Iniciativa sobre o acuartelamento Sánchez Aguilera de Ferrol.

Iniciativa sobre o acuartelamento Sánchez Aguilera de Ferrol.

A nosa proposta:

1º.-Que o goberno local de Ferrol faga os trámites administrativos dirixidos a anular o convenio con Defensa e pida a devolución dos 145.000 Euros xa pagados, por ser un abuso de agravio con esta cidade.

2º-Que o goberno local de Ferrol faga os trámites necesarios para proceder a suspender o Plan Especial de Reforma Interior (PERI) para o Sánchez Aguilera e non aprobe a proposta de reparcelación incluída en dito convenio.

2º.- Que o goberno de Ferrol esixa do Ministerio de Defensa a conservación das propiedades da sua titularidade e o pago do IBI e dos demais impostos correspondentes así como o mantemento, en boas condicións, dos seus terrenos e instalacións.

3º.-Que non se aprobe, por parte do concello, a proposta de reparcelación de case 500 vivendas e un centro comercial que contempla o convenio para a zona citada, xa que ningún beneficio vai traer á cidade nin á veciñanza senón que, pola contra, vai contribuír ao afundimento do xa depauperado comercio local e á especulación urbanística nunha cidade que bate récords en vivendas deshabitadas.

4º.-Que o concello de Ferrol faga os trámites necesarios para que os espacios e edificios existentes na parcela do acuartelamento de Sánchez Aguilera se convertan nun ESPAZO DE ECOLECER aberto ao conxunto do pobo e no cal se contemple o uso e disfroito de edificios para atividades socio-culturais en réxime de autoxestión e cooperativismo por parte da veciñanza.

Os nosos argumentos:

O ano 2002, en resposta a unha pregunta do deputado nacionalista ferrolán Francisco Rodríguez, o goberno central comunicou a sua decisión de manter a titularidade de parte dos inmobeis desafectados do acuartelamento Sánchez Aguilera. En concreto, a pista de Aplicación Militar, o Baluarte do Príncipe e a Residencia de Oficiais.

Aínda así, houbo que agardar ao ano 2004 para que Defensa asinara o primeiro convenio que non chegou a entrar en vigor. Como tampouco o fixo o convenio asinado no 2007 que comprometía moitas das propiedades desafectadas para o Concello.

Pero a cousa demorou unha década máis e no ano 2013, ante a desidia do goberno de aquel entón, o Ministerio de Defensa quixo poñer á venda 55.346 metros cadrados do Sánchez Aguilera calificados como de uso residencial para a construcción de vivendas e zona comercial. Se temos en conta que a superficie total achégase aos 95.000 metros cadrados, é evidente que se trata dun negocio especulativo cunha ridícula superficie adicada ao que adoitan chamar parque os construtores de tixolo, e ao que moitos cidadáns chamámoslle calote de minixardín entre cemento.

En maio de 2015, en vésperas electorais, o actual goberno de FeC, anunciaba que negociaría o PERI, Plan Especial de Reforma Interior, do Sánchez Aguilera. Propuña evitar novas construcións e recuperar solo público para criar un parque urbano ‘a tiro de pedra do centro dunha cidade que apenas conta con dúas illas como o Cantón e o Raíña Sofía, de todo insuficientes’ (dicía literalmente).

Hai menos de un mes, en agosto deste ano 2016, o BNG reclamou nunha moción ao pleno do concello de Ferrol que se anulara o convenio con Defensa, aínda sen desenvolver. Eis que o actual goberno, incumprindo as súas proprias promesas electorais, amosa agora desde o executivo a postura política contraria, mantendo o acordo do plan para o Sánchez Aguilera nas mesmas condicións que tiña previsto o anterior executivo do PP.

Por outra banda compre dicir que a cidade de Ferrol carece de espazos cubertos e abertos suficientes para que a cidadanía poida usalos como zonas de lecer. Sen dúbida o acuartelamento de Sánchez Aguilera é un espazo idoneo para albergar un gran parque urbano por estar nunha arteria comunicativa entre os barrios de Ferrol-centro, o Ensanche e os barrios de Canido, Xoane e Catabois. Situado fronte ao colexio Juan de Lángara, o Instituto de Canido, a Biblioteca Pública e non lonxe do Xeriátrico Mi Casa. Lugar idóneo que xa alberga o magnífico Museo da SGHN na antiga Casa do Coronel.

Esta zona de lecer ao ar libre sería un amplo espazo onde os nenos poderían xogar e realizar todo tipo de actividades de ocio non comercial libremente e sen o perigo que supón o tráfico. Poderia considerarse como un espazo de socio-educación recuperando o tecido comunitario e convivencial e de creba dos hábitos consumistas e deslocalizadores.

Dado o tamaño da parcela e a existencia de importantes edificacións estas últimas poderian ser recuperadas para a criación dun Centro Autoxestionado de Actividades Sociocomunitarias diversas, cunha filosofía cooperativista e auto.xestionada como alternativa ao ocio consumista, nomeadamente para a infancia e mocidade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *