LiGanDo – Ferrol: A mocidade é quen mais ordena.
A marxinación da mocidade evoluiu dun xeito paralelo ao retraso na súa incorporación á vida laboral, froito dun sistema económico que desbota día a día máis persoas. As crecentes esixencias do mercado no que ten á feroz competitividade profesional nun entorno fluído e sumetido ás vértolas da globalización, fai que a mocidade se delongue hoxe ate os 35 anos. A longa vida académica nas titulacións universitarias e postgraos, así como a formación permanente para un mercado sempre imprevisibel, aumentan a dependencia económica da mocidade a respeto das familias e abocana a un estado de dependencia obrigada que a sitúa nun estado de perpetua adolescencia.
As políticas xuvenís que se teñen feito van desde o dirixismo estricto até certo grao de participación, pero de moi baixa intensidade.
O feito de que para elaborar esta Iniciativa tiveramos que nos documentar virtualmente é bastante significativo.
A transparencia e a difusión real da política do día a día, nos barrios e parroquias, nas asociacións e demais entidades sociais é tan importante como o empoderamento cidadán, a toma de decisións e a confianza en que as propostas tomadas colectivamente nos foros, consellos e asembleas democráticas van ser vinculantes para o goberno local.
Por outra banda, a especial problemática da mocidade ferrolá, coa sangría migratoria dunha cidade de monocultivo industrial, en crise durante décadas, fai especialmente urxente a incorporación dunha política transversal seria desde o concello.
Desde LiGanDo, non vemos neste goberno, políticas xuvenís que evidencien o recoñecemento desa urxencia. Pola contra, seguimos asistindo a unha política dirixista que, moi serodiamente, tenta de artellar unha rede de participación cidadá que non coalla na cidadanía. Quizais porque a mocidade, como adulta, fuxe de paternalismos disimulados en apariencia de xestión participativa.
Os Foros Cívicos, por propia definición son espazos abertos de reflexión, debate e toma de decisión. Mais estas decisións non son vinculantes para o executivo local. E a mocidade tampouco gosta de pedalear sen rodas.
A certeira crítica do actual goberno local ao Plan de Barrios impulsado polo anterior goberno do PP, como meramente propagandístico e de representatividade titorizada, non foi sustituido por unha política de autoxestión, polo que gobernar sobre e non gobernar con, segue a ser o distintivo das políticas de Ferrol. A baixa participación nas asembleas ten, como unha das causas, a falla de credibilidade nesa anunciada participación transversal e inclusiva. Non se criou esa rede participativa de abaixo arriba, do barrio á parroquia e de esta ao concello.
Temos dous exemplos desta política xuvenil continuista, na Casa da Xuventude e no Foro da Mocidade.
A Casa da Xuventude nunca foi xestionada pola propia Mocidade. Limitouse a improvisar ofertas de actividades dirixidas, sen que a mocidade tivera posibilidade de sentir a Casa como súa participando na normativa de uso, na organización do local, nas decisións sobre usos, na organización de actividades e tempos, na elaboración de presupostos, etc. Isto fixo que a Mocidade máis creativa e crítica nunca entrara nela.
O cambio de ubicación da Rúa Almendra para o Antigo Hospicio, non fixo máis que empeorar o xa baixo nivel de participación. A próxima reubicación no local anterior dá unha pésima imaxe de improvisación e volatilidade.
Polo que respecta ao Foro da Mocidade, desde Participación Cidadá do Concello non parecen ter claro en que situación se encontra actualmente. Ante as nosas peticións de información, remítennos á web municipal e facilítannos un Regulamento de Participación (RPC). Non poden darnos ningún enderezo nin teléfono debido a que os participantes son menores de ensino secundario pois a creación do foro foi impulsada desde os institutos de ensino medio de Ferrol. Ficaron no foro só aqueles nos que houbo alumnos dispostos a participar.
Dos 4 grupos temáticos onde o Foro da Mocidade fixo propostas ao concello non houbo, apenas, resposta municipal. Pola contra, no Saneamento da ría ou na mellora da mobilidade e do transporte público aínda se levaron políticas contrarias. Incluso na demanda de espazos públicos de encontro dotados con recursos e servizos non se avanzou nada, a pesar de haber como hai tantos locais baleiros.
Por todo isto, desde LiGanDo-LGD
SOLICITAMOS:
1.-Que o concello facilite locais repartidos por barrios e parroquias dotados de servizos e recursos accesibeis a toda a Mocidade en réxime de autoxestión asemblearia de colectivos, entidades e mozos de xeito individual que serán dotados presupostariamente.
2.-Que o Foro da Mocidade sexa aberto a todas as entidades, asociacións…xuvenís e se dote de órganos de decisión propios capaces de elevar propostas e programar aquelas actividades de información/formación, lecer…que considere oportunas.
3.-Que as propostas que eleve o Foro da Mocidade ao concello sexan vinculantes.
4.-Que o concello destine uns orzamentos para o funcionamento do Foro.
5.-Que desde o goberno local se facilite o acceso a todo tipo de asesoramento e apoio no funcionamento tanto do Foro como da Casa da Xuventude.
6.-Que nas Asociación Veciñais e demais entidades socioculturais se facilite o acceso á Mocidade reservando un espazo físico para autoxestionar por eles e traballar así no proceso de integración activa no tecido comunitario.
Isto facilitaría o intercambio xeracional e facilitaría o tránsito do consumo cara a creación cultural.