CELULOSAS E PIRÓMANOS EXPRÉS

CELULOSAS E PIRÓMANOS EXPRÉS

Ninguén sabe como foi. Desde o presidente da Xunta ate o último xornal perdido pásmanse da vaga compulsiva de incendios no outono máis ardente que se lembra. Tardaron unha cantas décadas en se decatar que o lume era intencionado. Supoñemos que precisarán doutras tantas décadas máis para descubrir que há unha trama. Non sabemos cantas persoas máis terán que morrer. Como ignoramos cantas matanzas máis terán que sofrer nas escolas estadounidenses para que abatan á Asociación do rifle cos seus negocios.

O presidente da Xunta, máximo responsavel da política forestal, anima a delatar e insinúa nos incendiarios, un brote de malicia individual ou un brote de loucura selectiva. Ao seu parecer, ao igual que abrollan as malas ervas nos trigais, abrollan os pirómanos nos escasos reductos onde há solo rústico goloso de tixolo ou ecosistemas protexidos como a reserva dos Ancares, a serra do Courel ou o Xurés.

Pensando como pensa Feijóo, é normal que aínda non teñamos un corpo permanente de funcionarios brigadistas e sigamos apagando lumes con empresas amigas nutridas de traballadores temporais en precario, como ben ocorrendo cada verao nas praias, cos socorristas.

Ben mirado, o noso presidente devería de estar investindo os millóns que adica a tanta parafernalia de aparellos apagalumes en formar un corpo de psiquiatras especializados en pirotecnia e outros trastornos da pirofilia. Mais, sobre todo, non debería consentir que o seu xefe no governo central ampliase a concesión da celulosa Ence de Pontevedra outras décadas, facendo de Lourizán e do monte galego, un eucaliptal, porque iso vén sendo como empregar a un pirómano nunha fábrica de mistos e adicarse a facer rogativas e bañar ao santo para que chova.

A pesares das grandes explicacións científicas de noso presidente sobre os incendios e das camisetas cortalumes da súa conselleira, ninguén é quen de enxergar a estrana coincidencia de que aos tolos pirómanos lles dea por prender sempre en vésperas de vento e de leis que permiten edificar en terra queimada, levantando a moratoria das tres décadas. Nen ese ardor de queimar sempre o pouco territorio protexido (protexido, dixen?) que nos queda. E dado que o clúster do eucalipto (ao que algún despistado chama clúster da madeira) e as pasteiras son os únicos beneficiados desta curiosa tolemia, o lóxico sería que o tratamento de choque da consellería do ramo pasara por pechar Ence e Lourizán e proibir, de contado, os monocultivos alóctonos, ordenando dunha vez por todas o territorio e recuperando os usos tradicionais do monte, investindo seriamente no rural.

Eu acredito en que nalgún momento, o presidente da Xunta, no canto de tratar de parvos aos galegos ou nos convidar á delación dunhas mafias que viven á sombra do poder vendido ás transnacionais, dimita. Alomenos namentras non saiba xestionar o lume e seu complexo de superioridade, deixando que se espalle a Asturies e Portugal e convertendo toda a Galiza histórica nun camposanto de cinza e gadaña.

As tres celulosas de Portugal, Asturies e Galiza son os manicomios caducos da psiquiatría do lume do desenrolismo do Icona franquista. Este legado agroindustrial colonial e o turismo destructivo do tixolo son o caldo de cultivo deste inferno dantesco.

E Europa, tan livre de tolos pirómanos, recibindo a pasta e remitíndonos o papel. Menudo papel xogamos!.

IOLANDA TEIJEIRO REY

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará