40 anos de incendios. Solucións?

40 anos de incendios. Solucións?

Incendios sempre os houbo e sempre os vai haber, pois estes poden ser fortuítos, escapados ou intencionados. E dentro dos intencionados están os que se fan como un sistema de labores ou os que buscan producir estragos. Se a cantidade e repetición dos incendios supera unha cantidade que se poida considerar razoable producindo estes cuantiosos danos  económicos, medio medio-ambientais e sobre todo se poñen en perigo a seguridade e mesmo a vida das persoas aparece  alarma social e un forte debate público. En Galiza levamos décadas cunha cantidade de incendios inadmisible, mais aínda así as políticas forestais non teñen cambiado na práctica nos últimos 30-35 anos; si é certo que  houbo algún cambio lexislativo na boa dirección (goberno do bipartito PSOE-BNG) máis na practica todo se fai igual ano tras ano pese a desfeita que provocan os incendios.

Para os distintos gobernos centrais os danos causados no territorio galego polos incendios non son importantes e, proba disto e que nunca se declarou zona catastrófica nin total nin parcial. Proba de que os incendios en Galiza non son importantes para o goberno central e o feito que para o ano 2012 o goberno de Rajoy aprobou o Real Decreto-ley 25/2012 co obxectivo de axudar a  paliar as consecuencias dos incendios dese mesmo ano que aconteceron en todo o territorio do estado; deliberadamente, o incendio das Fragas do Eume quedou fora das medidas de indemnización recollidas pois era de aplicación aos incendios sucedidos despois de  maio de 2012. A xunta tampouco solicitou a súa inclusión pese a posibilidade de facelo tal e como previa o citado RD.

Desde o ano 1961, segundo datos datos da Aula de Silvicultura da Universidade de Vigo (datos da Xunta e do MAGRAMA) esta rexistrado oficialmente que se queimaron 1.850.000 hectáreas o que supón o 62% da superficie de todo o territorio galego. Este 1.850.000 hectáreas supoñen máis do 90% da superficie forestal galega. Se aos datos rexistrados oficialmente engadimos a superficie non contabilizada por mor que na década dos 60 e primeiros dos 70 só se rexistraban como superficie queimada a que era de xestión pública e que na actualidade se diferencia incendios de focos e que por motivos políticos se tende a reducir a superficie queimada ben podemos concluír que desde 1960 ate o día de hoxe ardeu o equivalente a totalidade da superficie do territorio galego. Desde 1961 téñense rexistrado uns 250.000 incendios dos cales 188.000 sucederon desde 1990. Actualmente temos de media entorno a 10.000 incendios anuais.

Historia popular da intencionalidade dos incendios

Desde os anos 60 téñense dado varias explicacións populares a suposta intencionalidade dos incendios. Nas primeiras décadas da ditadura os incendios provocados serian por motivos políticos e como arma de guerra. Estes incendios provocados empregábanse  para combater a resistencia galega á ditadura do franquismo que se agochaba nos montes; pretendíase con eles forzar a saída dos guerrilleiros dos seus agochos do monte. Tamén é coñecido que o fascistas empregaron o lume como castigo contra os veciños e veciñas que non eran da súa corda. Queimar, roubar e asasinar foron métodos de castigo a veciños e veciñas concretas e a aldeas que daba axuda a guerrilla. Neste período a garda civil é un dos causantes dos incendios.

Coa implantación por parte do estado franquista da xestión publica de monte privado (montes do ICONA) empezan a darse incendios que teñen como obxectivo impedir por parte dos veciños e veciñas as que se lles roubaran os montes. As protestas democráticas estaban penadas co cárcere e os incendios provocados foron un atranco fácil  para impedir o  éxito económico  dun método de explotación  que non era máis ca un roubo dos montes particulares ou en mancomunal. Neste período a garda civil forza aos veciños a traballar de balde na extinción dos incendios nos montes do ICONA. A oficialidade franquista son contabiliza como incendios os que se dan nos montes con este tipo de explotación.

O terceiro período que se pode diferenciar na análise popular dos incendios iniciase coa plena implantación de ENCE  en Lourizan e en Navia (Asturias) que vai empregar miles de tons de eucalipto para a súa cadea produtiva. Neste período a voz popular implica a aparición dos incendios coa necesidade de inducir ao cambio de especies autóctonas cara o eucalipto. A indución ven dada polas fortes subvencións que permite repoboar  de xeito máis barato o monte queimado, por ter este un mercado seguro e  un período de corta moi inferior a outras especies o que o fai máis rendible  para uns propietarios que empezan a xeneralizarse de avanzada idade.

O cuarto período que é no que estamos actualmente caracterizase pola aparición de incendios de xeito habitual en zonas de gran valor ecolóxico de Galiza (Fragas do Eume, Macizo Central de Ourense, Monte Pindo, etc). Este período coincide coa diversificación produtiva de ENCE xa que no 2008 decide reforzar a produción eléctrica mediante recursos forestais; coincide tamén coa  aparición das primeiras medidas  lexislativas sobre cultivos enerxéticos forestais e coa introdución de variedades de montaña (Eucaliptus nitens) que resisten as xeadas do inverno.

A intencionalidade dos incendios sempre estivo claro na veciñanza do rural e poucos son os veciños e veciñas que non teñan claro que detrás dos incendios houbo e hai algo máis que vinganzas veciñais e/ou lumes escapados. Nos anos 70-80 eran habituais as conversas en contra  do ICONA e tamén estaba bastante asumido que  as  avionetas que formaban parte dos servizos de extinción tamén se dedicaban a prender  lume tirando aparatos incendiarios. Hoxe coa presión mediática sobre a incerteza das causas dos incendios esta liña  perdeu peso pero ao mesmo tempo seguen aparecendo ano tras ano testemuña e mesmo  aparatos incendiarios tirados desde o aire. No 2013 e recollidos pola prensa esta o caso de As Neves e Boiro por citar algún exemplo. Tamén esta de sobra documentado a aparición nos montes de trebellos incendiarios bastante sofisticados e a visualización por parte da veciñanza de coches e motos actuando de xeito estraño en días de alto risco de incendio.

O rural e o monte

Durante os 50 anos aos que se fai referencia neste artigo os usos do monte cambiaron drasticamente pasando de ter usos cruciais para a supervivencia das persoas a ser un ben escasamente produtivo. O monte baixo empregouse en Galiza até a xeneralización da agricultura industrial como un produtor de enerxía e de abono. O uso do molime (restos vexetais de monte alto e baixo) como cama para animais e posteriormente como abono imprescindible das fincas xunto co uso da leña como fonte de enerxía renovable non só para quentarse senón tamén para cociñar convertían ao monte baixo e alto en elementos cruciais para a supervivencia da sociedade rural galega. O mesmo sucedía coa necesidade de ter fincas de labrado en sécano e de regadío. Unha explotación agraria tradicional antes da implantación da  agricultura e a gandería industrial tiña que contar con monte alto, monte baixo, pastizais de secano e regadío e terras de labrado para garantir a supervivencia da unidade familiar que vivía dela. Facíase preciso ter unha multi-produción de alimentos para as persoas e os animais. Esta é a razón pola que en Galiza existe o minifundismo. É unha necesidade de supervivencia, de rendibilidade enerxética e económica e non un reflexo do mentalidade cativa dos galegos e galegas. A explotación facíase empregando métodos de permacultura ecolóxica e buscaban a obtención de rendemento enerxético entendendo este como a diferencia positiva entre a entrada de calorías e a saída das mesmas do proceso produtivo.

Coa implantación da era industrial na Galiza e posteriormente coa aplicación por parte da Xunta e do goberno central das políticas da UE prodúcese, non só, o abandono do rural e da actividade agro-gandeira-forestal  senón que tamén se transforma drasticamente o modo de vida no rural coa aparición dos monocultivos e a especialización gandeira e agraria e en menor medida a forestal. Isto é posible ao poder converter as explotacións gandeiras e agrícolas en irrentables en termos enerxéticos -característica da era industrial-,  ao introducir a enerxía procedente do petróleo (almacenada nas entrañas da terra durante millóns de anos) na cadea de produción, conservación e distribución  de alimentos. Grazas aos derivados do petróleo  non é preciso ter un ciclo enerxético pechado e mesmo é posible vivir no rural sen precisar para nada a autosuficiencia. Coa introdución do petróleo na agricultura e gandería e no proceso de conservación e distribución de alimentos  criouse un modelo mundial de agricultura que precisa introducir 10 calorías procedente das enerxías fósiles para obter 1 caloría de alimentos. A aparición de monocultivos -outra característica da agricultura industrial- favoreceu o control dos alimentos e da produción agraria e forestal por grandes corporacións. A implantación da sociedade do carbón e do petróleo fai que no só se despoboe o rural senón que os usos dados a recursos naturais se modifiquen drasticamente chegando a instalarse no rural galego o consumo de enerxías fósiles (gas, gasóleo) para obter calor en detrimento da leña e convertendo o molime (restos vexetais usados como cama para animais e como abonos verdes) nun estorbo.

O eucalipto

As primeiras nocións que se teñen en Galiza sobre o eucalipto remítenos a súa implantación como planta ornamental. A mediados dos anos 60 a superficie en Galiza era duns centos de hectáreas, en 1992 eran unhas 40.000 hectáreas, en 2009 tiñamos xa 375.000 en 2011 eran 611.000 hectáreas e para finais de 2013 hai estudos que falan que se pode chegar as 800.000 hectáreas. Dado a introdución da variedade Eucaliptus nitens  lograda mediante investigación para conseguir plantas que resistisen os -5ºC e o seu éxito demostrado en montañas como a Serra de Meira (Lugo) con altitudes de máis de 600 m sobre o nivel do mar deixan prever un futuro moi eucaliptizado para a paisaxe galega que iría desde os acantilados ate as zona frías e montañosas do interior como o Macizo Central de Ourense. O eucalipto é unha planta pirófita pois ten mecanismos que contrarrestan os efectos negativos don incendios (xemas latentes en raíces e tronco) desprendemento de sementes do propio arbore dependendo da intensidade do incendio entre varios días e meses despois de terse producido este.

A principal característica negativa dos eucalipto  non é que sexan favorecedores dos incendios por mor dos aceites que posúen as súas follas ou por favorecer incendios aéreos ao subir o lume polas cascaras que colgan desde as súas copa. A principal característica negativa dos eucaliptos é que é unha planta invasora e que ademais se aproveita dos incendios para incrementar esta característica.

Chama a atención que pase desapercibido do debate público que acarean os incendios o fondo cambio de paisaxe que se produciu desde a década dos anos 60 en toda a costa galega. Hoxe a paisaxe de costa e unha paisaxe totalmente eucaliptizado interior coa implantación do Eucaliptus nitens vai no mesmo camiño. Ademais a paisaxe non só ten o aspecto negativo da eucaliptización senón que ademais e principalmente é unha  eucaliptización asilvestrada xa que esta se produciu en boa medida polo nacemento e crecemento invasivo e espontaneo dos eucaliptos. Este asilvestramento de toda a costa galega impide a mecanización da limpeza dos montes e as medidas preventivas e de extinción dos incendios.

ENCE

A instalación no ano 1957 de ENCE na ría de Pontevedra e uns anos máis tardes en Navia Asturias ten moito que ver coa eucaliptización de toda a costa galega. E preciso subliñar que zona mais ao norte da provincia de Coruña e todo o litoral de Lugo nutre a factoría de ENCE de Navia e o resto de Galiza nutre a factoría de Pontevedra. A eucaliptal do litoral  galega e do norte de Portugal debese as subvencións do tardo franquismo á plantación do eucalipto para poder abastecer esta empresa que nun principio naceu con capital público e privado.

ENCE  nunca ten internalizado os custes económicos producidos polo  impacto da ubicación na ría de Pontevedra ao igual que nunca o fixo co impacto  negativo da implantación do monocultivo invasivo do eucalipto en todo o litoral galego e portugués; tampouco ten internalizado nin unha pequena porcentaxe dos custes das campañas de extinción de incendios que ano tras ano se veñen facendo en Galiza.

ENCE é a empresa líder europeo en produción de pasta de papel provinte do eucalipto e dende o 2008  esta asumindo fortes inversións para incrementar a súa produción de electricidade mediante restos de madeira e residuos forestais (ramas e madeira queimada non apta para produción de celulosa); tamén emprega o licor negro que son residuos do proceso de cocción da madeira para a produción de pasta de papel.

A relación entre a instalación de ENCE en Pontevedra e en Asturias  coa eucaliptización de Galiza  invadindo terras de labradío nas que traballaron moitas xeracións de antepasados para convertelas en  terras de labrado e o silvestramento dos montes galegos e mais que evidente.

O uso por parte de ENCE de madeira procedente de incendios é coñecida aínda que non proporcione datos nas súas páxinas oficiais. Todo indica que a madeira queimada pode ser empregada para a produción de pasta de papel sempre e cando se readapte o ciclo produtivo. O que é evidente  e  que para a produción de electricidade a madeira queimada non supón ningún inconveniente técnico mais si a vantaxe de obter un recurso da mesma calidade a un prezo moi inferior. A potencia instalada de ENCE é de 230 Mw dos cales 180 MW son de biomasa. A súa produción anual elevase a 1.500 millóns de Kwh. Actualmente proxecta incrementar a súa capacidade produtiva en 200 MW. ENCE incrementou a súa produción de 836.000 Mwh en 2007 a 1.332.000 Mwh en 2010. Os ingresos de ENCE proceden nun 72% da venta de celulosa, un 22% da venta de electricidade e un 6% da sección forestal (produción e venta de planta de eucalipto). O beneficio neto para o 2010 foi de 64,7 millóns de euros e de 41,2 millóns de euros en 2010.

Xestión forestal

Desde o anos 60 hasta hoxe a xestión forestal cambiou radicalmente produto do lugar que ocupa o monte no mundo agrario e rural e das aplicacións e beneficios que se obteñen coa súa produción. Nada ten que ver o modelo de xestión en explotacións agro-gandeiras próximas ao autoconsumo coas xestión forestal actual que ten o monte na maioría dos casos abandonado e cunha produción asilvestrada de eucalipto en toda a costa e como souto e outros aproveitamentos sostibles en zonas moi concretas do interior. Isto no caso de monte alto no caso de monte baixo a explotación de molime ou cereal é inexistente e o abandono e case total. O pastoreo tanto no monte alto como no baixo case non existe salvo en zonas moi concretas. O monte en man común está nunha situación similar ao particular individual co agravante que ten que enfrontase a continuas  medidas lexislativas que o queren levar a súa desaparición ou como mínimo a súa privatización en favor de grandes empresas forestais.

A inexistencia de retirada do molime en monte baixo ou alto para usos agrarios tamén é unha peza fundamental para entender o porque de incendios tan devastadores e de tanta extensión afectada. Cando esta retirada se fai porque xa se obteñen rendementos directos desta labor é fácil que se faga pero cando só se fai como mera función preventiva contra os  incendios e máis difícil que se leve a práctica polas non posibilidades de mecanización e polos altos custes en man de obra a uns propietarios cunha avanzada idade. Outra cousa que cambiou no proceso de limpeza dos montes e que cando esta labor se facía par obter o molime e polo tanto se retiraba do monte o manto vexetal este debilitábase ano a ano e a súa produción era menor. Actualmente ao facer un desbroce que tritura deixando in situ o material vexetal o que se fai e abonar os brotes do vindeiro ano. Se todos os desbroces que se fan fosen con retirada do material vexetal a vexetación e asilvestramento do monte seria moito menor.

No monte alto outra característica importante que mudou desde os anos 60 e que se pasou a entender a retirada da madeira como un proceso non gradual senón radical xa que no pasado o que se facían eran entresacas cortando a madeira que se precisaba (leña, construcións menores, etc) ou para obter uns ingresos extras. Actualmente coa mecanización do proceso extractivo o que se fai son talas totais das parcelas o que impide un fluxo de beneficio constante ano a ano. Se a este feito lle engadimos que a prolongación da vida dos que son os propietarios das fincas de labrado e monte rompeu un proceso de transmisión patrimonial pasando este de idades activas a idades próximas a xubilación no mellor dos casos fai que parte destas parcelas que se cortan na súa totalidade non sexan novamente plantadas e se deixe cun repoboamento silvestrado en moitos casos.

Tamén é preciso citar cunha porcentaxe do monte -hai especialista que falan de máis do 30%-  non ten propietario definido por mor que a transmisión patrimonial se veu parcial ou totalmente interrompida por mor da emigración e do escaso valor económico das fincas.

Política forestal

Se entendemos como política forestal a lexislación que de xeito directo ou indirecto afecta ao modelo de xestión do monte galego, podemos dicir que desde os anos 60 se levan lexislando e poñendo en práctica medidas que teñen como resultado o que agora existe e sucede. Se os incendios son mais numerosos ano tras ano ten moito que ver coa política forestal que na práctica leva vixente desde os anos 60. As modificacións lexislativa que aprobou o goberno do bipartito e que foi derogada polo goberno Feijoo, non se lle pode atribuír nin bondades nin culpabilidades na práctica pois non houbo tempo de aplicala. A política forestal iniciouse no tardo franquismo coa subvención á plantación masiva de eucaliptos pasando duns centos de hectáreas nos anos 60 a unhas 800.000 hectáreas na actualidade.

O debate de se a eucaliptización masiva de Galiza ten algo que ver ou non cos lumes é algo que sempre conta con defensores e detractores pero o que si é certo é que os incendios preceden ao incremento na extensión de eucaliptais.

O monte non so arde por unha inadecuada política forestal senón tamén por un conxunto de políticas que fan que as persoas teñan que fuxir do rural cara as vilas e cidades ou no mellor dos casos se quedan a vivir nel  desenvolvendo actividades económicas alleas ao  propio rural para poder  acadar unha renda mínima que lles permita vivir. Podemos citar como medidas favorecedoras dos incendios as subvención ao abandono da actividade agraria e gandeira, o acoso lexislativo aos Montes en Man Común, a falla de investigación sobre especies forestais substitutivas do eucalipto, o apoio da Xunta de Feijoo a fumigación masiva en propiedades alleas con agrotóxicos prohibidos para salvar os eucalipto a costa da saúde  dos habitantes destas zonas, a marxinación do rural co peche de escolas, deficiente atención sanitaria, etc.

No apartado de loita contra os incendios o que mais destaca no período citado é a aparición de distintos servizos de extinción onde a característica principal e que neles prima a causa económica sobre o propio servizo de extinción. O feito que o servizo estea disgregado en distintas empresas privadas que teñen como fin obter rendibilidade económica en base a extinción de incendios e non en base a prevención esta facendo que parte da miradas se centren no que se deu en chamar a economía do lume que non é outra cousa que todo o entramado económico de extinción (postos de traballo directo e indirectos, material de extinción, comercio de madeira queimada a baixo prezo, etc).

Tamén é preciso citar neste apartado a falla de investigación sobre a existencia dun posible entramado incendiario aceptado popularmente e citado polos distintos conselleiros con competencias no servizo de extinción de incendios desde  a aparición da Xunta de Galiza. O feito que anos tras ano veciños e veciñas galegas vexan avionetas tirando aparatos incendiarios ou se atopen artefactos incendiarios nos montes, así como que se denuncien a existencia de persoas que actúan de xeito máis que sospeitoso no monte en días de alto risco de incendio teñen que obrigarnos a esixir as pertinentes investigación moito mais aló que a simple toma de mostras na areas afectadas polo lume.

O futuro

O futuro a curto prazo non ten moita solución e tan só as medidas a medio e longo prazo poden cambiar  co tempo o panorama tan desolador co que nos enfrontamos. A longo prazo é máis que probable que a crise enerxética na que esta sumida a humanidade co encarecemento hasta niveis insoportables para o modo de vida actual das enerxía van servir para que os recursos do monte volvan a ter un valor que hoxe lles negamos.

Entre as medidas que urxe tomar compre citar:

  • Investigacións para saber se existe un enramado incendiario e saber da procedencia dos aparatos incendiarios atopados nos montes.
  • Nova lei de Montes que conte cun amplo consenso dos sectores implicados.
  • Protocolo de actuación para vehículos (nomeadamente autobuses escolares) no caso de atoparse no medio dun incendio.
  • Ampliación do radio de protección dos núcleos habitados  impedindo que o monte se achegue as casas e as edificacións.
  • Prohibición da comercialización da madeira procedente de incendios, salvo a empresas públicas de carácter social.
  • Creación dunha empresa pública de carácter social que transforme toda a madeira procedente de incendios.
  • Substitución dos arbores favorecedores dos incendios nos lindes de camiños, pistas, estradas, auto-estradas e autovías por vexetación que funcione como muros verdes de contención da propagación do lume para evitar o efecto gaiola e criar numerosos corta-lumes naturais.
  • Inversión en investigación para conseguir eucaliptos que non teñan  capacidade reprodutiva (evitar o efecto invasivo desta especie) e de especies herbáceas compatibles cos eucaliptos (p. e. millá) que eviten a propagación dos incendios.
  • Desenrolar maquinaria para o desbroce con retirada do material vexetal dos montes e das beiras das estradas.
  • Subvencionar e favorecer a implantación de actividades agrarias e gandeiras que eviten os incendios.
  • Plan de ordenamento territorial que  favoreza a multifuncionalidade do monte e limite o monocultivo do eucalipto.
  • Modificación da lexislación que permita acordos de uso de montes abandonados sen modificar a titularidade da propiedade.
  • Apoio a implantación e subvención da actividade de empresas de base cooperativa que faga uso dos material de desbroce dos montes.
  • Aplicar medidas económicas que non favoreza a economía do lume, nomeadamente no servizo  de extinción. senón todo o contrario.
  • Incluír ao eucalipto no catalogo de plantas invasións establecendo limitacións a súa proliferación.
  • Prohibir a plantación de especies invasivas (eucalipto) nos cultivos enerxéticos forestais. Investigar  con especies autóctonas.
  • Campañas de deseucaliptización de zonas de especial interese ecolóxico e paisaxístico como parque naturais, rede natura, acantilados, etc.
  • Aparición de denominacións protexidas con  apoio económico da administración a produción e comercialización de produtos que procedan dun uso sostible dos montes e que evite os incendios (castaña, setas, animais en liberdade, etc)
  • Apoio a novos usos e a comercializacións das especies forestais e herbáceas autóctonas (carballo para barricas, bidueiro para mobles, toxo  e molime para compost e pelets, etc)
  • Servizo publico e único de extinción de incendios incluído no mesmo a extinción aérea.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *