MERCADOS E FEIRAS MEDIEVAIS: FALSIFICANDO A HISTORIA

MERCADOS E FEIRAS MEDIEVAIS: FALSIFICANDO A HISTORIA

Desque algún anónimo descubriu o potencial lucrativo da historia comezaron a medrar as festas que prometían ollar ao pasado. Era boa a idea!. Era, digo. Sobre todo se os concellos e organizadores botaran man dos historiadores para se documentar unha migalla.
Desde a festa da Istoria de Ribadavia até a batalla de Brión en Ferrol, pasando polos Mártires de Carral, María Pita, as Torres de Catoira, Arde Lucus…todos os concellos, por andazo, botáronse a artellar cadansúa feira ou mercado medieval. E todas elas teñen algo en común, alén de se alonxar da Historia documentada en distintos graos,e é que os galegos

Iolanda Teijeiro (Secretaria de Organización – LIGANDO)

manifestamos en todas un engaiolo preocupante polo exitoso invasor. Se ides ao Arde Lucus, veredes que a meirande parte dos lucenses lucen de romanos. Familias enteiras pasean a muralla bimilenaria cun bimilenario orgullo de se amosar da banda dos vencedores. Gastan en túnicas e penachos, quadrigas e cavalos e danse a falar ese latín deturpado que veu en dar ao galego. Anque incluso ese día algúns sigan a falar no castelán sen acabar de relacionar o parentesco lingüicida. En Catoira os cascos cornudos tamén arrasan nas preferencias xerais da mocidade. Claro que após ver Os vikingos de Kirk Douglas e Toni Curtis a ninguén nos vai a estranar. Con eses modelos de afouteza e fachenda hollywoodenses e a falla de cine histórico galego, era visto!.
Mais na Batalla de Brión (que recrea a invasión inglesa do Ferrol de principios do século XIX, co desembarco en Doniños e a subida polos outeiros de Brión), ninguén quere facer de inglés. E penso que esa anomalía hónranos como ferroláns. Mátanse os veciños por facer de si mesmos na defensa de Ferrol. Lembro a un tío meu que chegara de Barcelona e fora ver a batalla. Cando se decatara xa estava a fazer de invasor anglosaxón. Orgullo ferrolano, fobia ás machinas ou franca asimilación do reino español?.
Este verao xa asistimos á feira medieval de Pontedeume no medio dun casco medieval esnaquizado e con só unha torre dos medievais Andrade milagreiramente conservada. Os eucaliptos abafando a vila a se derramar polo Breamo e Caaveiro coa espada flamíxera como unha eterna ameaza pasteira e mineira sobor do mellor bosco atlántico!.
Este fin de semana o google maps lévanos ao Rio Freixeiro Park, entre estradas e rotondas. Quen poderá se achegar a pé ou a cavalo ou naqueles carros de tracción animal como se fazía nas festas medievais!. Un cartaz anuncia o programa en perfecto castelán como se en Freixeiro, literalmente, bosco de freixos, no Medievo se falara castelán. Agochándonos que ate Afonso X, o rei, en Toledo, falava e escrevía galego!. No mercado medieval de Narón non há trasnos senón un “duende travieso”, nen pasarrúas que agora son “pasacalles”. Un minotauro…unha ensalada mesturada a gusto do mellor postor. Nos postos podemos atopar desde papaias até tragalumes. Recendos a química de terceiros estados transnacionais.
Se queredes recriar a historia medieval,por Deus non vaiades a unha feira medieval!. Mellor ide a un roteiro dalgunha asociación cultural como Roxín Roxal onde se faga unha memoria histórica do Reino da Galiza dende a monarquía sueva á independencia de Portugal ou sentade a ler A Cidade Medieval Galega de Anselmo López Carreira, onde se bota algunha luz sobre as tebras que nos levantaron deses Séculos Escuros e da Baixa Idade Media. Levade antes aos nenos a Disneyworld, mirade o que vos digo,que é menos perigoso!. De vivires unha pantasía polo menos que non crean que están a recriar historia nengunha.
Estaredes poñendo o berro no ceo, espaventados pola miña negatividade, seino. Estou afeita aos molóns e eses livros de autoaxuda para emprendedores que van de oca a oca de cursiño en práctica ancestral. E errades se coidades que estou contra as feiras medievais. Non. É boa idea, xa volo dixen máis enriba. Mais documentadas. Non pido unha representación exacta de Andrade o Bo, nen sequera pido escuitar a Fernán Esquío a recitar versos de escarnio e maldizer. Nen aspiro a sermos Roi Xordos ou remedar o asalto ao Castelo, que para iso xa temos o Festival de Moeche. E postos a asaltar hoxe os castelos están nos polígonos industriais,nos centros comerciais, nas franquicias e nos bancos.
Mais onde está a relocalización? As feiras medievais duravan entre 15 e 60 días. Eran internacionais, mais non lobbistas. Podiamos atopar a un xenovés a vender pementa ou a un hamburguense vendendo madeira que non era, por certo de eucalipto. Hoxe a madeira véndena á baixa directamente os lobbies do clúster no mesmiño lugar dos incendios. De madeira era tambén o banco no que os cambistas colocavan as moedas locais para as examinar e trocalas. Daquela non artellaran ainda o roubo dos empréstitos a xuros porque aínda non era banqueiros rateiros senón só cambistas.
Os capitalistas medievais aínda eran asemblearios. As confrarías non se adicavan a capirotazos e desfiles senón que reclamavan dereitos fronte á nobreza laica e eclesiástica e a ese primus inter pares do monarca.
Como nos conta Anselmo L. Carreira, moitas vilas souberon se emancipar do poder señorial para ter que depender da autoridade monárquica como Pontedeume e Betanzos, por exemplo.
Mais non todos foi negativo no Medievo. A ruralización da Alta Idade Media co devalo das cidades, só podemos consideralo negativo desde unha visión nesgada de ollada urbana e comercial, isto é, desde o punto de vista dos valores capitalistas. Só para un comerciante cristián pode resultar nefasta a creba do comercio entre Oriente e Occidente. Mais non foi creba senón muda cara o mundo árabe. E as Cruzadas foron un bo negocio para o papado. A muda do valor da terra de identidade interxeracional a mercadoría deu neste mundo tolo onde os especuladore da Bolsa poden xogarse nun minuto os recursos naturais de calquera territorio. A soberanía alimentar e enerxética estava máis asegurada do que agora, porque os señores da terra aínda non era absentistas como aquel señor de forca e coitelo, aquel Balboa da Idade Media do que fala Curros no belido poema A Virxe de Cristal. Iso veu despois, coa muda de valor de uso a valor de cambio que produciu unha revolución no sistema de valores a abrir unha nova Idade, a Moderna co ascenso da burguesía. Tan escura ou máis do que a Media mais con mellores “ilusionistas”. O pan, alimento básico era de semente galega, variada e rica, non era propiedade de Monsanto a modificar xenes e nos levedar os sangumiños en azucres aditivos e doenzas cobizadas polos señores dos fármacos.
Na Idade Media havía máis reparto de poder nas confrarías do que pode haver hoxe nas organizacións políticas e sociais. Deuse daquela unha redución do aparello central do Estado, cuxas funcións distribuíanse periféricamente. Os Concellos tiñan ben máis poder do que hoxe en día, pois eran anteriores ao nacemento das cidades. Viñan dun mundo máis comunal, dun mundo pequeno e rural con democracia participativa e non representativa. (Nicolás Tenorio, a principios do século XX, aínda atopou vivo este concello en Viana do Bolo, redistribuindo a riqueza máis xustamente e en paralelo ao poder central). Os concellos medievais tiñan autonomía xurisdicional fronte ao señorío e á Monarquía que veu para centralizar e sumeter as Cartas Forais, fundamento das liberdades urbanas.
O comercio medieval era minorista e local principalmente. Havía comercio a gran distancia porque os viños galegos chegavan a Gran Bretaña. O fluxo constante de intercambios comerciais do campo a cidade (pan, carne, peixe, legumes, froitas, coiro, lá, liño, madeira…) e viceversa (manufacturas) era a base desa sociedade. Cada aldea e cada vila era autosuficiente. Só o campo podía sitiar á cidade por fame. Hoxe estamos en mans de catro corporacións especuladoras planetarias. Se havía servos da terra ou mellor dito, dos señores da terra e do ceo, hoxe somos servos do mercado global máis caroso de asaltar en revolta irmandiña pois canto máis lonxano anda o poder máis engana e máis esmaga. Nada de isto atopo nas feiras medievais.
Así que eu non penso tripar outra feira medieval entramentres non vexa cruzados e inquisidores, productos de cercanías, cavadores, podadores, vendimadores, amas de crías, soldadeiras, fumeiros, calígrafos galaicoportugueses, fiadoras e teceláns, tintoreiras con tintes naturais de cochinilla grana do quercus coccifera coas súas repovoacións de carvalleiras, porcos, cabras, ovellas…e non só cavalos e noitaregas maltratadas en cetrería tétrica. Disque en Ourense havía 56 oficios distintos entre os artesáns ao longo do século XV! E todos independentes e locais, ceibos dos bafos vertoláns do mercado global!.
Que non, que eu non penso tripar outra feira medieval. Alomenos até que restauren os recuados cascos medievais que na Galiza fican.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *