderse a Alxeria poñendo neste último caso en grave perigo a estabilidade do subministro enerxético do Estado Español o que suporía a súa inmersión total no colapso de estado e o claro inicio da fase de colapso social.
Na Galiza nada parece moverse e sen embargo poden percibirse movementos de desacougo nas bases mais populares que afectan en maior medida ao Partido Popular.

E fácil percibir que hai un ruxe ruxe na sociedade galega na procura dun camiño diferente para Galiza que o deseñado por Feijoo, Rajoy e os poderes económicos.

A nova ola de incendios que este ano volveu rodear as cidades do sur, con mortes de persoas e as restricións de auga provocou un debate social que elevou a debate político cuestións que ate o de agora eran secundarias. Estoume a referir a cuestións que teñen que ver co futuro e a supervivencia colectiva. Cando isto sucede a poboación tende e reclamar e impulsar cambios de fundo non por convicción política senón por necesidade de supervivencia colectiva.

Sen dúbida o momento actual é o idóneo para colocar encima da mesa alternativas globais para a nosa sociedade que permitan repensar o futuro. Xustamente neste punto é onde se sitúan os documentos que nestes meses se están presentando á sociedade co gaio do I Congreso de Decrecemento e que esta impulsando con notable éxito a Rede de Decrecemento Eo-Navia * Galiza * O Bierzo.

Convido a todas as persoas a prestar atención as alternativas de fundo e que van mais aló dos discursos electorais ao igual que as convido a visualizar os acontecementos sociais, económicos, políticos e culturais como un síntoma do colapso e do cambio de paradigma no que estamos inmersos.

Callobre, Decembro de 2017.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará