Mentres isto escrevo o fume avanza desde o val de Esmelle e Covas e ameaza asolar Mandiá e Pazos onde fica o reducto da Fraga do Menáncaro, tan cobizada por especuladores urbanísticos e eucalìticos. Nas noites pasadas arderon os camiños da Costa Ártabra, formosa paisaxe que percorre a penedía de Ferrol e Narón. Desde o cabo Prior a Campelo as cinzas traerán o lembro do chapapote do Prestige e nos lembrarán que apenas somos unha colonia. Non se escoita nen se ve nengùn helicòptero. Estarán a apagar os milleiros de focos que o malvado sol e as cabichas dos despistados provocaron. Pois que hà décadas que, desde a opinión pública e os políticos e doutos ao seu servizo, se dan estes como axioma causante dos lumes xunto á praga dos pirómanos tolos e/ou parvos que lles deu polo chisqueiro como lles podía dar por plantar nabos, disque.
Após muitas sesudas e custosas investigacións, a Xunta veu corroborar que os montes se queiman por descoidos, calor ou tolemia. Así que a política forestal devería ir encamiñada a cursiños intensivos de concentración, chuvia e terapias de saúde mental. Iso sería mais coherente que tirar os cartos en medios aéreos e terrestres de extinción.
É curioso que antes do Icona e dos monocultivos de piñeiros e eucalitos arderan as cidades mais non os montes e agora ocorra ás avesas.
Terá algo a ver cos incendios a planificación dese chamado Progreso que botou o traballo tradicional do agro e crebou a comunidade rural en perfecta simbiose coa natureza?. Terá algo a ver cos incendios que o Estado se apropiara do comunal e siga a esmagar a resistencia dos defensores do monte en man común con nova lexislación aínda máis gravosa? Terá algo a ver co lume que haxa tres celulosas instaladas no noroeste da Península Ibérica? Terá algo a ver a prórroga de Rajoy a Ence?. Terá algo a ver que na Galiza xa non haxa máis frondosas case ca estas gadañas da morte, e que cando se censan os eucalitos enchan e encubran a falla de bosco autóctono? Terá algo a ver que ardan os poucos reductos de ecosistemas a protexer como estes días Ancares co lume ás portas do mellor faiedo da Galiza, A Pintinidoira?. Outrora foron as serras da Lastra, do Suído…o sagro monte Pindo ou a alfaia senlleira das fragas do Eume?.
Na Semana Santa fun visitar as fontes da Galiza, na belida serra de Meira, o Pedregal de Irimia, onde o pai Miño é apenas un naipelo a susurrar seu primeiro berro de vida. Alí, nace o río da nosa bandeira nun terreo privado, inzado de eucalitos nitens, esa variedade creada para espallar o monocultivo celulósico polas serras onde a friaxe mata ao globulus. Eucalitos nitens chuchando as fontes do Miño, as fontes dos mil ríos galegos!. E lembrei que o partido arredista LiGanDo ainda estava a agardar resposta da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio pola iniciativa presentada para salvar o nascimento do río Miño, vai fazer un ano xa. Nesta iniciativa podemos ver nidiamente as verdadeiras causas dos lumes.”Os eucaliptos son plantas invasoras polo que colonizan terreos sen necesidade de ser plantadas polos humanos e ademais a súa capacidade invasora increméntase tras un incendio. O seu rápido crescimento fai madeira que case só serve para produzir pasta de celulosa e é devido á grande cantidade de auga que consome para o seu crescimento. Há estudos que indican que precisan consumir uns 42.000 has por día.”
Se o eucaliptos globulus apesta a Galiza da beiramar e zonas baixas, o nitens apestará a Galiza interior e as súas serras. E como a Galiza Estremeira padece a mesma lacra, o presidente da Xunta faría ben en falar dos incendios co noso veciño, xa que vén de receber un premio en Porto, seica polo seu labor para as comunicacións da Eurorrexión Galiza-Zona Norde de Portugal.
As travesas para os camiños de ferro que traían o progreso derramaron os nosos boscos, daquela vivos e productivos. Mais nada comparavel a esta colonia de lume, chapapote e mineiría contaminante en que nos están a converter!.
Como di LiGanDo: Para apagar un incendio cómpre chamar ao 112. Para rematar coa lacra dos lumes precísase mudar de política forestal.
Iolanda Teijeiro Rei