CON K: PRECARIOS, PRESBÍTEROS E PROCARIOTAS

CON K: PRECARIOS, PRESBÍTEROS E PROCARIOTAS

Iolanda Teijeiro (Secretaria de Organización - LIGANDO)
Iolanda Teijeiro (Secretaria de Organización – LIGANDO)

A meirande parte das persoas cando falan de historia nos bares e baiucas do país, (desde que somos europeos xa non se fala de futebol nen de monllos rosados) acreditan en que os humanos progresamos. Tamén Curros, o poeta civil, afiuzava en que a chegada a Ourense da primeira locomotora traería o progreso!. Mais esta errada idea de que o paso do tempo sempre é para ben dos humanos non ten máis fundamento do que os fundamentalistas e os seus ridículos mandamentos. E senón vaiamos a unha comparanza a vó de paxaro.
No Lacio, durante o antigo Imperio Romano, existía o chamado Comodato Precario. Segundo un tal Ulpiano era Precario aquel “que pide con rogo, e se lle concede para que o use en tanto que o consente o que llo concedeu”. Cómo é que chegou até os nosos días o Precario? Ninguén o sabe mais aí o tedes, cuspidiño a aquel laciano antigo. O pater patricio distribuía as terras en precarium a plebeios, escravos manumitidos e forasteiros dominados. Pode alguén demostrar que a día de hoxe os pater non seguen partillando as terras de tal xeito?. Nas grandes corporacións dermoestéticas e durmoestáticas das macroempresas de todo tipo e ralea, non se estabrece por contrato legal, o Comodato Precario? Asinado amais, por todos os sindicatos e síndicos do poder?. Certo, poderedes alegar, non temos plebeios senón fixos continuos. Non temos xa escravos manumitidos senón fixos discontinuos a tempo parcial. Non temos forasteiros dominados senón inmigrantes deslocalizados e sen papeis.
Eis que non existe progreso na sociedade humana. Nen con camiños de ferro nen sen eles. Porque a máquina, sexa ou non de vapor, nunca mellorou por si mesma ás persoas nen ás sociedades. O carácter sagro da máquina xurdiu cando se reconverteron os presbíteros. Durante moitos séculos a máquina e o presunto progreso que traería era para a curia o vehículo de satán. Mais cando Curros, no Divino Sainete, montou a Añón de viaxe a Roma no comboio dos sete pecados capitais a conseguir o voto de pobreza do Papa e a renuncia a todos os bens terreais da Igrexa, ignorava que unha institución procariota tiña os mellores métodos profilácticos para combater o progreso de camiño a igualdade do paraíso perdido. A Igrexa fixo da máquina a espada flamíxera e a tecnoloxía deixou de ser demoníaca. Ai, a tecnoloxía ao servizo do comodato precario!. Ao fin, a precariedade fai das persoas monicreques nos que o disfrute fica ao enteiro arbitrio de seu propietario!.
E chegou a Idade Media co novo imperio dos procariontes máis procaces. Para os que non sexades doutos en sagradas escrituras direivos que os procariontes son organismos formados por células procariotas. Isto é, por células que non teñen un núcleo celular diferenciado cunha membrana. Senón que o seu material xenético se distribúe livremente por todo o citoplasma eclesial. En capela, mosteiros, abadías, catedrais, casas parroquiais…Para entedermonos, pensade nas bacterias, ese andazo de seres calados e imortais que se dividen por fisión binaria e teñen o ADN núo e circular ao redor do altar maior do presbiterio. A maioría son eubacterias como por exemplo as cianobacterias capaces de fazer fotosíntese osixénica durante séculos e séculos escurantistas. Anque tamén existen as arqueobacterias que utilizan outras sustancias para formar as súas paredes celulares habitando en condicións estremas como mananciais sulfurosos quentes. Coñécense fósiles de estas bacterias arcaicas de há 3.500 anos. Algúns científicos din que todos derivamos destes primitivos procariontes. Dionoloqueira!.
Estes procariotas arcaicos padecen do mal da presbicia, esa anomalía da visión que afecta sobre todo aos vellos como eles e que non permite ver os obxectos achegados con claridade. Por iso é que este presbíteros procariotas sempre ven a palla en ollo alleo e coidan, poño por caso, que cando un pederasta viola a inocencia dun meniño é o pequeno o culpavel de o provocar.
Porén, contra o que poida parecer a simple vista, os presbíteros procariotas tamén viven en precariedade pois que se serven gratuitamente dun ben alleo sen un título lexítimo que xustifique o seu goce e por ignorancia ou mera tolerancia dunha sociedade que non progresou desde recuados tempos.
A precariedade moderna púxose de moda de pasarela a fins do século XX polos desaloxos do movemento Okupa que se apoderou dos terrenos deshabitados ou das vivendas abandonadas para okupalos como centros de reunión, centros culturais ou de lecer.
E mirade que puxen okupa con k de kalashnikov e kalandraka! Con k de kinesia e kappa grega. De kepleriano e kárstico, ese fermoso relevo calcáreo con moitas fendas, precipicios e correntes sotarregas de auga. Okupas precarios de presbíteros procariotas composteláns, mindonienses ou vaticanos, como belas korés kamikazes que falan esa koiné ou lingua proibida. K deses kuros ou mozos que lonxe de aceptar a precariedade esmigallada do poder rebélanse sen k de kw das grandes empresas enerxéticas e viven tan ledos na escuridade lucidía das candeas do século XXI, en vivendas comunais enfrontados aos pater familias e a todos os presbiterios. Si, con K, con esa letra impropia do alfabeto galego, oclusivo, velar e xordo, como este mundo no que nos tocou viver!.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *