A crise

A crise

Non vou referirme neste artigo á crise económica, pois esta non é a máis importante que está a vivir a sociedade occidental nestes tempos tan revoltos. Quero referirme a crise de sistema que cada día é máis patente e que se demostra na ineficacia das vellas receitas para solventar os problemas cotiás. Todo parece indicar que, aínda que a inmensa maioría das persoas non son conscientes de xeito racional da crise de sistema, si o son de xeito inconsciente, e por iso en poucos meses mudan de xeito radical os hábitos de consumo, arrastrando con iso o inicio da modificación da escala de valores. En poucos meses púxose de moda aforrar e o consumo de produtos básicos aumentou, mentres que os superfluos, os de imaxe, caeron de xeito importante. Este cambio de conduta está arrastrando a numerosas empresas a unha crise da que, con toda seguridade, non van ser quen de saír por moita reactivación económica que propoñan os gobernos. A caída da venda de coches novos é un claro exemplo do que estou a dicir. O coche en propiedade non é un vehículo para trasladarse dun sitio para outro, era e segue a ser o elemento que representa o status social ao que se pertence, ou peor aínda, ao cal nos gustaría pertencer. Unha cousa parecida sucede coa vivenda e coa súa situación. Metéronnos na cabeza que a vivenda ten que ser o máis grande posíbel, situada na urbanización de moda e contando con todos os chintófanos modernos habidos e por haber e todo iso desde o primeiro momento, sen esperar. Acadado o obxectivo da primeira vivenda e sen a ter rematado de pagar, adestráronnos a adquirir a segunda en primeira liña de praia e rodeados de moitos individuos cun comportamento igual ao noso. Foron moi poucos os que reflexionaron que coa adquisición da segunda vivenda para as vacacións o que realmente fixeron foi renunciar a unhas vacacións de verdade para toda a vida.

O combustíbel hai tempo que non ten un prezo tan baixo, os tipos de xuro están en cotas mínimas históricas e a crise persiste. Os governos rebaixan impostos e fomentan a adquisición de bens que movían a economía actual, mais as persoas parece que decidimos pasar do xogo. Non se consume, as taxas de aforro dispáranse e a xente despedida desesperase e dáse conta que nunca vai volver a ser o que era. A sociedade está a mudar, o cambio de sistema e posíbel que estea aquí pero iso non quere dicir que o camiño do futuro estea feito, que exista un roteiro; mesmo é totalmente seguro que a volta duns meses se dean síntomas dun leve despegue económico, o que vai ser aproveitado polos países produtores de petróleo para encarecer este ben finito e polas grandes empresas para sacar uns beneficios que non están obtendo agora, volvéndose a unha nova crise que non vai ser outra que a mesma que na que estamos agora. Os países produtores de petróleo están inmersos na mesma cultura na está agora todo o occidente que non é outra que a de correr, correr e correr. Correr para adiante, correr sen meta, coa única finalidade de ir máis lonxe para novamente ir máis lonxe. Esta carreira (consumista) cara o infinito non ten ningún sentido pero dixéronnos, e terminámolo crendo, que aló no infinito está a felicidade e o único que ao final conseguimos é gastar, gastar e consumir moitos recursos finitos o que tan só beneficiou, e beneficia, a uns poucos.

A gran crise do sistema está por chegar: a que vai mudar todo, a que vai cambiar a sociedade, a que os grandes e poderosos saben que está aí as portas e non é outra que a crise dos alimentos básicos, ese ben imprescindíbel do que nos esquecemos en occidente por “innecesario” e por barato, e porque o noso poder adquisitivo nos permitía quitárllelo da boca aos países subdesenvolvidos. A crise dos alimentos vai vir producida pola crise da produción dos mesmos pois o petróleo, hoxe barato, vai ser moi caro a curto prazo e o 90% dos alimentos necesitan do petróleo para producirse (abonos e fitosanitarios) e ademais para transportalos a grandes distancias dos centros de produción. Dentro duns poucos anos é máis que probable que as persoas que non sexan capaces de producir os seus propios alimentos pasen fame; menos mal que neste caso en Galiza temos grandes vantaxes comparativas, pois toda Galiza é unha grande aldea e ate nas cidades podemos atopar hortas e sobre todo persoas que saben como plantar as patacas.
A crise de sistema esta a afectar non só ao sistema financeiro senón que tamén a economía real e á política, por iso existe unha crise do aparato político que sustenta o sistema, é dicir, os partidos políticos, sindicatos, asociacións etc. Esta crise de sistema está provocando, e vai provocar, efectos pendulares a curto prazo, e o perigo que corremos desde a esquerda é que nun destes movementos o fascismo se implante na sociedade de xeito prolongado. A xente busca saídas á situación actual e daralle posibilidades a esquerda, pero se esta fracasa, se ao final fai o mesmo que a dereita, será o fascismo coas súas medidas de brutalidade policial e racismo o que se implante na sociedade, criando un inimigo imaxinario e culpábel ao que hai que combater para que todo volva a ser como era. A esquerda non pode combater a crise do automóbil fomentando a adquisición de coches innecesarios nin fomentando un consumo irracional de chintófanos co único obxectivo de reactivar a economía das multinacionais, por moito que o paro sexa o principal problema das persoas. A esquerda alternativa ten que aproveitar esta crise para afondar en modelos que sexan sustentábeis como é o transporte colectivo e a diferenciación das necesidades básicas (alimentación, vivenda, educación e sanidade) das superfluas.

Nos próximos meses, mesmo anos, imos ver continuas crises e rexeneracións de partidos e sindicatos que non van ser máis que maquillaxes do existente, pero tamén e posíbel que vexamos a aparición de modelos organizativos alternativos; nestes últimos é onde están as nosas posibilidades de éxito, aínda que moitos deles fracasen a curto prazo, pois como xa dixen a folla de ruta non está escrita e o que é peor: ninguén é quen de escribila.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará